Jean-François Champollion

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jean-François Champollion.

Jean-François Champollion, coñecido como Champollion o mozo, (Figeac; 23 de decembro de 1790París, 4 de marzo de 1832); exiptólogo francés, considerado o pai da exiptoloxía por conseguir descifrar os xeroglíficos. Dicía de si mesmo: «Son adicto a Exipto, Exipto éo todo para min».

Biografía[editar | editar a fonte]

O seu irmán Jacques-Joseph, doce anos maior que el, foi o seu preceptor e transmitiulle a súa paixón pola arqueoloxía. Desde mozo xa salientaba sobre os demais nenos da súa idade: comezou a falar latín aos nove anos, hebreo aos trece, e árabe aos catorce. Ata os oito anos estudou en Figeac, despois foi vivir a Grenoble, co seu irmán Jacques-Joseph que lle deu clases durante dous anos, ata que ingresou no Liceo. Comezou entón o seu interese polo estudo dos xeroglíficos exipcios e grazas ao seu irmán, conseguiu unha copia das inscricións da pedra Rosetta, escritas en xeroglífico, grego e demótico (unha forma abreviada da escritura hierática). Comprendendo que o descifrado desta lingua esquecida por séculos pasaba polo estudo das linguas máis próximas, marcha a París en 1808 para estudar, entre outras, o copto e o etíope. Entrégase tan a fondo ao estudo destas linguas que, apenas un adolescente, consegue compilar un dicionario copto de 2000 páxinas.

Nesta época, con só dezaseis anos, escribe ao seu irmán Jacques-Joseph:

«Eu conságrome completamente ao copto. Quero coñecer o exipcio tanto como a miña propia lingua materna, porque nesta lingua estará baseado o meu gran traballo acerca dos papiros exipcios»
Champollion, 1807

O descifrado dos xeroglíficos é un arduo traballo: iniciado antes de 1807, descobre en 1808 o principio da agrupación dos signos. Empeza a traballar entón sobre as analoxías achadas cun dos dialectos coptos: a ausencia de vocais na escritura exipcia. En 1810 expón a idea de que os signos poden ser ideogramas (expresando unha idea) ou fonogramas (expresando un son). En 1812 establece unha cronoloxía de escrituras: a escritura hierática era unha versión simplificada e posterior á xeroglífica.

En 1816 ten que interromper as súas investigacións ao ser exiliado a Figeac debido ás súas inclinacións bonapartistas. Desenvolverá, co seu irmán Jacques, un sistema de ensino primario baseada en monitores. Volve a Grenoble en 1817 e casa con Rosine Blanc, filla dun avogado e irmá da esposa do seu irmán.

A pedra Rosetta.

Nomeado profesor adxunto de historia, prosegue o estudo dos xeroglíficos. En 1819 deduce, tralo estudo dos papiros do Libro dos Mortos que a escritura hierática é unha simplificación dos xeroglíficos. A partir de 1821 inicia os seus traballos para descifrar os carácteres dos xeroglíficos da pedra Rosetta, que está escrita en grego, demótico e xeroglíficos exipcios. Este estudo da pedra Rosetta permítelle descifrar os primeiros cartuchos reais do mesmo Ptolomeo V escritos sobre ela e, posteriormente, os de Cleopatra achados sobre a base dun obelisco e sobre un papiro bilingüe (grego e xeroglífico); a partir deste achado fundamental establece unha pauta para a interpretación xeroglífica. Obtén deste modo o valor alfabético de doce signos. O 27 de setembro de 1822 escribe a "Carta a M. Dacier sobre o alfabeto dos xeroglíficos fonéticos" (Lettre à M. Dacier relative à des hiéroglyphes phonétiques), a través da cal dá a coñecer parte do seu descubrimento acerca do descifrado dos xeroglíficos.

«É un sistema complexo, unha escritura que é, ao mesmo tempo, figurativa, simbólica e fonética, expresada nun mesmo texto, nunha mesma frase, eu diría case nunha mesma palabra»
Champollion, 1822

Faltan aínda dous anos para que Champollion publique o seu "Resumo do sistema xeroglífico dos antigos exipcios" (Précis du système hiéroglyphique des anciens égyptiens), e abra as portas á exiptoloxía científica. Os seus descubrimentos suscitan moitas controversias e críticas por parte dos seus contemporáneos, especialmente as do seu vello profesor, Silvestre de Sacy.

En 1826, é nomeado conservador oficial das coleccións exipcias do museo do Louvre. Convence ao rei Luís XVIII de Francia da conveniencia de comprar a colección do cónsul inglés en Exipto, Henry Salt. Pediu unha vez máis a colaboración de Luís XVIII para comprar a colección de antigüidades reunidas polo cónsul de Francia en Exipto Bernardino Drovetti, depositada en Turín, o rei a atopou moi cara e rexeitou a idea, esta primeira colección consistía en máis de mil pezas arqueolóxicas, pero anos despois por mor da insistencia de Champollion, logra convencer a Carlos X de Francia, o cal o autoríza a comprar a segunda drovettiana, que servirá máis adiante de base ao Departamento de Antigüidades exipcias do Louvre. Realiza outras adquisicións de maior importancia, a máis célebre a do obelisco de Luxor, que foi derrubado en 1831 e erixido de novo en París, na Praza da Concordia, en decembro de 1833.

Misión franco-toscana[editar | editar a fonte]

Champollion durante a Misión franco-toscana de 1828.

De 1828 a 1830 realiza, por fin, o seu gran soño: parte nunha misión científica a Exipto e recolle numerosos datos e obxectos. Confirma no terreo os seus descubrimentos, devolve a voz aos monumentos do antigo Exipto, orixinando a unha nova disciplina: a exiptoloxía. Carlos X de Francia e o gran duque de Toscana, Leopoldo II, aceptaron financiar a expedición de doce membros dirixida por Champollion e o seu primeiro discípulo: o orientalista Italiano, Ippolito Rosellini. Partirán do porto de Tolón o 21 de xullo de 1828, desembarcasen en Alexandría o 18 de agosto. En setembro de 1828 ao pasar por O Cairo, Champollion visita a mesquita onde se atopa a estela que leva inscrita o Decreto de Canopo, inmediatamente entende a importancia deste texto bilingüe que data do reinado de Ptolomeo III Everxetes para conseguir descifrar os xeroglíficos.

Pedirá axuda ao cónsul francés en Alexandría Bernardino Drovetti. Este usará a súa influencia co paxá otomán de Exipto Mehmet Alí e logrará engadir a estela na lista de agasallos do paxá ao rei Carlos X de Francia, e terá como destino final a colección exipcia no Museo do Louvre. Desde Uadi Halfa, enviará a súa segunda Lettre à M. Dacier, na cal responde a todos os seus detractores sobre os seus novos descubrimentos. Durante un tempo viviu no sepulcro de Ramsés IV. Levarase consigo dous baixorrelevos da tumba de Seti I, un acabará no Louvre e outro no museo Exipcio de Florencia.

A súa colección de debuxos e notas era inmensa, unha boa parte serán publicadas na serie de dez tomos Monumenti dell'Egitto e della Nubia, publicada por Rosellini. Ao seu regreso da expedición obtén a cátedra de Arqueoloxía Exipcia no Collège de France, e é escollido como membro da Academia das inscricións e linguas antigas (L'Académie des Inscriptions et Belles-lettres).

Morre, en París, o 4 de marzo de 1832, dun ataque de apoplexía. O seu funeral levouse a cabo na igrexa de Saint-Roch, en París, onde aprendera copto. Conforme aos seus últimos desexos, será enterrado no cemiterio do Père-Lachaise preto da tumba de Jean-Baptiste Joseph Fourier. Un dos Liceos de Grenoble leva o seu nome en recoñecemento ao seu exhaustivo traballo.

Hai unha reprodución da pedra Rosetta en Figeac (Lot), a cidade natal de Champollion, é obra do artista Joseph Kossuth, mide 11 x 8,5 m, é de granito negro traído desde Cimbabue cuxos tres pasos levan inscritos os textos en xeroglífico, demótico e grego, a praza leva o nome de Place des écritures (Praza das escrituras).

Carreira[editar | editar a fonte]

A tumba de Champollion, presidida por un obelisco, no cemiterio do Père-Lachaise, en París, Francia.
  • Liceo de Grenoble.
  • Estudo das linguas orientais en París.
  • Profesor adxunto de historia na Universidade de Grenoble.
  • Conservador do museo exipcio do Louvre.
  • Catedrático de Arqueoloxía Exipcia no Collège de France.

Museos Champollion[editar | editar a fonte]

  • Na súa casa en Figeac.
  • Casa Champollion en Vif, en Isére, antiga propiedade do seu irmán exiptólogo.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • 1822, Lettre à M. Dacier relative à l'alphabet des hiéroglyphes phonétiques.
  • 1824, Précis du système hiéroglyphique des anciens Égyptiens.
  • 1826, Lettres à M. le Duc de Blacas d'Aulps.
  • 1827, Notice descriptive deas monuments égyptiens du Musée Charles X.
  • 1828, Précis du système hiéroglyphique des anciens Égyptiens ou Recherches sur les élémens premiers de cette écriture sacrée, sur leurs diverses combinaisons, et sur les rapports de ce système avec les autres méthodes graphiques égyptiennes.
  • 1828-29, Lettres écrites d'Égypte et de Nubie [1]
  • 1836, Grammaire égyptienne (Gramática exipcia, obra póstuma)
  • 1841, Dictionnaire égyptien en écriture hiéroglyphique (Dicionario exipcio de escritura xeroglífica)

Case todos eles editados tralo seu falecemento.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Jean-François Champollion