Bruno de Colonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBruno de Colonia

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1030 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Colonia (Sacro Imperio Romano Xermánico) Editar o valor em Wikidata
Morte6 de outubro de 1101 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (70/71 anos)
Certosa di Serra San Bruno (Ducado de Puglia e Calabria) Editar o valor em Wikidata
Minister General of Carthusians (en) Traducir
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAlemaña Editar o valor em Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote católico , escritor , Anacoreta Editar o valor em Wikidata
AlumnosAnselmo de Laon (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua latina Editar o valor em Wikidata
Orde relixiosaOrde dos Cartuxos Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa6 de outubro Editar o valor em Wikidata
San Bruno nos montes de Calabria. Obra de Juan Sánchez Cotán, O. Cart, de principios do século XVII.

Bruno de Colonia, nado en Colonia (actual Alemaña) c. 1030 e finado en Serra San Bruno (Italia) o 6 de outubro de 1101, foi un relixioso católico fundador da Orde dos Cartuxos. É considerado santo pola Igrexa católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Descoñecendo a data exacta do seu nacemento, admítese que naceu entre o 1024 e o 1030 en Colonia, naquela altura unha cidade-estado integrante do Sacro Imperio Romano Xermánico.[1] Nado no seo dunha familia senlleira e formouse academicamente na escola de San Cuniberto na súa cidade natal, ata que con 15 anos trasladouse a Reims (Francia) para cursar os estudos superiores na escola catedralicia.[2] Alí fíxose sacerdote e foi nomeado cóengo da catedral e cara 1056 mestrescola, é dicir superior, da escola da catedral de Reims, unha das principais institucións intelectuais da época e onde tería como alumno ao futuro papa Urbano II.[3]

En 1068 ou 1069 Manasés de Gournay foi nomeado arcebispo de Reims. A súa designación foi mediante a simonía, é dicir, a compra do cargo co beneplácito do rei Filipe I de Francia. Manasés foi atacado polo seus abusos, aínda que intentou congraciarse cos críticos promovendo a Bruno de Colonia ao cargo de chanceler, encargado da expedición e rexistro da documentación da curia arcebispal.[1][2] Máis críticas continuaron, sendo Bruno de Colonia un dos que denunciaba as arbitrariedades. A situación derivou nun conflito co arcebispo que acabou por cesar dos seus cargos a Bruno, en 1076, quen canda outros compañeiros fuxiu de Reims por medo ás represalias, atopando refuxio no castelo do conde Ebal de Roucy.[4][5] Bruno e os outros perseguidos denunciaron Manasés por simonía no Concilio de Clermont en 1076 e, de novo, no de Autun, onde foi suspendido nas súas funcións, aínda que ordenou a confiscación dos bens dos seus críticos. O enfrontamento continuaría ata que en 1080 o papa Gregorio VII destituíu definitivamente a Manasés. Segundo a tradición, a experiencia da persecución e da perda dos seus bens reafirmaron a súa vontade de retiro para achegarse a Deus.[2][1] Foi así que buscou integrarse na vida monástica, partindo canda outros dous compañeiros, Lamberto e Pedro, cara Molesmes, onde o abade do mosteiro, Roberto, logo un dos fundadores do Císter, permitiu que se instalaran nunha leira en Sèche-Fontaine. Aló formaron unha comunidade case eremita que se mantivo entre 1081 e 1083. Tras esta experiencia rexeita unirse á vida cenobítica do mosteiro, marchando con outros compañeiros a Grenoble, onde son recibidos polo bispo Hugo de Châteauneuf.

Fundación da Orde dos Cartuxos[editar | editar a fonte]

Ilustracións dun libro do século XV que mostran ao bispo Hugo conducindo a Bruno de Colonia e os seus seguidores ata o lugar onde fundar a Grande Cartuxa.

En Grenoble, no ano 1084, consegue o apoio do bispo para establecer un eremitorio no monte que estará formado por Bruno e outros sete compañeiros.[3] Segundo a tradición, Hugo, guiado por un soño no que sete estrelas lle indicaban o lugar, levounos ata o macizo prealpino de Chartreuse.[1] Este é considerado como o momento fundacional da Orde dos Cartuxos e fundación da casa nai da orde, a Grande Cartuxa. Bruno e os seus ergueron un refuxio que consistía nunhas cabanas de madeira abertas a unha galería que lles daba acceso ás zonas comúns (igrexa, refectorio, sala capitular) mais protexidos das condicións climáticas. Deste xeito, estableceron a arquitectura que logo imitarán o resto de cartuxas, pero tamén esa comunidade era heteroxénea internamente: se ben cinco eran relixiosos, dous non o eran, senón que eran leigos que traballaban para garantir a supervivencia dos outros, centrados na contemplación. Así se establecía unha das particularidades da Orde dos Cartuxos, a convivencia no mosteiro dos chamados monxes do claustro, monxes que tamén son sacerdotes, e os conversos, aqueles monxes que non son curas e traballaban nos servizos precisos para a comunidade. En 1086, o bispo Hugo de Grenoble confirmou as doazóns feitas para fundar o eremitorio.

En 1090 foi convocado polo seu antigo alumno e agora papa Urbano II a Roma, obrigándolle a marchar da cartuxa. Ao servizo do papa trasladouse con el ao sur de Italia marchando da ofensiva do emperador Henrique IV contra Roma. Sen adaptarse á corte papal e botando en falta a vida que pensara na cartuxa, Bruno de Colonia rexeitou aceptar o ofrecemento do pontífice para ser arcebispo de Reggio. Co apoio papal fundou un novo eremitorio en Calabria: Santa María da Torre. Alí faleceu o 6 de outubro de 1101.[3]

Canonización[editar | editar a fonte]

Logo da súa morte foi considerado xa santo en Calabria así como en Reims.[1] En 1514, o papa León X autorizou aos cartuxos a render culto ao seu fundador, e en 1674, Clemente X estendeuno a toda a Igrexa católica.[6]

Representación iconográfica[editar | editar a fonte]

Malia a que a súa vida monacal foi serodia, adoita ser representado como un home novo, cunha ampla tonsura e de barba rasurada, levando como vestido o hábito cartuxo: túnica branca con amplas mangas, cinto negro e o característico capucho.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Breve historia de San Bruno". www.chartreux.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-12. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 López Campuzano, Julia (1997). "Aportaciones a la iconografía de San Bruno". Anales de Historia del Arte (7): 193–210. ISSN 0214-6452. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "San Bruno". Cartuja de Miraflores (en castelán). Consultado o 2021-11-12. 
  4. Amat, Alfredo López (1987-07-01). El seguimiento radical de Cristo / 1: Esbozo histórico de la Vida Consagrada (en castelán). Encuentro. ISBN 978-84-7490-172-6. 
  5. Renuncio, Miguel (2007-06-26). San Bruno, el primer cartujo (en castelán). Centro De Pastoral Liturgic. ISBN 978-84-9805-198-8. 
  6. "SAN BRUNO, Fundador de la Orden de los Cartujos". www.aciprensa.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-12.