Igrexa de Alskog

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Alskog
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónAlskog
Coordenadas57°19′53″N 18°37′38″L / 57.33144444, 18.62733333Coordenadas: 57°19′53″N 18°37′38″L / 57.33144444, 18.62733333
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Alskog (sueco: Alskogs kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Alskog, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia[editar | editar a fonte]

Probablemente no lugar houbo unha igrexa de madeira anterior, da que se conservarían restos nas construcións de madeira do primeiro piso da presente torre. Atopáronse tres táboas con restos de alcatrán, o que indica que serviron como parede exterior dese edificio de madeira.[1]

A igrexa de pedra comezou a construírse na segunda metade do século XII. Primeiro construíronse un coro cunha ábsida que foi demolido para construír o presente coro de estilo gótico ao redor do ano 1300. Desta primeira construción consérvaronse algúns restos do muro baixo o chan do novo coro e partes do portal e das fiestras.[1]

A parte máis antiga do actual edificio é a nave, que data do primeiro cuarto do século XIII.[1] Esta amosa un portal sur pouco común, decorado con esculturas. No seu interior, a nave está dividida en dúas partes por dúas columnas centrais engadidas despois da súa construción e ten un teito abovedado. A torre é posterior, do segundo cuarto do mesmo século.[1] O seu portal amosa semellanzas co portal da torre da catedral de Visby. O coro e a sancristía, moito máis grandes, foron engadidos ao redor do ano 1300. Os plans probablemente eran reconstruír toda a igrexa e convertela nun edificio gótico máis grande, pero por algunha razón só se recostruíu a parte leste da igrexa.[2]

Dende a idade Media a igrexa sufriu poucas alteracións. Durante o século XIX engadíronse algunhas fiestras e instaláronse novos bancos. Nos anos 1964 e 1965 a igrexa foi restaurada.[2]

Inventario[editar | editar a fonte]

Do seu mobiliario, a cruz triunfal, que data de ao redor do ano 1200, é talvez o máis destacable, xunto coa ricamente tallada pía bautismal que aínda ten importantes restos da súa cor orixinal e que é da mesma época. Tamén sobreviviron algunhas esculturas medievais separadas que orixinalmente formaban parte dun retablo do século XIV. As fiestras da igrexa conservan varios paneis de vidreiras de ao redor do ano 1300, probablemente de cando foi construído o coro. Estas amosan escenas da vida de Xesús. Da época tras a Reforma destaca o púlpito, feito en 1586 e sendo o máis antigo de Gotland. A igrexa tamén ten un par de bolsas bordadas para a recolección de esmolas feitas en Istanbul en 1775. Estas chegaron á igrexa da man do sacerdote da legación sueca na cidade, que era fillo dun pastor na igrexa de Alskog.[2]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Lagerlöf, Erland. (1968). Alskogs kyrka. Almqvist et Wiksell. OCLC 888762558. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 88–90. ISBN 9129410355.