Herba de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Herba de Santiago
Senecio jacobaea
Senecio jacobaea
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Asteridae
Orde: Asterales
Familia: Asteraceae
Subfamilia: Asteroideae
Tribo: Senecioneae
Xénero: 'Senecio'
Especie: ''S. jacobaea''
Nome binomial
''Senecio jacobaea''
L.

A herba de Santiago ou herba do sapo[1] (Senecio jacobaea) é unha planta de flor brava moi común da familia Asteraceae que se atopa distribuída por toda Europa, normalmente en espazos abertos e en terreos con certo grao de humidade, ben drenados. É común en Galiza en prados e lameiros, floreando de maio a agosto. Caracterízase polo seu recendo lixeiro.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea bianual ou perenne. Os vástagos son ergueitos, rectos, teñen uns poucos pelos, e acadan unha altura de 0,3 a 2 metros. As follas son lobuladas pinnadas e o lóbulo do extremo está embotado. En inglés ten moitos nomes que inclúen a verba fart (que fede), por mor do fedor das súas follas. En galego tamén recibe o nome de herba do sapo. As flores son capítulos hermafroditas dun diámetro de 1,5 a 2,5 centímetros, rematado plano e se presentan en acios mestos, os floretes (falsos pétalos) son de cor amarela brillante. Ten un período de floración longo dende xuño a novembro.

A polinización fana as abellas, moscas e lepidópteros (avelaíñas e bolboretas). Nunha estación, unha planta pode producir 2000 a 2500 flores amarelas en 20 a 60 capítulos, de remate plano corimbos. Con estas cifras, as cantidades de sementes que se producen pode ser tan grande como de 75.000 a 200.000, aínda que moi pocas destas dan lugar a plantas novas e a investigación demostrou que as sementes non viaxan a gran distancia da planta proxenitora.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Acéptanse dúas subespecies:

  • Senecio jacobaea ssp. jacobaea - a planta típica, cos floretes (falsos pétalos) radiantes na inflorescencia.
  • Senecio jacobaea ssp. dunensis - sen os floretes radiantes da inflorescencia.
Herba de Santiago

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Pódese atopar ao longo dos beirados dos camiños, en barbeitos, e medra en todas a zonas frescas e de precipitacións relativamente abundantes. En Galiza aparece en lamazais e carreiros.

É nativa do continente eurasiático. En Europa desenvólvese extensamente, dende Escandinavia ao Mediterráneo. En Gran Bretaña considérase mala herba. Nos EUA introduciuse, achándose principalmente nos estados do norte e do oeste: California, Idaho, Illinois, Maine, Massachusetts, Míchigan, Montana, Nova Jersey, Nova York, Oregon, Pennsylvania e Washington.

En América do Sur naturalizouse na Arxentina. Tamén aparece no norte de África, no continente asiático na India e en Siberia. Amplamente distribuída como mala herba en Nova Zelandia e Australia.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

É o alimento das larvas de Cochylis atricapitana, Phycitodes maritima, e Phycitodes saxicolais. É ben coñecida por ser o alimento das eirugas da avelaíña: Tyria jacobaeae.

As larvas absorben os alcaloides da planta que chegan a ser desagradábeis para os depredadores, un feito anunciado polas cores amonestadoras negras e amarelas. O vermello e o negro, cores da avelaíña adulta de actividade diúrna son tamén cores desagradábeis para moitos dos seus depredadores potenciais.

É a planta hóspede para o coleóptero Longitarsus ganglbafueri.

Efectos velenosos[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea, coñecida dende hai tempo polas súas propiedades tóxicas, especialmente no gando.

Usos populares[editar | editar a fonte]

Úsase coma hipoglucemiante, venotónico, emenagogo, anteidismenorréico. Está indicada en problemas circulatorios (como en varices), que ademais acelera a aparición da menstruación e que por último combate as molestias ocasionadas polo ciclo menstrual. Cómpre non esquecer que a planta é tóxica: así, sábese que no gando produce importantes lesións hepáticas e que así mesmo estas afeccións pódeas provocar no home. Utilizouse en época medieval até mediados do século XX en inflamacións dos ollos, para dores e úlceras cancerosas, reuma, ciática e gota, para os casos dolorosos.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Non se ten información de ningún cultivo nin cultivar existente desta planta.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Xunto coa fucsia, é a flor nacional da Illa de Man, onde se coñece coma cushag.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomes vulgares galego en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Herba de Santiago
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herba de Santiago Modificar a ligazón no Wikidata