Vesta (deusa)

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este artigo trata sobre a deusa romana. Para outros usos vexa Vesta

Vesta é unha deusa do panteón romano, era a protectora do fogar, a familia, e as colonias e cidades. É a versión latina da deusa grega Hestia.

Ruínas do templo de Vesta no foro romano.
Moeda da época de Nerón con Vesta e os seus atributos.

Historia[editar | editar a fonte]

Vesta era a filla primoxénita de Saturno e Cibeles. Cóntase que foi pedida en matrimonio por Apolo e por Neptuno, pero rexeitounos a ambos, preferindo manterse virxe para sempre. Esta foi tamén a condición que lle impuxo ás sacerdotisas do seu templo, as Vestais.

O símbolo asociado a Vesta é o asno.

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

Filla máis vella de Cibeles e Saturno, é irmá de Ceres, Xuno, Neptuno, Plutón e Xúpiter.

Culto[editar | editar a fonte]

O culto a Vesta foi probablemente introducido en Roma polo rei Numa Pompilio. Esta deusa foi unha das primeiras en contar cun sacerdocio de carácter fixo, as Vestais, encargadas de manter sempre vivo no templo o lume sagrado que simbolizaba a virxindade da deusa. Dito lume non podía apagarse baixo ningún concepto. As Vestais facían ademais, en honor á súa deusa, voto de castidade e gardaban a súa virxindade durante 30 anos. Se algunha das sacerdotisas rompía os seus votos, era condenada a ser enterrada viva no Campus Sceleris, ou campo dos condenados.

En honor a Vesta celebrábanse en Roma as Vestalias, festas que tiñan lugar entre cada 7 e 15 de xuño e nas que no primeiro día se abrían as portas do templo ás mulleres que quixeran facer sacrificios á deusa.