Urbano II, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XI
Antipapas

Estatua de Urbano II

Urbano II (de nome Odón de Chantillon), nado en Lagery, Francia, no 1042 e finado en Roma, o 29 de xullo de 1099, foi un papa da Igrexa Católica de 1088 a 1099.

É coñecido por predicar a Primeira Cruzada en Oriente Próximo, aínda que morreu antes da culminación desta coa toma de Xerusalén. Tamén estableceu a Curia Romana na súa forma actual.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nacido co nome de Odo (tamén escrito Eudes, Otto, Otho ou Odón) en Lagery, cerca de Châtillon-sur-Marne (Francia) en 1042, era de ascendencia nobre. Cursou educación eclesiástica e ingresou na Orde Beneditina, desempeñando o seu primeiro cargo como arquidiácono de Reims. Baixo a influencia do seu mestre, Bruno de Colonia, ingresou no mosteiro de Cluny, do que chegou a ser prior. En 1078 o Papa Gregorio VII chamouno a Italia, onde foi nomeado cardeal bispo de Ostia. Tamén se converteu entón en asistente e principal conselleiro do Papa.

O entón Odo de Lagery destacou desde o primeiro momento como un dos máis firmes defensores das Reformas Gregorianas, especialmente desde os postos como diplomático de Roma en Francia e Alemaña, que desempeñou entre 1083 e 1085. O seu primeiro choque co emperador de Alemaña produciuse en 1083, cando Henrique IV ordenou o seu ingreso en prisión durante un breve período de tempo. Destacado en Saxonia en 1085, encargouse de que a maioría das sés foran ocupadas por clérigos partidarios de Gregorio.

Xa entón comezóuselle a considerar un dos posibles sucesores de Gregorio VII, aínda que á morte deste, en 1086, o elixido para sucedelo foi Desiderio, abade de Montecassino, que dirixiu a Igrexa de Roma baixo o nome de Vítor III durante os dous anos seguintes e co que Odo de Lagery se enfrontara nun principio. Finalmente, Odo foi elixido Papa por unanimidade o 12 de marzo de 1088, tras un pequeno concilio celebrado en Terracina, unha montañosa rexión situada a pouca distancia de Roma. Dise que tanto Gregorio VII como Víctor III, co que se reconciliara, o propuxeran como sucesor seu antes de morrer. Na súa proclamación elixiu o nome de Urbano II.

Papa de Roma[editar | editar a fonte]

Conflitos polo poder[editar | editar a fonte]

Desde o primeiro momento, Urbano II manifestouse como un estrito continuador da política levada a cabo por Gregorio VII, chegando a dicir no seu primeiro acto como Pontífice que "todo o que el rexeitaba, eu rexéitoo, o que el condenaba, eu condénoo, o que el amaba, eu abrázoo, o que el consideraba como verdadeiro, eu confírmoo e apróboo". A súa chegada a Roma viuse complicada pola forte oposición do emperador de Alemaña e o Antipapa Clemente III, que ocupara a cidade. Porén, conseguiu o apoio dos normandos de Roger I tras unha inesperada visita a Sicilia, o que lle permitiu entrar definitivamente en Roma, aínda que debeu combater durante tres días coas tropas do Antipapa antes de poder chegar á Basílica de San Pedro. Durante este difícil acceso ó Solio, Urbano excomungou a Clemente III e ó emperador Henrique IV, que se aliara con el.

Nos anos seguintes tratou de recuperar a súa antiga esfera de influencia en Alemaña, en clara confrontación co emperador. Para iso, casou á anciá condesa viúva Matilde de Toscana co conde Welf de Baviera, de apenas 18 anos, coa fin de que uniran as súas forzas na guerra contra Henrique IV no norte de Italia. Tamén sancionou que non se podía obrigar ós eclesiásticos a xurar fidelidade ás autoridades laicas, o que tería grandes consecuencias en séculos posteriores. Malia estes esforzos, en 1089 viuse obrigado a abandonar Roma, que volveu ser ocupada por Clemente III, e pasou os tres anos seguintes convocando diversos sínodos en Amalfi, Benevento e Troia, nos que adoptou medidas contra a simonía, a lei das investiduras e o matrimonio de eclesiásticos. En 1093 uniuse á Liga Lombarda no seu apoio á coroación como Rei dos Romanos de Conrado, fillo de Henrique IV, mediante a que este trataba de arrebatar o goberno de Italia ó seu pai.

En 1095 Urbano II excomungou tamén ó rei Filipe I de Francia, debido a que abandonara á súa esposa Ana de Kiev para casar a continuación con Berta de Monfort. O Papa quedaba así enfrontado ós dous monarcas máis poderosos de Europa nese momento.

A cruzada[editar | editar a fonte]

A idea dunha alianza militar entre tódolos países da Europa cristiá coa fin de atacar a un inimigo común, ata entón inaudita, comezou a xerarse en marzo de 1095, durante o Concilio de Piacenza. Ante unha nutrida concentración de bispos franceses, borgoñóns e italianos (o seu número era tal que a reunión tivo que realizarse fóra da cidade), Urbano II recibiu a visita dun embaixador do emperador bizantino Aleixo I Comneno, que pedía axuda contra os turcos seléucidas. Estes derrotaran estrepitosamente ós bizantinos na Batalla de Manzikert (1071) e a partir de 1073 se fixeron co control do interior de Anatolia, que ata entón fora a principal área de produción de cereais, cabalos e xinetes do Imperio. Desde alí ameazaban con expulsar ós bizantinos das súas escasas posesións restantes nas costas da Península.

Porén, Urbano non se limitou a garantir o seu apoio ós bizantinos e axiña concibiu a idea de arrebatar Xerusalén e o resto da Terra Santa ós seléucidas, poñéndoos baixo o mando de europeos occidentais. En novembro de 1095 convocou o Concilio de Clermont, ó que acudiron na súa maior parte clérigos de orixe francesa, coa fin de dar a coñecer o seu proxecto. Os asistentes deixáronse seducir polas arengas de Urbano, que postulaba entre outras cousas que Deus elixira a Francia como guía da Cristiandade para liberar as terras sagradas de Canaán do xugo dos infieis musulmáns, nun proceso no que todo aquel que participase vería perdoados os seus pecados e sería recompensado á súa chegada a Palestina coas fértiles terras desta, ricas en leite e mel. Cando preguntou ós asistentes se porían a súa espada ó servizo de Deus, toda a audiencia contestou cun sonoro Dieu le veut! ("¡Deus quéreo!") que a partir de entón se convertería no berro de guerra dos cruzados.

Ó ano seguinte partiu unha nutrida expedición de cabaleiros, soldados, clérigos e campesiños europeos cara Oriente. A maioría eran franceses (razón pola que o francés se convertería na lingua franca dos cruzados e os seus futuros estados en Oriente Próximo), aínda que tamén había normandos, loreneses e flamengos en gran número. Dirixidos por Godofredo de Bouillon, Balduíno de Flandres, Roberto de Normandía e Raimundo de Toulouse entre outros, os cruzados chegaron a Constantinopla, tomaron Nicea, expulsaron lentamente ós turcos de Anatolia (que foi devolta ós bizantinos) ata chegar a Antioquía, e unha vez conquistada esta, dirixíronse cara ao sur para pór sitio a Xerusalén, a meta da aventura. Urbano II procurou manterse informado dos avances da empresa tan pronto como fora posible, pero morreu finalmente en Roma o 29 de xullo de 1099, 14 días antes de que os cruzados puideran superar as defensas musulmás e tomaran definitivamente Xerusalén. O seu sucesor no trono pontificio foi Pascual II.

A "Cristianización" de Sicilia e Campania[editar | editar a fonte]

Case tan ambiciosa como a proclamación da Primeira Cruzada en Oriente foi a política de Urbano II de cristianizar o sur da Península Itálica e Sicilia. Esta cristianización non foi tal na realidade, xa que a maioría dos habitantes destas rexións xa eran cristiáns, se ben non recoñecían ó Patriarca de Roma senón ó de Constantinopla e seguían o rito grego en lugar do latino. En Sicilia, tras varios séculos de dominación musulmá ata a súa conquista polos normandos en 1061, existía tamén unha pequena comunidade islámica.

O proceso consistiu na súa maior parte, por tanto, nunha substitución da influencia da Igrexa Ortodoxa na zona pola da Igrexa Romana, obxectivo que Urbano II conseguiu polas súas boas relacións cos normandos que administraban o país. Estas reforzáronse a partir de 1098 coa concesión de varias prerrogativas extraordinarias ó rei Roger I, que o capacitaron entre outras cousas para nomear bispos e cobrar as rendas das igrexas construídas na rexión. Este poder converteu a Roger nunha especie de legado do Papa nas súas terras, e co tempo chegaría a considerarse ós reis de Nápoles e Sicilia case como feudatarios do Papa (o que influiría fortemente nos posteriores enfrontamentos entre Francia e Aragón polo dominio do territorio).

En Sicilia construíronse varios templos, delimitáronse novas dioceses e definiuse unha nova xerarquía eclesiástica local partindo de cero. Pola súa parte, Adelaida de Montferrat, a esposa lombarda de Roger I, dirixiu persoalmente a emigración de campesiños do val do río Po á zona este da illa, ata entón pouco poboada.

Beatificación[editar | editar a fonte]

Existen certos indicios da existencia de culto á figura de Urbano II desde pouco despois da súa morte. Así, por exemplo, entre as figuras debuxadas no ábsida do oratorio do Pazo de Letrán, construído por Calisto II, pode verse un retrato de Urbano baixo o que se inclúe o rótulo de Sanctus Urbanus Secundus ("San Urbano II"). Dita figura aparece coroada por unha nube cadrada e situada ós pés da Virxe María.

Malia isto, a beatificación non foi proposta formalmente ata que o arcebispo de Reims presentou a causa correspondente en 1878. O 14 de xullo de 1881, o Papa León XIII deu a súa aprobación á proposta e beatificou a Urbano II.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Urbano II