José Amedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Amedo
Biografía
Nacemento(es) José Amedo Fouce Editar o valor em Wikidata
3 de xaneiro de 1946 Editar o valor em Wikidata (78 anos)
Cerceda, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolicía Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiJosé Ramón Amedo Fernández Editar o valor em Wikidata

José Amedo Fouce, nado en Cerceda (O Corgo) en 1946, é un ex-policía galego que participou no terrorismo de Estado contra ETA, sendo un membro destacado dos Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o maior dos tres fillos do policía e tirador José Ramón Amedo.[1] Nado na parroquia de Cerceda, no concello lucense do Corgo, trasladouse aos tres anos coa súa familia a Bilbao, cidade á que foi destinado seu pai. En 1968 ingresou no Corpo Xeral de Policía (convertido posteriormente no Corpo Nacional de Policía) e foi destinado desde o principio ao Servizo de Información da Xefatura Superior de Policía de Bilbao, onde chegou a ser subxefe do Grupo de Información da Brigada Rexional.

Durante a década de 1970 traballou en traballos de espionaxe relacionados co ambiente da organización terrorista ETA, organización que intentou matalo reiteradamente. Foi tamén tirador deportivo, ao igual que seu pai, e proclamouse campión de España en carabina.[1]

Secuestro de Segundo Marey[editar | editar a fonte]

En 1983, a raíz do secuestro por parte de ETA do capitán do exército Alberto Martín Barrios, e despois da correspondente información e contactos nos que participou xunto co entón gobernador civil de Biscaia Julián Sancristóbal e os policías Francisco Álvarez Sánchez —Xefe superior da Policía de Bilbao e delegado da Loita Antiterrorista para o País Vasco e Navarra— e Miguel Planchuelo —Xefe da Brigada Rexional de Información da Loita contra o Terrorismo—, as autoridades españolas decidiron secuestrar ao suposto membro de ETA José María Larretxea Goñi. Sancristóbal consultou co ministro do Interior José Barrionuevo e co director de seguridade do Estado Rafael Vera, que deron o visto e prace a unha operación que rematou coa detención de catro policías, o inspector de policía Jesús Alfredo Gutiérrez Argüelles e tres GEOs. Para lograr a liberación destes policías, decidiron facer presión sobre as autoridades francesas secuestrando ao membro de ETA Mikel Lujua Gorostola. Con todo, secuestraron por erro ao cidadán hispano-francés Segundo Marey Samper. Este secuestro foi reivindicado polos Grupos de Liberación Antiterrorista, un grupo ata entón descoñecido e cuxas siglas (GAL) pronto serían asociadas á guerra sucia contra ETA do goberno español.[2][3]

Procesamento e condena[editar | editar a fonte]

Amedo foi detido en xullo de 1988 por orde do xuíz instrutor Baltasar Garzón tras a publicación de diversas informacións sobre a "guerra sucia" nos xornais Diario 16 e El Mundo. A investigación posterior revelou que en 1986 Amedo realizou varias viaxes a Portugal, de carácter oficial e pagadas con fondos reservados do Ministerio do Interior, nos que contratou mercenarios portugueses para atentar contra membros de ETA no sur de Francia.[4]

O 20 de setembro de 1991 foi condenado pola Audiencia Nacional a 108 anos e oito meses de prisión e a inhabilitación accesoria por seis delitos de tentativa de asasinato (cinco como autor moral e outro como autor por indución), lesións, asociación ilícita asociación e falsificación, todo isto en relación co chamado "caso Amedo-Domínguez".[5] Esta sentenza foi confirmada de modo practicamente íntegro pola Sala Segunda do Tribunal Supremo o 12 de marzo de 1992.

En xullo de 1998 foi condenado pola Sala Segunda do Tribunal Supremo a nove anos e seis meses de prisión e once anos de inhabilitación absoluta polos delitos de secuestro e malversación de fondos públicos, en relación co chamado "caso Marey", nunha sentenza que tamén condenou a outros policías e responsables de seguridade do Estado e altos cargos do Ministerio do Interior como José Barrionuevo, Rafael Vera, Julián Sancristóbal e Ricardo García Damborenea.[6] Aínda que decidiu non recorrer, a sentenza foi confirmada polo Tribunal Constitucional en marzo de 2001.[7]

Repercusións políticas[editar | editar a fonte]

Ata 1994, Amedo argumentaba que os "GAL son un invento de Herri Batasuna e un xornalista batasuno" e que o "primeiro xornal que lía sempre na prisión era El Mundo, para ver as mentiras que sacaba".[8] Con todo, nesa data Amedo e Domínguez prestaron unha declaración ante o xuíz Baltasar Garzón que permitiu reabrir o "caso Marey".[9] Así mesmo, nunha entrevista coa Cadena Ser en 1995, afirmou que lle parecía "aberrante" falar de se tiña sido apremado por Garzón, aínda que en 1997 acusouno precisamente de prevaricación e coaccións durante a instrución dos sumarios relacionados cos GAL.[10] En calquera caso, Amedo e Domínguez achegaron probas materiais da participación na "guerra sucia" dunha gran parte da cúpula da Seguridade do Estado durante os gobernos do PSOE presididos por Felipe González, así como de cualificados membros deste partido nesa época, tales como como José Barrionuevo, Rafael Vera ou Ricardo García Damborenea, este último secretario xeral do Partido Socialista de Euskadi en Biscaia e membro do Comité Executivo Federal do PSOE; todos eles condenados a diferentes penas pola súa participación cos GAL.[6]

Trala saída do cárcere[editar | editar a fonte]

Amedo quedou en liberdade condicional no 2000, despois de pasar doce anos de prisión, a metade deles en réxime aberto.[11] En 2003 foi absolto por falta de probas no xuízo polo asasinato de Santiago Brouard.[12]

Trala súa liberación, Amedo dedicouse á xestión inmobiliaria e a escribir.[13] En 2006 presentou o seu libro La conspiración, onde aseguraba ter recibido pagos de 30 millóns de pesetas de Pedro J. Ramírez, director do xornal El Mundo, para que falase dos GAL.[14] Tamén afirmou que a investigación dos GAL só obedecía aos intereses persoais que Pedro J. Ramírez, Baltasar Garzón e Francisco Álvarez-Cascos tiñan en afastar a Felipe González do poder.[15]

En 2013 presentou o seu novo libro titulado Cal viva, onde revelou algúns detalles do GAL.[16] En 2016 declarou sentirse culpable e arrepentido pola súa participación nos GAL e pediu que se recoñecese que os GAL foron creados, apoiados e financiados polo Estado español.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "La pasión por las armas del padre del subcomisario Amedo". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de marzo de 1989. p. 72. 
  2. "Sentenza do Caso Marey". El Mundo (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  3. "Un extraño secuestro que dio a conocer los GAL". El País (en castelán). 20 de decembro de 1994. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  4. "23 muertes y un juicio". El País (en castelán). 20 de setembro de 1991. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  5. "Los policías Amedo y Domínguez, condenados a más de 100 años por seis asesinatos frustrados". El País (en castelán). 20 de setembro de 1991. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  6. 6,0 6,1 "El Supremo condena a Barrionuevo y Vera a 10 años de cárcel por secuestro". El País (en castelán). 30 de xullo de 1998. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  7. Tribunal Constitucional de España. STC 70/2001, de 17 de marzo de 2001. BOE núm. 83, de 6 de abril de 2001.
  8. Ortiz, Javier (27 de marzo de 1995). "Amedus Fauces Ferox". El Mundo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2009. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  9. "Amedo y Domínguez colaboran con la Justicia e implican al Gobierno en el montaje de los GAL". El Mundo. 20 de decembro de 1994. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2009. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  10. "Amedo acusa al juez Garzón de coacción y chantaje". El País (en castelán). 9 de xaneiro de 1997. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  11. "El expolicía Amedo, en libertad condicional tras cumplir 12 años de cárcel". El País (en castelán). 8 de xuño de 2000. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  12. Guenaga Bidaurrazaga, Aitor (9 de xullo de 2003). "La sentencia absolutoria del 'caso Brouard' ya es firme". El País (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  13. 13,0 13,1 "El expolicía José Amedo muestra su "total arrepentimiento" por los GAL y reniega de su pasado en una carta". RTVE (en castelán). 30 de decembro de 2016. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  14. "Testimonio de Amedo". El Periódico de Aragón (en castelán). 12 de febreiro de 2006. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  15. Mercado, Francisco (10 de febreiro de 2006). "La conspiración de 1994". El País (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  16. "José Amedo presenta su libro sobre los GAL 'Cal viva'" (en castelán). 5 de outubro de 2013. Consultado o 18 de setembro de 2021.