Fouta Djalon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa da rexión de Fouta Djalon (en rosa).

Fouta Djalon (en pular Fuuta Jaloo e en francés Fouta Djalon ou Fouta Djallon) é unha área chairega no centro de Guinea.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A Fouta Djalon é unha zona de pradarías bastante elevada, cunha altitude media de 900 m. O punto máis alto, o monte Lura, acada os 1.515 m. A chaira fórmana grosas formacións de areenta que repousan sobre unha base de rocha granítica. A erosión dos ríos e da choiva cavaron fondos canóns e vales na area. É unha zona moi chuviosa, e importantes ríos da África occidental nacen aquí: o Bifung, (unha das orixes do Senegal), o Gambia e algúns afluentes da cunca inicial do Níxer.

Os habitantes, uns 3.800.000, pertencen fundamentalmente ao pobo fula, e falan unha lingua dese grupo chamada pular, semellante ao peul do Senegal e Gambia.

A cidade máis importanta da rexión na actualidade é Labé (249.515 habitantes en 1996). O seu territorio repártese na actualidade entre as rexións de Boké, Labé, Faranah, Kindia e Mamou.

Historia[editar | editar a fonte]

Petteh Djiga ("penedo dos voitres").

Dende o século XVIII as terras da Fouta Djalon teñen sido un dos baluartes do islamismo como consecuencia da primeira xihad lanzada contra o animismo, en 1725. Logo da batalla de Talansan, onde os musulmáns foron vitoriosos, conformouse o reino de Fouta Djalon, unha estrutura teocrática dun só gobernante (almamí), do que dependían á súa vez outros almamís secundarios gobernantes sobre as nove provincias (diwe) do reino. A súa capital estaba en Timbo. O reino de Fouta Djalon durou case dous séculos ata que en 1896, danados por diversas crises internas e derrotados polo exército francés na batalla de Poredaka, o último almamí, Bubakar Biro, foi deposto.

Cultura[editar | editar a fonte]

Os musulmáns pularfalantes lideraron a expansión do islamismo en Guinea e desenvolveron unha literatura de seu usando o alfabeto árabe para representar os seus sons e sintaxes. A escrita desenvolvida, coñecida como aiamí tivo unha gran tradición literaria, fundamentalmente representada por poetas místicos como Tierno Muhammadu Samba Mombeya, Tierno Saadu Dalen, Tierno Aliou Boubha Ndian ou Tierno Jaawo Pellel. No seu apoxeo, a mediados do século XIX, Fouta Djalon foi un centro cultural para os musulmáns da África Occidental, así como un centro comercial e cruzamento de caravanas das principais rotas da rexión.

O goberno de Guinea declarou en xaneiro de 2007 nesta zona unha área de protección de voitres, a primeira destas características en África. O parque consta dunhas 450.000 hectáreas. A poboación de voitres estaba devecendo rapidamente nos últimos anos por causa da persecución humana (envelenamento con estricnina a través de comer criaturas xa envelenadas) e pola mingua da poboación de antílopes e outras grandes presas en África Occidental. Os voitres da Fouta Djalon pertencen a seis especies distintas, entre elas o Torgos tracheliotus, que está incluída na Lista Vermella de especies ameazadas.

Economía[editar | editar a fonte]

Nenos na aldea de Doucky.

Os fula de Fouta Djalon son sedentarios, e practican tradicionalmente a gandaría extensiva, fundamentalmente de ovellas e cabras. As terras, ácidas, degrádanse rapidamente e limitan o tipo de cultivos que poden producir. Os principais cultivos son os cereais fonio e arroz, alternados co cultivo de horta, onde se empregan abonos procedentes da compostaxe caseira, e que achegan unha ampla variedade de produtos agrícolas. Estas pezas de horta están valadas. Tamén existen producións extensivas de banana. Na cidade de Labé destacan as producións de calzado e mel.

Ademais, os poboadores de Fouta Djalon practicaron dende hai moito tempo migracións máis ou menos temporeiras cara aos terreos costeiros de Senegal e Serra Leoa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dölter, Ueber die Capverden nach dem Rio Grande und Futa Dschallon (Leipzig, 1884)
  • Hanson, John H. Migration, Jihad and Muslim Authority in West Africa: the Futanke colonies in Karta (Bloomington, 1996)
  • Marchat, Les rivières du sud et le Fouta-Djallon (París, 1906)
  • Noirot, A travers le Fouta-Djallon et le Bamboue (París, 1885)
  • David Robinson, The Holy War of Umar Tal: the Western Sudan in the mid-nineteenth century (Oxford, 1985)
  • De Sanderval, La conquête du Fouta-Djallon (París, 1899)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]