Cibeles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bronce representando a Cibeles, século I a.C.

Cibeles, unha deusa de orixe frixia, foi asimilada polos romanos á grega Rea.

Historia.[editar | editar a fonte]

En orixe, esta deusa frixia encarnaba a fertilidade, e en certo modo, á natureza en estado salvaxe. O seu culto penetrou en Roma con bastante forza no 204 a.C. cando os Libros Sibilinos, consultados para dete-lo perigo dunha invasión cartaxinesa durante a segunda guerra púnica, ordenan o traspaso a Roma da pedra negra (betilo) de Pesinonte, en Frisia, identificado coa deusa Cibeles. Grazas á amizade de Atalio I, rei de Pérgamo, a cousa puido facerse e o Betilo foi instalado nun templo levantado sobre o Palatino.

Cibeles, como Rea e polo tanto esposa de Saturno, vendo que o seu marido devoraba tódolos seus fillos para evitar que ningún deles o destronase, e seguindo o consello da súa nai, Gaia, esconde o seu fillo Xúpiter e lle dá en troques unha pedra envolta coas roupas do bebé, logrando así salvalo.

Símbolos.[editar | editar a fonte]

Os seus animais protexidos eran o león e as abellas. Represéntase especialmente sentada nun trono e acompañada de dous leóns, que simbolizan a natureza salvaxe.

Xenealoxía.[editar | editar a fonte]

Cibeles é filla de Urano e Gaia, o ceo e a terra, respectivamente. Na súa asimilación a Rea, e esposa de Saturno e nai de Ceres, Vesta, Xuno, Neptuno, Plutón e Xúpiter.

Culto[editar | editar a fonte]

Dende as súas orixes frixias, Cibeles era moi coñecida e venerada no mundo antigo. Contábase que podía curar as enfermidades (ou incluso provocalas), polo que era considerada protectora do seu pobo durante a guerra. Era adorada no monte Dyndimo, onde se atopaba a rocha que a representaba, caída segundo a lenda directamente dos ceos. Este monte atopábase na gran cidade comercial de Pessino, mencionada polo xeógrafo e historiador latino Estrabón.

Visto o seu carácter sanguento e orxiástico, e a presenza en Roma de sacerdotes eunucos, este culto, opoñéndose á relixión romana tradicional, foi xulgado altamente sospeitoso polos filósofos, que non se podían adherir a esta clase de relixión. Non obstante foi florecente tanto na República coma no Imperio, onde os sacerdotes frixios, ou galos, foron substituídos por un colexio de funcionarios romanos, os Arquilagos. O Emperador en persoa encabézao.

A partir do século III un rito novo se insire sobre o culto de Cibeles: o bautismo Tauróbolo, ou sexa o sacrificio dun touro e a aspersión do seu sangue sobre os fieis. Este rito de purificación é o substituto probable dos ritos de mutilación dos crentes, rito sanguento que reinaba na orixe do mito, con flaxelacións, emasculación, etc.

O mito de Cibeles e seu fillo Atis[editar | editar a fonte]

A pedra negra na cal Cibeles está ritualmente presente (o Betilo) demostra o arcaísmo do culto. En efecto, a rocha é un dos máis antigos símbolos da Nai-Terra. Entre as numerosas descricións do mito pode citarse a que fai Pausanias, resumida por Mircea Eliade:

“Un monstro hermafrodita, Agditis, naceu dunha pedra fecundada por Zeus. Os deuses decidiron castralo e transformalo en deusa(Cibeles), da sangue do hermafrodita naceu unha amendoeira, comendo unha das súas améndoas, Nana, a filla do río Sangarios, quedou preñada e deu a luz un neno, Atis. Unha vez máis, Atis celebraba o seu casamento coa filla do rei, cando Cibeles, quen lle profesaba un amor louco, se introduce na sala do festín. Os asistentes enlouqueceron colectivamente: o rei amputouse os seus xenitais; Attis cástrase baixo un piñeiro e morre. Accedendo aos rogos de Cibeles-Agditis, Zeus acepta que o corpo de Attis non se corrompa, que os seus cabelos non deixasen de medrar e que siga movendo o dedo mainiño.”

Mito salvaxe, sanguinario, cheo de ruído e de furor, oposto ós cultos formalistas e codificados de Roma e Grecia, a paixón de Atis está claramente inspirada no ciclo vexetativo: emasculado, Attis morre baixo un piñeiro; no outono. Cibeles percorre o país laiándose pola morte do que ama. Este último esperta grazas á intervención de Zeus (deus uraniano), e resucita co renacemento da primavera. Este culto “naturista” posuía unha violencia que se acordaba co carácter extremo do clima anatolio (turco).

Os ritos de Cibeles[editar | editar a fonte]

As festas de Cibeles desenvólvense dende o 15 ata o 28 de marzo, no período de crecemento da vexetación.

O primeiro día (Canna intrat), lévanse ó templo canas cortadas, símbolo do río Sangarios cerca do cal Cibeles tería atopado a Atis. Tras sete días, os dendrophores (ou portadores de árbores) levan un piñeiro cortado (Arbor infrat). A árbore simboliza ó deus morto. Tras nove días (o 24 de marzo), chega o día do Sangue (Dies sanguinis): flaxelación, emasculación dos crentes, ofrendas á deusa.