Mensaxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha mensaxe, no senso máis xeral, é o obxecto da comunicación, a secuencia que prové información, e que pode referirse tamén a esa información en si e ao seu formato.

Máis precisamente, na Teoría da Comunicación, unha mensaxe é unha información conformada por unha secuencia de sinais que corresponden a regras de combinación precisas, que é enviada por un emisor a un (ou varios) receptores, por medio dunha canle que serve de soporte físico á transmisión. A forma de transmisión varía conforme a natureza do sistema de comunicación e o código usado: ondas sonoras, luces, movemento, impulsos mecánicos ou eléctromagnéticos, etc.

Dependendo do contexto, o termo mensaxe pódese ver aplicado tanto ao contido transmitido como á forma no que se transmite. Na Teoría da Comunicación, o significado da mensaxe non se considera pertinente, xa que o que se transmite é unha forma e non un sentido. Esa substancia da mensaxe chámase información.

Diferencia entre código e mensaxe, e entre lingua e fala[editar | editar a fonte]

Do xa dito dedúcese que a lingua constitúe un código e que cada unha das expresións que os seus falantes formulan con ese código é unha mensaxe. Un código é un conxunto de símbolos ou signos con regras para a súa correcta utilización. A Mensaxe é o resultado de cada acto realizado polos usuarios dunha lingua empregando o código da mesma.

Moi semellante á distinción entre código e mensaxe, se ben máis empregada polos lingüistas, é a oposición entre lingua e fala: A lingua é o sistema, o código; a fala, a actualización da lingua en emisións concretas.