Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "DRIL")

O Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) foi unha organización armada formada en 1959 por exiliados españois, sobre todo galegos, e portugueses para loitar contra as ditaduras salazarista e franquista.

Historia e características[editar | editar a fonte]

O DRIL tiña dous secretarios xerais: Humberto Delgado e Xosé Velo e entre os seus membros destacaron Henrique Galvão e José Fernando Fernández Vázquez (Xosé de Soutomaior). As primeiras accións armadas realizounas en febreiro de 1960 contra a casa do concello de Madrid e os locais da FET de las JONS, tamén en Madrid, acción na que morre o membro do DRIL José Ramón Pérez Jurado. En xuño de 1960 o DRIL atentou contra as estacións do tren de Barcelona e Bilbao e contra o aeroporto de Madrid.

A acción máis coñecida do DRIL foi a Operação Dulcineia, consistente no secuestro do Santa María (buque portugués que facía a liña Caracas-Lisboa-Vigo), entre o 22 de xaneiro e o 4 de febreiro de 1961. Nela un comando composto por 24 membros do DRIL, coordenados por Henrique Galvão e Humberto Delgado, secuestrou o buque, no que viaxaban 586 pasaxeiros. A pretensión era denunciar a situación que se vivía en Portugal e España. Na decurso do secuestro morreu un oficial do Santa María. Tras conversas co goberno brasileiro, os membros do DRIL depuxeron as armas e conduciron o navío cara a Recife a cambio de recibir o status de refuxiados políticos.

Tras o secuestro o DRIL entrou en crise interna polas liortas internas sobre quen liderara a operación e sobre todo por outro problema máis de fondo entre os que concibían ao DRIL como un grupo que realizase grandes golpes de efecto e outro que o concibían nunha estratexia de insurrección armada contra o franquismo e o salazarismo, malia iso o DRIL continuou realizando accións esporádicas ata 1964.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]