As fiandeiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diego Velázquez 014.jpg
”As fiandeiras”
A fábula de Aracné ou O soño de Aracné
Diego Velázquez, 1657
óleo sobre lenzo
  • Barroco
222,5 cm × 293 cm
Museo do Prado (Madrid)

A fábula de Aracné ou O soño de Aracné, popularmente coñecido coma As fiandeiras (en castelán Las hilanderas) é un lenzo de Velázquez conservado no Museo do Prado de Madrid. Esta obra é un dos máximos expoñentes da pintura barroca española e está considerada coma un dos grandes exemplos da maestría de Velázquez. Tematicamente é unha das súas obras máis enigmáticas, pois aínda non se coñece o verdadeiro propósito deste lenzo.

Historia[editar | editar a fonte]

Velázquez pintou o cadro en 1657 na súa etapa de maior esplendor para un cliente particular, Pedro de Arce. Coma pintor do rei, Velázquez non acostumaba a atender encargos privados, pero neste caso fixo unha excepción xa que Arce era o “monteiro” de Filipe IV, e polo tanto posuía certas influencias na corte de Madrid. A comezos do século XVIII o cadro pasou a formar parte das coleccións reais e máis tarde ingresou no Museo do Prado [1].

A temática da obra[editar | editar a fonte]

O rapto de Europa (1628), Zeus seduce a Europa empregando a forma dun touro branco. Este é o cadro que Velázquez representou coma o tapiz que teceu Aracne.

Durante moito tempo considerouse o lenzo coma un cadro de xénero que amosaba unha xornada de traballo no taller dunha fábrica de tapices. No primeiro plano aparece unha sala con cinco mulleres – fiandeiras- que preparan as las. Ao fondo, tras delas, e nunha estancia que semella máis elevada, aparecen outras tres mulleres ricamente ataviadas, que semellan contemplar un tapiz que representa unha escena mitolóxica. Non obstante, dada a propia entidade do cadro e pola ambigüidade de significados presente nalgúns dos lenzos máis significativos de Velázquez, débese descartar a idea de interpretar o lenzo coma unha sinxela escena cotiá.

Hoxe en día admítese que o cadro trata un tema mitolóxico: a fábula de Atenea e Aracne, nunha escena do mito de Aracne que se describe no libro sexto de As metamorfoses, de Ovidio [1]. Unha rapaza lidia, Aracne, retou á deusa Atenea, inventora da roca, a tecer o tapiz máis fermoso. A escena do primeiro plano retrataría á rapaza, sita de costas na parte dereita do lenzo, traballando afanosamente no seu tapiz. Á esquerda estaría localizada Atenea, que finxe ser unha anciá, engadindo falsas canas ás súas tempas. Sábese que se trata da deusa porque a pesar do seu aspecto envellecido, Velázquez deixa ao descuberto a súa perna, de tersura adolescente. Ao fondo represéntase o desenlace da fábula. O tapiz confeccionado por Aracne está colgado da parede. A súa obra constitúe unha evidente ofensa contra Atenea, xa que representa varios dos enganos que empregaba o seu pai, o deus Zeus, para acadar favores sexuais de mulleres e deusas. Fronte ao tapiz aprécianse dúas figuras: son a deusa Atenea, ataviada cos seus atributos (coma o casco) e Aracne, que leva unhas vestimentas de pregados clásicos. Están sitas de tal maneira que semellan formar parte do tapiz. Outras tres damas ollan como a deusa, ofendida, vai transformar á rapaza en araña coma sinal de castigo, condeándoa así a tecer eternamente.

Por outra banda, tamén hai quen pensa que podería tratarse dunha apoloxía das Belas Artes, tentando demostrar así a superioridade da pintura sobre a artesanía. A dignificación da pintura era unha cuestión bastante discutida polos artistas dende séculos anteriores.

O estilo[editar | editar a fonte]

Velázquez divide a obra en planos, coma acontece nalgúns cadros medievais cuxos grupos deben “lerse” nunha orde determinada, coma se foran páxinas dun libro. Consegue así que a vista do espectador pase da fiandeira iluminada na parte dereita do lenzo á da esquerda, pasando por riba da que se axeonlla na penumbra ata a escena do fondo. Alí, unha das mulleres vólvese cara o espectador, coma se lle sorprendese a incursión do observador na escena. O feito de poñer mensaxes nun segundo plano era un xogo tipo do Barroco.

No tocante ás cores, Velázquez emprega unha paleta case monocromática, con capas de pinturas finas e diluídas. Especialmente nas súas últimas obras, emprega unha grande variedade de tonos ocres, terras e óxidos, aplicados dun xeito pouco común á súa época: moi diluídos e con pinceis de mangos finos e longos. O dominio de Velázquez no manexo dos pinceis é excepcional, xa que é capaz de definir o que desexa pintar con escasa materia e poucas pinceladas, transformando una mancha en figura segundo a distancia do espectador. Emprega unha pincelada solta, semellante á dos impresionistas dous séculos máis tarde [1].

Un dos puntos máis salientables da técnica de Velázquez é a perspectiva aérea, acadando un efecto atmosférico semellante ao de As Meninas: consegue crear a sensación de que entre as figuras hai aire que distorsiona os contornos e as difumina, logrando captar o espazo que envolve ás figuras.

A destreza da arte de Velázquez destaca tamén no dinamismo que lle imprime ao cadro, dando a sensación de movemento, especialmente no xiro da roda, cuxos radios non é posible ver pola velocidade á que está xirando, e tamén no personaxe da dereita, que xira a la con tanta rapidez que semella ter seis dedos.

Partes engadidas[editar | editar a fonte]

O lenzo sufriu unha modificación cando pertencía ás coleccións reais [1]: foi ensanchado polos catro bordos, polo que certas partes (coma a fiestra circular sita no alto) non foron pintadas por Velázquez. Posiblemente sufriu danos durante o lume do Alcázar de Madrid de 1734, sendo despois ampliado e montado nun bastidor novo. Nos anos oitenta foi sometido a unha restauración moi laboriosa, xa que algunhas capas de pintura se desprendían. Nesta intervención decidiuse manter as partes engadidas, aínda que ocasionalmente ocúltanse ao público encaixando o cadro nunha dobre parede.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 L. Cirlot (dir.), Museo del Prado II, Col. «Museos del Mundo», Tomo 7, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3810-9, pp. 40-41

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]