Arde Lucus
O Arde Lucus (tamén escrito como Arde Lvcvs) é unha festa celebrada en Lugo a finais do mes de xuño que revive o pasado romano e castrexo da cidade amurallada e que xurdiu para conmemorar a declaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade no ano 2000. Chegou a xuntar nas súas dúas últimas edicións preto dun millón de participantes.
Dende abril de 2011 é Festa de Interese Turístico Galego. A edición de 2011 de contou con máis de 240 actividades, e a súa temática xirou en torno á irmandade castrexo-romana. Por segundo ano consecutivo acuñouse moeda especial para a festa, a cal se puido ser utilizada en moitos locais comerciais. A edición de 2012 celebrarase os días 22, 23 e 24 de xuño.
Índice |
[editar] Historia
- Véxase tamén: Historia de Lugo.
Esta festa que, tenta evocar a antiga Lucus Augusti do século III, comezouse a celebrar no ano 2000,[1][2][3] medrando ano tras ano o número de persoas caracterizadas coas vestimentas típicas da época e visitantes, chegando no ano 2009 aos 460.000 participantes e deixando uns ingresos na cidade duns 10 millóns de euros.
Cómpre destacar que ademais o concello conta coa colaboración de diversas asociacións para a celebración e ambientación do festexo, encargándose elas mesmas de moitas das actividades, como Cohors III Lucensium, Terra Copora, Lugdunum, Civitas Lucensis, Tír na nÓg ou Caetra Lucensium.
[editar] Actividades
As actividades mesturan o pasado romano da cidade, que tamén "abre as portas" á celebración dos ritos celtas dentro das murallas.
- Macellum
Un mercado artesanal onde se ofrecen produtos típicos típicos da época, ademais de espectáculos de maxia, malabares e música. É o principal punto de reunión dentro da festa, con diversos desfiles e espectáculos. Sitúase na Praza Maior.
- Castra
Son unha serie de campamentos que teñen que montar os propios participantes, xa sexan grupos de particulares ou asociacións, onde os residentes no mesmo deben de morar ataviados coas vestimentas e obxectos típicos da época. Na súa última edición os campamentos foron situados no Carril das Estantigas, no interior da muralla. Ademais cada campamento pode realizar as súas propias actividades, sempre abertas ao público en xeral. Sinalar que os campamentos poden ser tanto romanos coma galaicos.
- Circus
O circo romano ten lugar no Parque de Rosalía de Castro, onde se celebran actividades rememorando aos antigos circos romanos, con pelexas de gladiadores, carreiras de cuadrigas e outros espectáculos romanos.
- Vodas celtas e romanas
Nesta actividade as parellas pódense casar polo antigo rito celta, unión amorosa que durará até o seguinte ano, onde os namorados poden decidir se renovan ou non os seus votos (concretamente é a muller a que decide se quere renovar a unión). Se o casamento se renova durante sete anos seguidos a unión pasa a ser definitiva. Coma proba da celebración, os noivos reciben un certificado de casamento. A voda romana é máis "definitiva".
- Teatro
En numerosos puntos da cidade pódense atopar obras de teatro de todo tipo, dende comedias a os clásicos dramas, nas que moitas veces os viandantes pasan a formas parte da propia obra.
- Queima da muralla
Nesta actividade recréase o asedio a unha cidade romana, mais pese ao seu nome celébrase no xa mencionado Parque de Rosalía e non na muralla da cidade, contando coa participación de tódalas asociacións e múltiples voluntarios.
- Comilonum
É un gran banquete ao aire libre, onde as mesas son colocadas ao redor da muralla romana. Na edición de 2009 foi substituído pola Tabernae, un comedor localizado na praza da Soidade.
- Outras actividades
Ademais das anteriores destacan outras moitas actividades como as bacanais, a colocación de sentinelas nas portas da muralla, batallas entre galaicos (celtas) e romanos, espectáculos de maxia, desfiles coas caracterizacións, xogos romanos, pelexas de gladiadores, diferentes actividades para divulgar as tradicións galaicas (celtas) e romanas, cabalgatas, venda de escravos, vodas romanas, instrución militar romana en latín polas rúas da cidade, diferentes exhibicións ou os diferentes concertos.
[editar] Asociacións
As asociacións que colaboran na realización da festa son:[4]
- Tír na nÓg. O nome provén do irlandés a Terra dos Mozos, unha illa lendaria onde vivían seres como os Tuatha Dé Danann. Organiza diversas actividades de animación e obradoiros, así como recreación histórica.
- Terra Copora. Adoita representar a comuñón entre as culturas romana e castrexa, tentando facer unha achega sobre o seu día a día.
- Lugdunum. Asociación adicada principalmente a recrear a vida dos celtas.
- Cohors III Lucensium. Dispón de socios por distintas localidades que reproducen a vida romana no país, así como dos diferentes pobos da diocese de Lucus Augusti.
- Civitas Lucensis. O seu obxectivo é introducir aos nenos na historia de Lugo, tentando amosar a convivencia en harmonía entre as culturas castrexa e romana.
- Caetra Lucensium. Asociación que recrea o mundo romano en Lucus Augusti do xeito máis fiel posible.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Arde Lucus.
[editar] Notas
- ↑ Páxina "Casa de Galicia-Turismo"
- ↑ O Arde Lucus deixa uns ingresos de 10 millóns
- ↑ Acaba un Arde Lucus no que máis de 460.000 persoas botáronse á rúa en tres días, nova en El Progreso o 27 de xuño de 2010.
- ↑ Asociacións
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Sitio web oficial
- Programa das festas (2011)
- Fotografías da edición do ano 2009
- Asociación Cohors III Lucensium
- Asociación Terra Copora