Atol Aldabra
| Aldabra | |||||
|---|---|---|---|---|---|
|
|||||
| Localización | |||||
|
Localización de Aldabra nas Seixeles
|
|||||
| Datos | |||||
| Capital | |||||
| País | Seixeles | ||||
| Linguas | |||||
| Poboación (2007) | |||||
| Superficie | 155.4 km² | ||||
| Densidade | |||||
| Concellos | |||||
| Coordenadas | 9°24′S 46°22′E / 9.4°S 46.367°E | ||||
| Maior Altura | 8 metros | ||||
Aldabra é un atol de coral no Océano Índico, pertence ao distrito de Outer Islands, en Seixeles, sen poboación permanente, cunha gran riqueza natural no referente a flora e fauna autóctonas, o que a valeu ser catalogado pola UNESCO en 1982 como Patrimonio da Humanidade. Entre a súa fauna endémica destaca a tartaruga xigante de Aldabra (Geochelone gigantea), das cales arredor de 152.000 viven en Aldabra. Tamén destaca unha importante poboación de tartaruga verde (Chelonia mydas) e tartaruga carey (Eretmochelys imbricata).
Administrativamente o atol pertence ás illas Seixeles desde a súa independencia en 1976. Ata esa data e desde 1965, o atol pertencía xunto coas illas de Desroches e Farquhar ao Territorio Británico do Océano Índico.
Xeografía [editar]
O atol sitúase en 9°24′S 46°22′E / 9.4°S 46.367°E, a 430 km ao noroeste do extremo norte de Madagascar e a 1.110 km ao sudoeste de Mahé, a illa principal do arquipélago das Seixeles.
Trátase do segundo atol máis grande do mundo logo de Kiritimati. Ten 34 km de longo por 14,5 km de ancho. O punto máis alto elévase a 8 m sobre o nivel do mar. A superficie total terrestre é de 155.4 km² e a da lagoa interna de 224 km². En horas de marea baixa, as augas retíranse de case dous terzos da lagoa, deixando o fondo ao descuberto.
O atol é en realidade unha sucesión de catro illas maiores dispostas en forma de anel:
- Illa Sur (Grand Terre, 116,1 km²)
- Illa Media (Malabar, 26,8 km²)
- Polymnie (4,75 km²)
- Illa Oeste (Picard, 9,4 km²)
Con algunhas outras pequenas dentro da lagoa, como a Ile aux Cendres, Ile Michel, Ile Esprit, Ile Moustiques, Ilot Parc, Ilot Emile, Ilot Yangue, Ilot Dubois, Ilot Magnan, Ile Lanier. O asentamento abandonado de Picard no suroeste da illa do mesmo nome é agora empregado pola garda forestal. O atol de Aldabra forma parte do coñecido como Grupo de Aldara coas illas de Astove, Asunción, e o atol de Cosmoledo.
Historia [editar]
Aldabra foi visitada por navegantes portugueses en 1511, aínda que xa era coñecida polos árabes, a quen debe o seu nome. Durante o século XVIII formou parte da colonia francesa de Reunión desde onde se organizaban expedicións de caza de tartarugas. En 1810, xunto con Reunión, Mauricio, as Seixeles e outras illas, Aldabra pasou a mans británicas. Posteriormente, Reunión foi devolta a Francia e tanto Aldabra como as Seixeles foron postas baixo a administración británica de Mauricio.
Estableceuse o asentamento de Picard, no extremo sudoeste da Illa Oeste que foi ocupado por emigrantes das Seixeles. Finalmente foi abandonado e hoxe en día acolle a estación de estudo da vida salvaxe e ao seu persoal. Non hai poboación permanente e o atol está administrado pola Seychelles Island Foundation.
Grupo de Aldabra [editar]
O grupo de illas de Aldabra comprende:
- Atol de Aldabra
- Illa de Asunción
- Atol de Cosmoledo
- Illa Astove
A superficie total do Grupo de Aldabra ascende a 176 km². Ecoloxicamente, o grupo constitúe a ecorrexión denominada matogueira xerófila das illas Aldabra.