Amorodeira brava

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amorodeira brava
Illustration Fragaria vesca0.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Rosoideae
Tribo: Potentilleae
Subtribo: Fragariinae
Xénero: 'Fragaria'
Especie: ''F. vesca''
Nome binomial
''Fragaria vesca''
Coville
Subespecies


A amorodeira brava, amorodo ventureiro, amorodo silvestre ou careixón (Fragaria vesca) é unha planta herbácea perenne do xénero Fragaria, da familia das rosáceas, que medra brava en lugares frescos e húmidos, nos claros dos bosques, xeralmente preto dos regos. Produce un pseudofroito que é reputado e procurado polo seu gusto intenso e picante. O seu recendo e aroma diferen dos do amorodo híbrido, comunmente cultivados para o consumo. [1][2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Fragaria vesca - metsmaasikas.jpg

O amorodo ventureiro foi o preferido en Europa dende a Antigüidade, e dende o século XIV comezou o seu cultivo organizado, que só cedeu ante o desenvolvemento de híbridos de variedades americanas de froito máis grande. O seu sabor é, porén, máis intenso, e algúns gourmets prefírena.

F. vesca é unha planta vivaz, sempreviva, estolonífera, cuxos talos acadan os 20 cm de altura. Presenta unha roseta basal de onde xurden as follas, trifoliadas, e os talos florais, ambos da mesma lonxitude. Os pecíolos das follas son pilosos. Cada un soporta unha folla composta con tres folíolos ovais dentados. Estes son verde brillantes pola face; máis pálidos polo envés, que manifesta unha nervadura moi destacada e unha gran pilosidade. Da roseta basal xurden tamén outro tipo de talos rastreiros —estolóns— que producen raíces adventicias de onde nacerán eventualmente outras plantas, aínda que en F. vesca este tipo de gromo é menos frecuente que noutras especies do mesmo xénero.

Os talos florais non presentan follas. No seu extremo aparecen entre abril e xuño as flores, non máis de cinco, brancas, de cinco pétalos brancos, cinco sépalos e unha vintena de estames amarelos e alto contido en pole; a planta é hermafrodita, colocándose as flores femininas máis altas cás masculinas para previr a autopolinización. O axente polinizador máis habitual son os insectos, en especial abellas e dípteros; varias especies de formigas aliméntanse ás veces do néctar da flor, aínda que sen contribuír á polinización.

O froito, que coñecemos como "amorodo bravo" ou "morote", é en realidade un engrosamento do receptáculo floral, sendo os puntiños que hai na pela os auténticos froitos, aquenios de arredor de 1 mm de diámetro. É un eterio de cor vermella, doce e recendente, que concentra os nutrientes do talo floral, que se decolora e adelgaza a medida que o eterio aumenta de tamaño.

Hábitat[editar | editar a fonte]

A amorodeira brava é nativa de Eurasia, e medra brava en toda Europa e no norte de Asia. Prefire solos húmidos, ben drenados, ricos en nutrientes e en humus; require algo de sol mais non en exceso, crecendo nos clareiros e marxes dos bosques e fragas. En Galiza medra en pasteiros e preto dos bosques de ribeira.

Utilización[editar | editar a fonte]

O amorodo silvestre consúmese dende a prehistoria, como testemuñan numerosos achados arqueológicos. Foi coñecida polos greegos e romanos; varios poetas dedicáronlle versos, entre eles Ovidio, Plinio e Virxilio. A partir do século XIV emprendeuse o seu cultivo, acadando froitos de maior tamaño e menos agres. A Hieronymus Bock débeselle a primeira descrición botánica científica da planta.

Hoxe en día apréciase como planta medicinal; é rica en taninos, polo que se utiliza coma adstrinxente. A decocción das follas emprégase para a anemia e as afeccións hepáticas. Mesturada con follas de menta (Mentha x piperita) empregábase como lavadura antiséptica para a roupa branca. Tamén se empregou a decocción para tratar a gota; cóntase que Carl von Linné curou a doenza cun tratamento a base de amorodeira brava.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Amorodo silvestre

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tapani Pyysalo, Erkki Honkanen, Timo Hirvi (1972) Volatiles of wild strawberries, Fragaria vesca L., compared to those of cultivated berries, Fragaria .times. ananassa cv Senga Sengana ; J. Agric. Food Chem., 1979, 27 (1), pp 19–22 DOI: 10.1021/jf60221a042 Publication Date: January 1979 ; PDF payant 523 KB
  2. Mari A. Hakala, Anja T. Lapveteläinen, et Heikki P. Kallio, Volatile Compounds of Selected Strawberry Varieties Analyzed by Purge-and-Trap Headspace GC-MS ; Journal of Agricultural and Food Chemistry 2002 50 (5), pp 1133–1142

Véxase tamén[editar | editar a fonte]