Grupos Antiterroristas de Liberación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL) foron agrupacións armadas parapoliciais que practicaron o que se denominou terrorismo de Estado ou "guerra sucia" contra o grupo terrorista ETA e a súa contorna, durante a década de 1980. Foron creados e dirixidos por altos funcionarios do Ministerio do Interior de España, durante o goberno do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) do presidente Felipe González.

Aínda que dicían combater a ETA, en varias ocasións atentaron contra simples militantes da esquerda independentista vasca e contra ecoloxistas. Tamén realizaron accións indiscriminadas debido ás cales faleceron cidadáns franceses sen adscrición política coñecida.

Os GAL foron obxecto das investigacións do xornal El Mundo, dirixido por Pedro J. Ramírez, e por outros xornalistas como Pepe Rei. Estas investigacións serviron para expoñer á opinión pública a organización, fontes de financiamento e implicacións políticas dos GAL.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Durante a ditadura de Franco e a Transición Española, cos gobernos de Unión de Centro Democrático (UCD) existiron diversas organizacións que utilizaron prácticas terroristas para enfrontarse a ETA, como a Triple A, o Batallón Vasco Español (BVE), os Comandos Antimarxistas, os Grupos Armados Españoles e Antiterrorismo ETA (ATE). Algúns actuaban por libre, simplemente tolerados, mentres que outros tiñan apoios por parte de altas instancias do goberno. Tamén existían grupos que actuaban supostamente integrando a algúns membros do aparello de Corpos e Forzas de Seguridade de entón que coordinaban as accións e aleccionaban nas tácticas e o manexo de armas, funcionando como auténticos comandos terroristas de gran mobilidade con colaboración de grupos armados internacionais (OAS, Triplo A, ...)

Os casos do atentado contra Antonio Cubillo, dirixente do MPAIAC (grupo independentista das Illas Canarias) en 1978, imputado a axentes co apoio directo do Ministerio do Interior español, ou do secuestro, malos tratos, tortura e simulación de execución do director do semanario El Doblón, José Antonio Martínez Soler en marzo de 1976 trala publicación dun artigo denunciando a purga de mandos moderados da Garda Civil, causaron grande impacto na opinión pública española e internacional pola súa implicación con forzas relacionadas co aparello de represión do Estado.

Actuación[editar | editar a fonte]

O caso "Segundo Marey"[editar | editar a fonte]

En decembro de 1983 Segundo Marey, cidadán hispano-francés, foi confundido cun etarra e secuestrado polos GAL na localidade francesa de Hendaia. Unha hora despois do secuestro foi detido como sospeitoso Pedro Sánchez, antigo cabo da Lexión francesa. Marey foi liberado dez días despois en territorio francés, a tres quilómetros do paso fronteirizo de Dancharinea (Navarra).

En decembro de 1987 Mohand Talbi e Jean Pierre Echalier foron xulgados e condenados a 13 anos de prisión polo seu secuestro. Sánchez morrera en prisión, segundo Talbi envelenado. O mercenario do GAL asegurou que entregaran a Marey a policías españois en Dancharinea, logo de chamar a dous "teléfonos para urxencias" ao coñecer a detención de Sánchez. Un dos teléfonos correspondía ao Goberno militar de Biscaia e o outro á xefatura superior de policía.

O xuízo de Amedo y Domínguez[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1988 a Sala do Penal da Audiencia Nacional encontrou indicios delitivos na actuación do subcomisario José Amedo, quen fora implicado nos asasinatos do GAL nun xuízo celebrado en Lisboa por uns mercenarios portugueses que aseguraban ser contratados polo subcomisario para atentar contra etarras no sur de Francia. O xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón fíxose cargo das investigacións, descubrindo segundo un informe do Ministerio de Interior que as viaxes de Amedo a Portugal en 1986 foron de carácter oficial e pagados con fondos reservados do Estado. En xullo do mesmo ano Garzón ditou prisión incondicional para Amedo e o inspector Michel Domínguez como presuntos organizadores dos GAL, quen foron procesados en xuño de 1989 pola Audiencia Nacional e condenados o 20 de setembro do mesmo ano a 17 anos, 4 meses e 1 día de prisión por cada un dos seis asasinatos frustrados nos que participaron como autores por indución, cinco deles no atentado ao bar "Batxoki", de Bayonne (Francia) e o sexto no bar "A Consolation", de San Juan de Luz. Tamén recibiron penas menores polos delitos de asociación ilícita e de falsidade de documentos de identidade. O tribunal preferiu a tipificación do delito de asociación ilícita ao de integración na banda terrorista, o que coincidía coa tese do Ministerio do Interior que contemplaba os GAL como "grupos de delincuentes inconexos entre si" e non coma terroristas. O fallo indicaba que non foi posible determinar a estrutura interna, a escala xerárquica nin as fontes de financiamento dos GAL, co que quedaba en suspenso a identidade dos xefes superiores dos dous axentes nesta trama.

O avogado defensor dos policías considerou que o tribunal vulnerara «de xeito claro e rotundo o principio de presunción de inocencia». Doutra banda, o avogado da acción popular presentada pola Asociación contra a Tortura criticou a sentenza, especialmente o rexeitamento do tribunal a condenar aos acusados por integración en banda terrorista.

Reapertura do caso Marey[editar | editar a fonte]

O xuíz Baltasar Garzón, que en xullo de 1993 reabriu o expediente sobre o secuestro de Segundo Marey para evitar que prescribira, indagaba nos escándalos destapados sobre o desvío de fondos reservados na investigación sobre o ex-xefe da Garda Civil, Luís Roldán, por se houbese algunha referencia a Amedo, Rodríguez e os GAL. A súa investigación dos fondos reservados fora impedida desde a etapa de José Barrionuevo como Ministro de Interior, época en que Felipe González, presidente do goberno, declaraba: «Nin hai probas nin as haberá». Fronte á negativa de Interior, Garzón obtivo o apoio que solicitou do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Julián Sancristóbal, gobernador civil de Biscaia durante o secuestro de Segundo Marey, foi encarcerado en decembro de 1994 acusado de asasinato frustrado, detención ilegal e malversación de fondos públicos, tres días despois de que Amedo e Domínguez aportasen ao xuíz Garzón información sobre aquel feito. Tamén foron detidos Francisco Álvarez, Miguel Planchuelo, e Julio Ferro, xefes directos de Amedo e Domínguez durante a época dos atentados dos GAL, e Francisco Saiz Oceja, xefe da Brigada da Policía Xudicial de Bilbao. Os partidos políticos manifestaron a súa preocupación polas repercusións políticas da reapertura do caso GAL. Rodrigo Rato, portavoz do PP no parlamento, declarou: «Non estamos ante un tema xudicial e penal senón ante un tema político moi serio que pode afectar a institucións moi importantes do noso sistema. Parece imprescindible que o Goberno, dea explicacións ao Congreso sen que sexa obrigado pola oposición». José Luís Galán, avogado da acusación popular do caso GAL vinculaba a detención de Sancristóbal co financiamento dos GAL con cargo aos fondos reservados «Nós sempre tivemos a firme e vehemente sospeita de que Sancristóbal estaba moi preto non só do financiamento, senón da organización dos GAL». O ex ministro de Interior José Barrionuevo expresou un rotundo apoio aos detidos: «Todas estas persoas, mentres eu fun ministro do Interior, tiveron un comportamento excelente, leal e meritorio para este país, e eu estou con eles e seguirei estando».

En febreiro de 1995 Amedo declaraba nunha entrevista en Tele 5 que Sancristóbal acabaría por derrubarse, e que revelaría todo o que sabía sobre o GAL. Segundo dicía o ex subcomisario, Sancristóbal díxolle: «Se van a por min, afundirei ao presidente». O Partido Popular solicitaba que o Fiscal Xeral do Estado informase sobre os GAL ante a comisión de Xustiza e Interior. O 17 de febreiro o xuíz Garzón decretou o ingreso en prisión incondicional comunicada e sen fianza de Rafael Beira, número dous de Interior e responsable da loita antiterrorista durante nove anos cos ministros José Barrionuevo e José Luís Corcuera, inculpado por malversación e evasión de capitais, pola presunta entrega de 200 millóns de pesetas ás mulleres de Amedo e Domínguez e polo encubrimento e financiamento (cun millón de francos franceses, obtidos dos fondos reservados) do secuestro de Segundo Marey en 1983. Mentres o Goberno manifestaba «perplejidad e dor» polo encarceramento de Beira, o líder da oposición, José María Aznar, declaraba que «O Goberno e o seu presidente teñen agora ante a opinión pública moita máis responsabilidade política que antes». Tamén ingresou en prisión Ricardo García Damborenea, ex secretario rexional dos socialistas biscaíños, nese momento próximo ao Partido Popular, acusado de detención ilegal e tentativa de asasinato pola súa presunta implicación no secuestro de Marey.