Antonio Pérez del Hierro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio Pérez. Detalle dun gravado de 1791, Biblioteca Nacional de España, Madrid.

Antonio Pérez del Hierro, nado en Valdeconcha (Guadalaxara) en 1540 e finado en París (Francia) o 7 de abril de 1611, foi secretario de cámara e Secretario de Estado do rei Filipe II de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Gonzalo Pérez, secretario de Carlos V[1]. Criouse nas terras do príncipe de Éboli (Ruy Gómez de Silva) e estudou nas máis prestixiosas Universidades do seu tempo, como as de Alcalá de Henares, Salamanca, Lovaina, Venecia e Padua.

O seu pai iniciouno nos asuntos de Estado. Antonio foi nomeado, en 1553, secretario do príncipe (e logo rei) Filipe. Cando o emperador Carlos abdica os seus reinos españois no seu fillo, que se converte no rei Filipe II, Antonio Pérez continuou como seu secretario particular mentres que seu pai, Gonzalo Pérez, segue como secretario de Estado.

Gonzalo Pérez morre en 1566 e o seu fillo Antonio é nomeado Secretario de Estado un ano máis tarde, aínda que as súas competencias foron recortadas respecto ás do seu pai, facéndose cargo só dos asuntos atlánticos (Países Baixos, Francia, Inglaterra e Alemaña). A través da súa secretaría no Consello de Castela tamén tiña acceso á correspondencia interna. Os asuntos do Mediterráneo quedaron baixo cargo de Diego de Vargas, tras cuxa morte Antonio intentou por todos os medios conseguir así mesmo esta secretaría. Isto fixo que Filipe II comezara a desconfiar del.

Co apoio do marqués de los Vélez e do arcebispo Quiroga, Antonio Pérez pediu para si a oficina vacante de Vargas en 1588, ao cal opuxéronse o conde de Chinchón e todos os que temían o poder de Antonio Pérez. O rei confiou finalmente os asuntos mediterráneos e italianos a Gabriel de Zayas.

Durante os seus primeiros dez anos de secretario, Antonio Pérez exerceu unha grande influencia sobre Filipe II, o cal normalmente seguía os seus consellos, recoñecendo a súa intelixencia, coñecemento dos asuntos do Estado e instinto infalíbel. Esta confianza real serviulle para conseguir máis poder e, como a maioría dos seus contemporáneos, enriquecerse no cargo.

Xa desde a época de Carlos I existían dúas faccións na Corte española, a parte liberal liderada polo príncipe de Éboli e seu secretario Francisco de Eraso, e a parte conservadora liderada polo duque de Alba e o inquisidor xeral Fernando de Valdés. Tras a morte do príncipe de Éboli en 1573, Antonio Pérez pasou a liderar a facción liberal e comenzou a súa asociación coa princesa de Éboli (Ana de Mendoza), da cal Antonio aproveitou os contactos dela coa aristocracia, beneficiándose economicamente ambos os dous desta asociación. Antonio Pérez reveloulle á princesa de Éboli secretos de Estado e xuntos traficaron con información gobernamental.

Ana de Mendoza, princesa de Éboli

Durante o goberno de Xoán de Austria nos Países Baixos, Antonio Pérez e os seus aliados aconsellaban ao rei unha paz negociada cos rebeldes e unha invasión de Inglaterra, consello que o rei ignorou naquel momento, pois non se consideraba preparado para dita invasión. Por razóns descoñecidas, Antonio Pérez xogou coas xa tensas relacións entre Filipe II e o seu medio irmán Xoán de Austria, facendo aparecer aos ollos do rei como subversivas as pretensións deste acerca de Inglaterra. Pero Filipe xa desconfiaba do seu secretario, polo que en 1578, Xoán de Escobedo (secretario de Xoán de Austria) chegou á Corte para explicar a posición do seu superior ao rei, o cal podería deixar ao descuberto a Antonio. Por iso, Antonio culpou a Escobedo das ambicións de Xoán e aconsellou ao rei eliminalo. O rei parece que accedeu a que Escobedo fora eliminado. Antonio Pérez primeiro tratou de envelenalo, no que fallou, e despois contratou un grupo de asasinos que acabaron coa vida de Escobedo en Madrid o 31 de marzo de 1578.

Pronto esparexeuse un rumor acerca da súa implicación no asasinato de Escobedo. Filipe II intentou nun principio protexer a Antonio Pérez, en parte polo seu propio sentimento de culpabilidade, e en parte polo que puidera revelar nun proceso. Pero cando seu medio irmán Xoán morreu e os seus documentos chegaron a Madrid, descubriu as mentiras de Antonio Pérez, dándose de conta de que Xoán sempre lle fora fiel. Considerándose traizoado, Filipe II empezou a desconfiar da asociación de Antonio Pérez e a princesa de Éboli, sospeitando dun tráfico de secretos de Estado.

Na noite do 28 de xullo de 1579, Antonio Pérez foi detido ao saír do seu despacho. Pérez tiña liberdade para moverse por Madrid, sendo vixiado pola Coroa, pois o rei necesitaba os seus documentos (os cales podían implicalo a el tamén no asasinato de Escobedo).

A princesa de Éboli así mesmo foi posta baixo custodia, primeiro na Torre de Pinto, logo no castelo de Santorcaz e, finalmente, foi recluída no seu propio palacio de Pastrana, onde pasou o resto da súa vida. Pouco despois o posto de Antonio Pérez foi ocupado por Granvela.

Máis tarde, os Escobedo e os seus aliados presionaron na Corte, e conseguiron que Antonio Pérez fora detido por segunda vez en 1585 baixo os cargos de tráfico de secretos e corrupción (sen mencionar o asasinato). Foi encontrado culpábel e condenado a dous anos de prisión e unha enorme multa. En 1590 recoñeceu baixo tortura a súa implicación no asasinato de Escobedo.

En abril de 1590, axudado pola súa esposa, Xoana Coello, Antonio Pérez escapou da prisión en Madrid e fuxiu a Zaragoza, acolléndose á protección dos foros aragoneses. No Reino de Aragón encontrou o apoio, como quedou dito, do duque de Villahermosa, do conde Aranda e de Diego de Heredia. Mentres tanto e na súa ausencia, en Madrid foi condenado a morte (sen el sabelo).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A súa orixe e o lugar de nacemento foi moi discutido. No século XIX afirmábase que nacera en Madrid, ou en Monreal de Ariza. véxase aquí a nota 1. Porén, en 1542, foi lexitimado polo emperador como fillo de Gonzalo Pérez, o seu secretario. Véxase a Lexitimación de Antonio Pérez, na Colección de documentos inéditos para la Historia de España, vol. XIII, Madrid, 1848, páxs. 389-393.