Cova de El Castillo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do monte El Castillo en Cantabria

A cova de El Castillo é unha caverna situada na comunidade de Cantabria, no norte de España. Contén un conxunto de arte rupestre dos máis importantes, non só da súa comunidade, senón de toda a arte do Paleolítico superior.

Situación[editar | editar a fonte]

A gruta de El Castillo forma parte dun conxunto de grutas sitas no monte homónimo, perto da localidade de Puente Viesgo, que dista uns 28 km da capital Santander, , en dirección suroeste saíndo desde a mesma para Burgos. A cidade máis cercana é Torrelavega. O monte érguese sobre o val do río Pas, que flúe nas súas proximidades, e no mesmo penedón montañoso sitúanse tamén as covas de La Pasiega, de Las Chimeneas e máis a de Las Monedas.

Historia[editar | editar a fonte]

O río Pas, perto de Puente Viesgo, ao fondo, o monte Castillo

A caverna de El Castillo foi a que primeiro se descubríu deste conxunto. Fíxoo Hermilio Alcalde del Río en 1903, quen rexistrou a cova minuciosamente e excavou nela; os resultados dos seus estudos, tanto aquí coma en outras covas, foron publicados en 1906 sob o título de "Pinturas y grabados de las cavernas de Santander: Altamira, Covalanas, Hornos de la Peña, Castillo" (Santander. Imprenta de Blanchard y Arce).

Nos anos posteriores a elite dos prehistoriadores europeos estudou e excavou El Castillo, entre eles os padres Henri Breuil, Hugo Obermaier e Pierre Teilhard de Chardin, etc.

O conxunto de investigacións efectuadas na cova puxeron de relevo a súa utilización polo home prehistórico desde finais do Paleolítico inferior até a Idade do Bronce.

As últimas covas do grupo foron descubertas aínda no ano 1953(Las Chimenes e La Pasiega).

No centro silueta do mamut de El Castillo

Arte rupestre[editar | editar a fonte]

A cova de El Castillo posúe un dos mellores e máis ricos conxuntos de pinturas rupestres prehistóricas. As mellores pertencen ao período magdaleniense do Paleolítico superior. En total para esta época contabilízanse 184 figuras identificábeles con animais na súa maioría (con 1 antropomorfo e 2 máscaras) e máis 56 improntas de mans e 52 signos. Entre os primeiros predominan as cervas (54), os cabalos (26) e os bisontes (24); hai 1 mamut. Entre os signos chaman a atención os símbolos cuadrangulares e as figuras de puntos. A súa datación oscila entre o 13.500 e 11.500[1].

O estilo e disposición das figuras parietais evidencian un grande paralelismo con a veciña cova de La Pasiega. O traballo de determinadas pezas evidencia paralelos con Altamira, no caso do denominado bisonte bicromo, e as dúas máscaras coñecidas mostran analoxías de elaboración tamén con Altamira e con a cova de La Garma.[2]

A figura máis famosa é, sen dúbida, o bisonte vertical pintado aproveitando unha estalagmita que forneceu o perfil do animal dun xeito natural, e que mostra, como en Altamira, a preocupación dos artistas do Paleolítico pola terceira dimensión. O feito de que o artista use unha superficie vertical indica que a independencia da dirección era un principio básico da arte prehistórica. O artista esculpíu en parte as pezuñas traseiras do animal, e outras partes. A pintura, apenas algo de cor negra, so esboza algunhas partes, de modo que ben entendida é unha obra máis escultórica que pictórica.[3]

Por outra banda, a abundancia de representacións de mans humans, na súa maioría mans esquerdas, en negativo e en cor vermella, fan de El Castillo unha cova singular, con a que só se poden comparar a caverna francesa Gargas e a española de Maltravieso (Extremadura). Forman o que Breuil denominou "friso das mans".

Porén, as obras de acomodación efectuadas para as visitas turísticas, danaron o estado orixinario do conxunto, de xeito que na actualidade é imposíbel recuperar a perspectiva que puideron ter os primitivos que a visitaron.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. cfr. González Sanz, César e Cacho Toca, Roberto, El Castillo Cave, in www.muse.or.jp/spain/eng/cantabria/castillo/castillo_top.html
  2. González Sanz e Cacho Toca, op. cit.
  3. Giedeon, Sigfried, El presente eterno: los comienzos del arte. Alianza. Madrid. 1981, trad. española do inglés, páx. 592

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Guinea, Miguel Ángel, Altamira y otras cuevas de Cantabria. Sílex. Madrid. 1979
  • Giedeon, Sigfried, El presente eterno: los comienzos del arte: una aportación al tema de la constancia y el cambio. Alianza. Madrid. 1981, trad. española do inglés The Eternal Present: The Beginnings of Art. 1958.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • González Sanz, César e Cacho Toca, Roberto, El Castillo Cave, in [[1]]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]