Saltar ao contido

Zapata de bico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zapata de bico
Deania calcea

Debuxo de Deania calcea
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Superorde: Selachimorpha
Orde: Squaliformes
Familia: Centrophoridae
Xénero: Deania
Especie: D. calcea
Nome binomial
Deania calcea
(Lowe, 1839)
Distribución de Deania calcea
Distribución de Deania calcea

Distribución de Deania calcea
Zapata de bico (Deania calcea).

A zapata de bico ou zapata paxariño,[1] Deania calcea, é unha especie de pequeno tiburón do xénero Deania que se encontra nas costas do océano Pacífico ao redor de Honshu, Xapón, no sur de Australia, Nova Zelandia e Chile, e no océano Atlántico, desde Islandia até o cabo da Boa Esperanza (Suráfrica).

De corpo alongado, ten un fociño moi longo e estreito, dúas aletas dorsais longas e baixas, con espiñas acanaladas e pequenas aletas pectoris, carecendo de aleta anal.

Vive a profundidades de entre 73 e 1.450 m. É ovovivíparo, cun máximo de doce crías por camada. Aliméntase de peixes óseos e camaróns.

Descrición

[editar | editar a fonte]

As principais características da zapata de bico son:[2]

  • Corpo alongado, que alcanza lonxitudes de 70 a 90 cm nos machos e de 70 a 110 nas femias.
  • Fociño moi longo, estreito e aplanado, a xeito de espátula.
  • Dentes diferentes. Os do maxilar superior son máis pequenos que os do inferior, en forma de lámina cunha punta vertical; os da mandíbula, máis grandes, son tamén máis anchos e cunha punta que varía entre a posición vertical e a oblicua.
  • Dúas aletas dorsais, con espiñas acanaladas, a primeira moi longa e baixa, coa orixe á altura das pectorais; segunda máis curta e alta e coa espiña máis longa que a da primeira. aletas pectorias pouco desenvolvidas. Carece de aleta anal.
  • Carece de quillas no pedúnculo caudal.
  • Coloración gris apardazada no dorso e abrancazada no ventre.

Historia natural

[editar | editar a fonte]

A zapata de bico é unha especie común, pero pouco coñecida por habitar en augas profundas (tense rexistrado entre os 73 e os 1.450 m de profundidade) e sempre preto do fondo. Aliméntase sobre todo de peixes óseos de fondo e camaróns. É ovovivíparo, con camadas de entre 6 e 12 crías que miden ao nacer uns 30 cm.[2]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

A especie aparece rexistrada en augas galegas por Solórzano et al., 1988,[3] pero nin este autor, na súa Guía dos peixes de Galicia,[4] nin Rodríguez Villanueva et al., 1992)[5] lle dan nome galego ningún, pero si o fan Lahuerta e Vázquez,[6] que lle adxudican o de zapata de bico e, como sinónimo, zapata paxariño.[7]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A IUCN cualifica o estado de conservación desta especie como LC (Pouco preocupante).[8]

  1. Así denominada por Lahuerta e Vázquez (2000).
  2. 2,0 2,1 Rodríguez Villanueva et al. (19992, p. 74.
  3. Solórzano (1988), p. 14.
  4. Rodrígez Solórzano et al. (1983), p. 45.
  5. Rodríguez Villanueva et al. (1992), pp. 74-75.
  6. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 190.
  7. Os nomes da especie son, en inglés, birdbeard dogfish (peixe can bico de paxaro"); en castelán, tollo pajarito; en francés, squale savate ("escualo zapatilla"), e en portugués, sapata' (este último, segundo os autores citados).
  8. Deania calcea na Lista Vermella da IUCN. Versión 2012.2 (en inglés) Consultada o 13/12/2012.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
  • Moreno, Juan A. (2004): Guía de los tiburones de aguas ibéricas, Atlántico nororiental y Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 978-84-282-1367-7.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]