Gueto de Varsovia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fronteiras do Gueto de Varsovia.
Memorial dos Heroes do Gueto.

O Gueto de Varsovia (Getto warszawskie, en polaco; Warschauer Ghetto, en alemán) foi o gueto xudeu máis grande establecido pola Alemaña Nazi en Polonia durante o Holocausto, na Segunda Guerra Mundial. Durante o tres anos da súa existencia, a fame, as enfermidades e as deportacións a campos de concentración e de exterminio minguaron a súa poboación dun total estimado en 400.000[1] a 50.000 habitantes. Neste gueto desenvolveuse o levantamento do Gueto de Varsovia, unha das primeiras revoltas masivas contra a ocupación nazi en Europa.

Formación do gueto[editar | editar a fonte]

Os primeiros plans para illar á poboación xudía de Varsovia xurdiran axiña despois da ocupación alemá de Polonia en 1939. Con todo, a administración alemá do Goberno Xeral non estaba completamente organizada nese intre, e existían conflitos de intereses entre os tres principais actores: a administración civil, o exército e as SS. Nestas circunstancias, o Consello Xudeu, ou Judenrat, liderado por Adam Czerniaków, conseguiu atrasar o establecemento do gueto nun ano, sobre todo apelando aos militares a considerar aos xudeus como un recurso laboral importante.

Soldados alemáns arrestando a xudeus durante o levantamento do Gueto de Varsovia, en maio de 1943

O gueto foi finalmente establecido polo Gobernador Xeral alemán para Polonia, Hans Frank, o 16 de outubro de 1940. Naquel entón, a poboación do gueto roldaba as 380.000 persoas, preto do 30% do total de habitantes de Varsovia. En cambio, o seu tamaño ocupaba só 2,4% do territorio. Durante o ano e medio seguinte xudeus da cidade e localidades contiguas menores foron trasladados forzosamente cara ao gueto. As enfermidades (sobre todo, febre tifoidea) e maila fame, contribuíron, con todo, a manter o número de habitantes estable. Cabe considerar que as racións alimenticias para xudeus eran oficialmente limitadas a apenas 184 calorías por día, mentres que aos polacos correspondíanlles 1800 e aos alemáns 2400.

Os nazis pecharían o acceso do gueto de Varsovia ao exterior o 16 de novembro de 1940, cercándoo primeiro con arames de púa e logo construíndo un muro de tres metros de altura e 18 quilómetros de longo.

Vida social e cultural do gueto[editar | editar a fonte]

Para o funcionamento e a orde do gueto, nuns casos, e o sostemento e a axuda mutua das persoas que alí vivían, noutros, existiron organizacións e institucións funcionando no gueto.

O Judenrat e movementos xuvenís, entre outros, tentaron amortecer as inhumanas condicións de vida. Os maiores problemas eran o sobrepoboamento nos fogares, a fame, a inactividade nuns e as malas condicións de traballo noutros.

Xudeus prendidos por soldados alemáns sendo deportados, abril de 1943

En resposta a isto, o Judenrat tomou a responsabilidade de levar a media de aloxamento a sete persoas por dormitorio. Outras organizacións como CENTOS (financiada polo Comité Conxunto Xudeu-Estadounidense de Distribución, American-Jewish Joint Distribution Committee) organizaron cantinas onde se daban pratos de sopa de balde e outras solucións para a redistribución dos bens e os alimentos dispoñibles aos desposuídos. Durante 1941 as cantinas de sopa chegaron a alimentar a dous terzos da poboación do gueto.

Por un curto período, o Judenrat tivo tamén permiso para organizar catro escolas primarias, dos graos primeiro a terceiro, para os nenos do gueto. Xunto a isto existía un amplo sistema clandestino organizado polas organizacións xuvenís que cubría todos os graos. A miúdo, o derradeiro sistema encubríase como cantinas de sopa.

O Judenrat era ademais responsable dos hospitais e orfelinatos que funcionaban no gueto. Un dos orfelinatos, dirixido polo pediatra Janusz Korczak, chamábase a "República dos Nenos". Estes centros de saúde foron clausurados en 1942 e os seus responsables deportados a Treblinka.

A vida cultural incluía unha prensa diaria (en ocasións clandestina) en tres linguas: (yídish, polaco e hebreo). A actividade relixiosa incluíu por un tempo celebracións xudías permitidas abertas mentres que, noutras ocasións, realizáronse reunións en domicilios particulares cos rabinos. Ademais, existía unha igrexa para os xudeus convertidos ao catolicismo.

Así mesmo, chegáronse a dar concertos de música clásica no gueto. Marcel Reich-Ranicki conta que non había dificultade en atopar excelentes violinistas e músicos de instrumentos de corda en xeral; máis difícil, segundo el, era a procura de músicos de instrumentos de vento. En xeral, estes non tiñan experiencia en orquestras sinfónicas, xa que eran músicos de jazz e de pequenos grupos. Con todo, esforzáronse para este fin e lográronse bos resultados. Tamén houbo obras de teatro e exposicións de arte. En moitos casos os artistas eran figuras prominentes da vida cultural polaca de entón.

Un dos máis notables esforzos de preservación cultural foi liderado polo historiador Emanuel Ringelblum e o seu grupo Oyneg Shabbos, que colleitou documentos de persoas de todas as idades e posicións para crear unha historia social da vida no gueto. En total, estímase que obtiveron preto de 50.000 documentos históricos, incluíndo ensaios sobre varios aspectos da vida no gueto, diarios, memorias, coleccións de arte, publicacións da prensa ilegal, deseños, traballo escolar, pósteres, entradas de teatro, receitas, etc. Estes documentos foron agochados dos alemáns en tres lugares separados, e dous deles foron recuperados, sendo a fonte primaria de investigación sobre o gueto de Varsovia. Actualmente pénsase que o terceiro rolo de documentos podería estar soterrado baixo o edificio actual da embaixada de China.

Fin do gueto[editar | editar a fonte]

O 20 de xaneiro de 1942, os líderes nacionalsocialistas decidiron na Conferencia de Wannsee exterminar aos xudeus de Europa. A primeira fase do que chamaron a Solución Final foi a Operación Reinhard, para o exterminio dos xudeus en Polonia. Para isto comezouse a construción do campo de exterminio de Treblinka en maio de 1942, concluíndose a obra en xullo, coincidindo co inicio da liquidación do gueto varsoviano.

O 22 de xullo comezou a Große Umsiedlungsaktion ("Gran acción de realoxamento"). O Judenrat foi informado entón de que todos os xudeus, agás aqueles que traballaban en fábricas alemás, o persoal de hospitais xudeu, os membros do Judenrat e as súas familias e os membros da forza policial xudía e as súas familias, serían "deportados ao Leste".

A policía xudía debía conducir diariamente a 6.000 xudeus ao momento de encontro Umschlagplatz xunto ás vías férreas da Transfertelle. En caso de incumprimento, os alemáns fusilarían por centos aos reféns, entre eles a dona de Adam Czerniaków. Despois de tentar, fallidamente, convencer aos nazis de desistir dos seus plans, o líder do Consello Xudeu suicidaríase, deixando unha nota que rezaba "Non podo soportar máis todo isto. O meu acto mostrará a todos que é o correcto a facer". Os suicidios volveríanse un suceso común ante as penosas condicións de vida; o sogro de Marcel Reich-Ranicki (crítico literario xudeoalemán) sería outro nesa longa lista. O mesmo día do suicidio de Czerniaków, o 23 de xullo, a resistencia clandestina xudía reúnese e decide non sublevarse, ao crer que os xudeus estaban a ser enviados a campos de traballo forzoso e non de morte.

Nos cincuenta e dous días seguintes (até o 21 de setembro), 263.002 persoas foron trasladadas a Treblinka e, en menor grao, a Majdanek. Durante o fin do mes de xullo, a policía xudía do gueto foi a encargada de levar a cabo as deportacións dun total de 64.606 xudeus aos campos de exterminio. Dende agosto en diante, os alemáns e os seus aliados tomarían un papel máis directo nas deportacións, e en agosto trasladaron a 142.223 persoas e en setembro a 56.173.

A fase final da primeira deportación masiva sucedeu entre o 6 e o 11 de setembro de 1942. Entre estas datas, 35.886 xudeus foron deportados, 2.648 executados no lugar e 60 suicidáronse. Logo desta primeira etapa, aproximadamente 55.000 persoas permaneceron no gueto, xa fose traballando nas industrias alemás ou vivindo agochadas.

Durante o próximo semestre, a resistencia xudía clandestina agrupouse en dúas organizacións maiores. A ŻOB (Żydowska Organizacja Bojowa, Organización Xudía de Loita) era liderada por Mordechai Anielewicz e tiña entre os seus membros entre 220 e 500 persoas; a outra era a ŻZW (Żydowski Związek Walki, "Unión Xudía de Loita"), que contaba cun número semellante de membros. Os membros destes grupos crían que era necesario resistir agresivamente a opresión. O seu armamento consistía maioritariamente en pistolas de man, explosivos caseiros e cócteles molotov; a ŻZW estaba mellor armada como resultado de maiores contactos clandestinos co exterior do gueto.

O levantamento e a destrución definitiva[editar | editar a fonte]

Tropas alemás na rúa durante a queima do Ghetto, abril de 1943

O 9 de xaneiro de 1943, o comandante das SS Himmler visita o gueto e ordena a continuación das deportacións. O día de comezo da segunda expulsión masiva de xudeus, nove días despois, ocorre a primeira instancia de resistencia armada. Os xudeus insurrectos logran certo éxito: a expulsión detense despois de catro días, e as dúas organizacións principais de loita pasan a controlar o gueto, construíndo numerosas barricadas e actuando en contra dos xudeus colaboracionistas. Durante o tres meses seguintes prepáranse para o que sería a loita final.

A batalla final sería o 19 de abril. Ese día, os alemáns, comandados por Ferdinand von Sammern-Frankenegg, chegaron con 2.054 soldados[2] para sufocar a rebelión, confiados de que os xudeus, ao velos en tal número, sentiríanse incapaces e desistirían. Mentres os nazis avanzaban polo deserto gueto, os partisanos xudeus, agochados nas xanelas das casas e teitos de edificios, agardaban armados con pistolas, fusís e explosivos. Chegado o intre, atacaron ás tropas que, nun nivel inferior, estaban expostas dende numerosos francos. O ataque xudeu foi sumamente exitoso e forzou aos nazis a replegarse sen sequera poder arrestar a civís, xa que estes estaban debidamente agochados en búnkeres subterráneos construídos para a ocasión.

Este suceso provocou a ira de Himmler, quen substituíu a von Sammern-Frankenegg por Jürgen Stroop, que tiña experiencia no combate non formal dos partisanos. Nos días que seguiron, Stroop, seguindo as indicacións do seu superior de usar todos os medios necesarios, ordenou a queima de todos os edificios do gueto para obrigar aos rebeldes a saír dos seus agochos. A área encheuse de chamas e fume negro, ao que aínda os xudeus resistiron indo aos búnkeres, que axiña se mostrarían ineficientes polas malas condicións para a conservación da comida e a auga, ademais do aire viciado polo fume. Moitos xudeus morreron gaseados polos nazis nos búnkeres, mentres que outros preferiron suicidarse guindándose dende os edificios en chamas.

A resistencia maior foi sometida o 23 de abril e o levantamento en xeral o 16 de maio. Nesta última data, os alemáns voaron a sinagoga Tlomacki (que estaba fóra do gueto) como signo do fin da existencia do gueto de Varsovia.

Segundo os datos que Stroop achegaría no seu informe, tras o levantamento 56.065 xudeus foron capturados durante os días de enfrontamento e 631 búnkeres destruídos. Stroop estimou que entre 5.000 e 6.000 xudeus morreron no combate, 7.000 foron fusilados e outros 7.000 foron deportados a Treblinka, onde morreron. Os xudeus capturados non deportados a Treblinka foron enviados aos campos de traballo forzoso de Poniatowa, Trawniki e Majdanek.

Estimacións posteriores puntualizan que 300 soldados alemáns tamén faleceron, a pesar de que Stroop só sinala 16 no seu informe.

Prisioneiros famosos do gueto[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un censo de 1939 achega unha cifra de 359.827 persoas no gueto, a isto súmanselle as persoas trasladadas ao gueto dende outras áreas da cidade e dende zonas contiguas[1]
  2. Segundo datos do informe do comandante Stroop (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gueto de Varsovia

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Grynberg, Michal (compilador). Voces del gueto de Varsovia, Ed. Alba, Barcelona, 2004, ISBN 84-8428-225-2.
  • Ringelblum, Emanuel. Crónica del gueto de Varsovia, Ed. Alba, 2003, ISBN 84-8870-73-X.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]