Béla Kun
Béla Kun (nado Béla Kohn) naceu o 20 de febreiro de 1886, en Szilágycsehi, Hungría, actual Cehu Silvaniei, Transilvania, Romanía e morreu o 29 de agosto de 1938 na Unión Soviética. Béla Kun foi un político comunista húngaro de orixe xudía que gobernou Hungría durante un curto período de tempo en 1919.
Vida [editar]
Nacido no seo dunha familia burguesa, xudía non practicante. Recibe na súa infancia frecuentes malleiras de seu pai, un notario alcólico do pobo. Estuda nun reputado instituto, onde recibirá apoio especial polo seu baixo nivel académico, subsistindo a familia en pobreza. Kun, problemático na escola, abandona os seus estudios universitarios de avogado para traballar como xornalista.
En 1913 casou coa mestra de música Iren Gal. Fíxose socialdemócrata e amigo de Endre Ady e outros intelectuais de esquerda. Recrutado polo exército austro-húngaro, caeu prisioneiro das tropas rusas loitando durante a Primeira Guerra Mundial. O seu contacto coa revolución rusa fíxolle un fervente bolxevique, coñeceu a Lenin e ó acabar a guerra marchou como comunista a Hungría co propósito de participar na revolución. Fundou o Partido Comunista Húngaro en Moscova o 4 de novembro de 1918.
Volto a Hungría, liderou o levantamento revolucionario contra o presidente Karolyi. Foi brutalmente torturado o que fixo que fose admirado como un heroe polas masas populares de esquerdas. En 1919 dirixiu un réxime socialista proclamado como República Soviética Húngara o 21 de marzo. Realizou reformas no dereito de propiedade e nacionalizou o sector financeiro, a industria e o transporte.
Impuxo, así mesmo, o que se denominou o terror roxo tras o intento de golpe de estado contrarrevolucionario do 24 de xuño. En política exterior chegou a impoñer un réxime comunista en Eslovaquia e embarcouse nunha guerra con Romanía por mor de recuperar os territorios arrebatados tras a disolución do Imperio Austrohúngaro cuxo fracaso foi factor decisivo para a súa caída o 1 de agosto.
Refuxiado na Unión Soviética, desempeñou a presidencia do consello de Crimea onde ordenou varias execucións contra militares malia a promesa previa de garantirlles a vida. Transferido a Alemaña, impulsou un fracasado golpe de estado. Implicouse na Internacional Comunista ata que desapareceu polas purgas de Stalin tras ser internado nun gulag.