Álvaro de Figueroa Torres-Mendieta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Álvaro de Figueroa, Conde de Romanones

Álvaro de Figueroa Torres Mendieta, Conde de Romanones, nado en Madrid o 9 de agosto de 1863 e finado na mesma cidade o 11 de outubro de 1950, foi un político español. Foi 17 veces ministro e 3 veces presidente do goberno con Alfonso XIII.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Segundo fillo de Ignacio de Figueroa y Mendieta e de Ana de Torres y Romo, marqueses de Villamejor, naceu en Madrid no medio dunha nobre e rica familia con raíces e importantes posesións en Guadalaxara e negocios mas minas de La Unión (Murcia).

Licenciouse en Dereito en 1884 na Universidade Central de Madrid e trasladouse para doutorarse á Universidade de Boloña en Italia coa idea de especializarse en dereito político.

Non exerceu a avogacía, dedicándose á política e ós negocios. Da man do seu sogro o político e xurisconsulto Manuel Alonso Martínez comezou a súa andaina política nas primeiras Cortes da Rexencia de María Cristina. Dende 1888 a 1936 mantívose como deputado sen interrupción no seu feudo caciquil de Guadalaxara. Foi elixido concelleiro do Concello de Madrid en 1890 e en 1894 alcalde da cidade. A súa carreira política dende os seus inicios estivo sempre vencellada ó Partido Liberal fundado por Sagasta do que chegou a ser un dos seus principais líderes. En 1903 fundou o seu órgano político de carácter personalista: o Diario Universal.

Foi ministro de Instrución Pública e Belas Artes con Sagasta (1901-1902), mandato no que incorporou o soldo dos mestres ós orzamentos estatais.

No mandato liberal de 1905 a 1906 formou parte do goberno de Montero Ríos desempeñando a carteira de Fomento (Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas) e logo do Consello de Ministros que lle adxudicou o de Graza e Xustiza.

Apoiou a ascensión de José Canalejas á xefatura do Partido Liberal, e como recompensa foi nomeado Ministro de Instrución Pública (1909) e, máis tarde, en 1912, promovido á presidencia do Congreso.

Asasinado Canalejas e convertido en xefe dunha das principais faccións do Partido Liberal conseguiu ser o encargado de formar goberno tras a interinidade de Manuel García Prieto dende novembro de 1912 ata outubro de 1913. Negociou con Francia o tratado de soberanía sobre Marrocos movido tanto por simpatías ideolóxicas como por intereses económicos no Rif.

A súa actitude francófila chocou coa declaración de neutralidade do goberno de Eduardo Dato e os posicionamentos maioritariamente xermanófilos dos conservadores. En decembro de 1915 volveu a presidir o goberno, amosándose máis favorable ós aliados na contenda mundial e denunciando a Alemaña a raíz do torpedeamento de buques españois por submarinos alemáns. Atacado pola prensa conservadora acabou por presentar a súa dimisión.

Volveu a formar parte do goberno de concentración nacional de Antonio Maura como ministro de Instrución e Xustiza e como ministro de Estado no goberno de García Prieto que sucedeu a aquel.

O Rei volveu encargalo do goberno en decembro de 1918 pero durou pouco ante a vaga de conflitos obreiros e a axitación autonomista de Cataluña. Foi relevado en abril de 1919 despois de asinar o 3 de abril de 1919 o chamado "Decreto da xornada de oito horas".

Senador por Guadalaxara e ministro de Graza e Xustiza (1922-1923) no goberno de García Prieto, pasou a ocupar a presidencia do Senado en 1923, cargo que ocupaba cando Primo de Rivera deu o golpe de Estado o 13 de setembro de 1923.

Durante a ditadura mantívose a marxe aínda que conspirou na "sanjuanada" de 1926, polo que Primo de Rivera lle impuxo de multa 500.000 pesetas.

Formado o goberno de Juan Bautista Aznar-Cabañas, tras a caída da "dictablanda" de Dámaso Berenguer, ocupou a carteira de Estado, pero as eleccións de abril de 1931 deixaron á vista a inviabilidade política da opción monárquica. Ante os resultados esmagadoramente favorables á República, Romanones aconsellou ó rei Afonso XIII abandonar España.

Romanones entrevistouse persoalmente con Niceto Alcalá Zamora pactando o traspaso pacífico de poderes ó Goberno Provisorio da República sen intervención militar a cambio de garantir a vida do rei e da súa familia. Conseguiu manter o seu escano por Guadalaxara nas Cortes republicanas, pero o seu peso político foi pouco significativo. Foi deputado monárquico nas Cortes constituíntes da República defendendo a figura do rei Afonso XIII no exilio, e a súa propia xestión.

Non participou no alzamento nacional de 1936. Fora elixido deputado nas eleccións democráticas dese ano e a guerra civil sorprendeuno en Donostia desde onde pasou a Francia coa axuda do embaixador francés. Regresou á zona nacional en 1937 pero nunca máis volvería á arena política. Foi vetado polos falanxistas, e no que lle restou de vida adicouse a completar as súas memorias e a dirixir a presidencia da Academia de Belas Artes de San Fernando.

Estivo casado desde 1888 con Casilda, filla do político Manuel Alonso Martínez. Tivo tres fillos e unha única filla Casilda de Figueroa, que foi Duquesa consorte de Pastrana ó contraer matrimonio con Rafael de Bustos. O seu fillo José morreu en combate en 1920 na guerra de África.

Obra e ideoloxía[editar | editar a fonte]

Romanones foi un avezado escritor. Escribiu as súas memorias durante a República. Obras súas foron Las Responsabilidades políticas del Antiguo Régimen, Breviario de Política Experimental, Biología de los Partidos Políticos, El régimen parlamentario y los gobiernos de gabinete, Observaciones y Recuerdos (1912-1921), Notas de mi vida (1929-1947), Los cuatro presidentes de la I República, e varias biografías, entre elas a de Espartero, a de Amadeo de Savoia e a de María Cristina de Habsburgo-Lorena.

Foi ademais de fundador do Diario Universal, propietario de El Globo e colaborador de El Magisterio Español e de El Heraldo de Madrid.

Aínda que católico, Romanones considerábase inimigo da intransixencia relixiosa e da influencia do clero e foi moi contestado pola Igrexa e as súas altas autoridades (o Bispo de Tui, por exemplo), sobre todo trala promulgación da Lei de Matrimonio Civil cando formaba parte do Gabinete de Montero Ríos de 1905. Retomou as relacións co Vaticano pero continuou manténdose partidario da separación das potestades civil e relixiosa e de que a influencia do clero non puidese interferir no desenvolvemento do poder civil (a través da chamada “lei do cadeado" de 1910).

O conde de Romanones é o prototipo do “político de palacio” da Restauración, titular e defensor de poderosos intereses económicos e posibilista e realista sen demasiados escrúpulos nas súas manobras políticas. Servíndose da súa gran fortuna, das súas influencias persoais e apoiándose no trato íntimo co rei e a familia real, o seu cacicato estendeuse ininterrompidamente dende 1888 a 1936 na provincia de Guadalaxara. Romanones fixo partícipe dos beneficios deste control político ós seus familiares máis directos: ós seus irmáns Rodrigo, José e Gonzalo (fundador do Banco Español de Crédito) e ós seus fillos Carlos e Alvaro de Figueroa Alonso-Martínez.

Distincións[editar | editar a fonte]

Doutor en dereito pola Universidade de Boloña, foi membro da Real Academia da Historia e da Real Academia das Ciencias Morais e Políticas, presidente do Ateneo madrileño e director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

Obtivo o título de Conde de Romanones en 1893 e foi grande de España dende 1911.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Patrimonio galego no exterior. A Adoración dos Magos, de Van der Goes.
  • Desde os nove anos, cando caeu dun coche de cabalos, sufriu dunha coxeira permanente. Esta minusvalía foi ollada inmisericordemente por todos os seus caricaturistas. Mantivo cos seus cartos durante moitos anos un pavillón de asistencia para nenos coxos ós que se lles custeaban as próteses necesarias.
  • En 1913 autorizou a venda ó Museo de Berlín do Retablo de Monforte de Lemos, coa "Adoración dos Magos" de Hugo van der Goes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Montero Luzón, Javier (1988) Romanones, caciquismo y política liberal. Madrid: Alianza Editorial.
  • Montero Luzón, Javier (2000) "Romanones, cara y cruz de la Restauración". La Aventura de la Historia, nº 25, pp. 28-35.
  • Padilla, Antonio (1970) "El Conde de Romanones". Historia y Vida, nº 23, pp. 8-9.
  • Rivera de la Cruz, Marta (2004) "El Conde de Romanones", Grandes de España, pp. 251-265. Madrid: Aguilar.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Manuel García Prieto
Escudo de España 1874-1931.svg
Presidente do Consello de Ministros de España

1912 - 1913
Sucesor:
Eduardo Dato e Iradier
Predecesor:
Eduardo Dato e Iradier
Escudo de España 1874-1931.svg
Presidente do Consello de Ministros de España

1915 - 1917
Sucesor:
Manuel García Prieto
Predecesor:
Manuel García Prieto
Escudo de España 1874-1931.svg
Presidente do Consello de Ministros de España

1918 - 1919
Sucesor:
Antonio Maura y Montaner