Bougainville

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bougainville
Bandeira independentista de Bougainville
Coats of arms of None.svg
Bandeira Escudo
Localización
Localización da illa Bougainville en Papúa Nova Guinea

Datos
Capital Arawa
País Papúa Nova Guinea
Linguas
Poboación (2000) 175.160 hab.
Superficie 10.049 km²
Densidade 17 hab./km²
Concellos
Coordenadas 6°00′S 155°00′E / 6.000°S 155.000°E / -6.000; 155.000
Maior Altura 2.715 m. Monte Balbi

Bougainville é unha illa do arquipélago de Salomón pero pertencente a Papúa Nova Guinea dentro da Rexión Autónoma de Bougainville, con 10.000 quilómetros cadrados e máis de 100.000 habitantes. De orixe volcánica, o seu punto culminante é o Monte Balbi con 2.715 metros. A cidade principal é Arawa. A illa está habitada polo pobo nasioi.

Historia[editar | editar a fonte]

Descubrimento e colonización[editar | editar a fonte]

Deulle nome o francés Louis Antoine de Bougainville, que a descubriu o 1768, pero non deixou asentamentos europeos.

Nova Guinea converteuse nunha colonia administrada pola Compañía de Nova Guinea do 1885 ao 1889. O 1 de abril de 1889, Nova Guinea quedou constituída en colonia alemá e, por tratado cos ingleses, delimitouse a illa.

Ocupada polos australianos en 1915, foi colocada baixo administración australiana, por encargo da Sociedade de Nacións, o 9 de maio de 1921.

Mandato australiano[editar | editar a fonte]

En 1942 foi ocupada polos xaponeses e recuperada por Australia en 1945, sendo confirmado o mandato que xa tiñan en 1946. O 1 de xullo de 1949 incorporouse ao territorio australiano de Papúa-Nova Guinea formado pola antiga colonia británica de Nova Guinea (transferida a Australia o 1 de setembro de 1906 co nome de Papúa) e a Nova Guinea ex alemá.

A loita coas compañías mineiras australianas (a CRA, unha subsidiaria de Conzinc RioTinto, unha gran empresa mineira multinacional, que era a dona do 53% da Bougainville Copper Ltd-BCL) comezou en 1969 e converteuse en dramática en 1972, con manifestacións e mobilizacións xerais da poboación.

Independencia[editar | editar a fonte]

O 1 de setembro de 1975 as autoridades provinciais da illa Bougainville (incluíndo a illa de Buka) proclamaron a independencia co nome de República de Salomón do Norte. A nova República adoptou unha bandeira nacional elixida nun concurso. O 16 de setembro de 1975 Papúa Nova Guinea conseguiu a independencia, incluíndo formalmente á República de Salomón do Norte. Froito dun acordo político (1976) a república disolveuse en 1977 e a lei 1/1977 estableceu un virtual estado federal (sen darlle este nome), con asembleas provinciais, e con dereito a bandeira para todas as provincias. A bandeira republicana foi recoñecida como bandeira provincial de Bougainville-Buka (Provincia de Salomón do Norte).

A pesar do anterior, os dereitos sobre a terra e as minas conduciron a unha segunda secesión e o 17 de maio de 1990 proclamouse a República de Bougainville. Francis Ona, xefe do Exército Republicano de Bougainville, foi proclamado presidente provisional. Non houbo cambio de bandeira. Pouco despois adoptouse un nome nativo para a República, que foi o de República de Meekamui. Logo de anos de loita, en 1995 o exército de Papúa Nova Guinea actuou sen mesura e as propias forzas armadas opuxéronse á represión.

Cara a un estado autónomo[editar | editar a fonte]

En 1996 comezaron conversacións e o 23 de xaneiro de 1998 chegouse a unha tregua que levou a un acordo de paz en 2001, avalado por Australia, e un estatuto de autonomía provisional o 27 de marzo do 2002. Tras tres anos de negociacións, celebráronse eleccións e estableceuse un definitivo estatuto de ampla autonomía para a illa con dereito á autodeterminación para o cabo de entre dez e quince anos, que entrou en vigor o 15 de xuño do 2005. A bandeira de sempre foi recoñecida como bandeira do estado autónomo.

Bougainville e illas veciñas

Lista de gobernantes[editar | editar a fonte]

  • Hyakutake Seikichi 1942-1945
  • Kanda Masatane 1945
  • Oscar Woolverton Griswold 1843-1944 (parte ocupada polos americanos)
  • Sir Stanley George Savige 1944-1945 (gobernador militar australiano)
  • Sen un goberno único 1945-1975 (gobernos locais nos pobos)
  • Alexis Sarei 1975-1980 (primeira vez, gobernador provincial presidente da República de Salomón do Norte, gobernador da provincia autónoma de Salomón do Norte)
  • Leo Hannett 1980-1984 (gobernador de provincia autónoma)
  • Alexis Sarei 1984-1987 (segunda vez, gobernador de provincia autónoma)
  • Joseph Kabui 1987-1990 (gobernador de provincia autónoma)
  • Sam Tulo 1990-1995 (administrador do goberno central)
  • Francis Ona 1990-1998 (Presidente do Bougainville Interim Government, rebelde)
  • Theodore Miriung 1995-1996 (presidente do goberno provincial)
  • Gerard Sinato 1996-1998 (presidenta do goberno provincial)
  • Gerard Sinato e Josep Kabui 1999 (co presidentes da Asemblea Constituínte de Bougainville)
  • John Momis 1999-2005 (gobernador especial e despois presidenta do goberno autónomo provisional)
  • Gerard Sinato 2005 (gobernador provisional por entrega do poder)
  • Joseph Kabui 2005- (presidente do goberno autónomo)