Saltar ao contido

William McDougall (psicólogo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaWilliam McDougall

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento22 de xuño de 1871 Editar o valor en Wikidata
Lancashire, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte28 de novembro de 1938 Editar o valor en Wikidata (67 anos)
Durham, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido Editar o valor en Wikidata
EducaciónSt John's College (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Director de teseWilliam Halse Rivers Rivers (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpsicólogo , profesor universitario Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade Harvard
University College de Londres
Universidade Duke Editar o valor en Wikidata
Membro de
Influencias
LinguaLingua inglesa Editar o valor en Wikidata
Premios

WikiTree: McDougall-3290

William McDougall (/məkˈdɡəl/), nado o 22 de xuño de 1871, finado o 28 de novembro de 1938, foi un psicólogo británico, profesor do University College de Londres, Universidade de Oxford, Universidade Harvard e Universidade Duke e membro da Royal Society.[1][2] Escribiu varios libros de texto influíntes, e foi importante no desenvolvemento da teoría do instinto e a psicoloxía social no mundo anglofalante.

McDougall foi un opositor ao condutismo e posicionouse en parte fóra da corrente principal do desenvolvemento do pensamento psicolóxico angloamericano na primeira metade do século XX; pero o seu traballo era coñecido e respectado polas persoas leigas.

Biografía

[editar | editar a fonte]

Naceu en Tonge, Middleton na área de Manchester o 22 de xuño de 1871, e era o segundo fillo de Isaac Shimwell McDougall e a súa esposa Rebekah Smalley.[3] O seu pai era un dos irmáns McDougall que desenvolveron a fariña autolevedante, pero concentrábase nos seus propios negocios como fabricante químico.[4]

McDougall estudou no Owens College, Manchester e St John's College, Cambridge.[5] estudou medicina e fisioloxía en Londres e Göttingen. Despois de ensinar no University College de Londres e en Oxford, foi contratado para ocupar a cátedra de William James de psicoloxía na Universidade de Harvard en 1920, onde traballou como profesor de psicoloxía de 1920 a 1927. Despois trasladouse á Universidade Duke, onde creou o Laboratorio de Parapsicoloxía baixo a dirección de J. B. Rhine, e onde permaneceu ata a súa morte. Foi membro da Royal Society. Entre os seus estudantes estaban Cyril Burt, May Smith, William Brown e John Flügel.[6]

Opinións

[editar | editar a fonte]

Os intereses e simpatías de McDougall eran amplos. Estaba interesado na euxenesia, pero desviouse da ortodoxia neodarwinista ao manter a posibilidade da herdanza dos caracteres adquiridos suxerida por Jean-Baptiste Lamarck; levou a cabo moitos experimentos deseñados para demostrar estre proceso.[7]

McDougall opoñíase ao condutismo e argumentaba que o comportamento estaba xeralmente orientado a un obxectivo e era intencional, un enfoque que el chamaba psicoloxía hórmica. O termo “hórmico” procede do grego hormḗ (ὁρμή), que significa 'impulso' e segundo Hilgard (1987) foi tomado dos traballos de T. P. Nunn, un colega británico. A primeira descrición da psicoloxía hórmica fíxoa en An Introduction to Social Psychology (1908). A psicoloxía hórmica funciona como un dos marcos fundacionais para comprender o amplo rango de forzas motivacionais humanas. Indicou os seguintes instintos innatos principais e emocións primarias que son “probablemente comúns aos homes de todas as razas e todas as idades”:[8]

  • Escapar (Medo)
  • Repulsión (Noxo)
  • Curiosidade (Asombro)
  • Pugnacidade (Raiba)
  • Asertividade (Euforia)
  • Autohumillación (Sometimento)
  • Instinto parental (Tenrura)
  • Reprodución
  • Alimentación
  • Instinto gregario
  • Adquisición
  • Construción
  • Arrastrarse e camiñar

Porén, na teoría da motivación, defendía a idea de que os individuos están motivados por un número significativo de instintos herdados, cuxa acción poden non comprender conscientemente, así que non sempre poderían comprender os seus obxectivos. McDougall foi sometido a psicanálise con C. G. Jung, e tamén se preparou para estudar parapsicoloxía.

Debido ao seu interese pola euxenesia e a súa posición non ortodoxa sobre evolución, McDougall foi tomado como unha figura icónica polos partidarios de que existe unha forte influencia dos caracteres herdados no comportamento, algúns dos cales son considerados polos psicólogos da corrente principal como racistas científicos. El escribiu:

"...; os poucos Negros[9] distinguidos, como os chaman en América –como Douglass, Booker Washington, Du Bois– foron, creo, en todos os casos mulatos ou tiñan algunha proporción de sangue branco. Podemos con xustiza adscribir a incapacidade da raza do Negro para formar unha nación á falta de homes dotados con cualidades de grandes líderes, incluso máis que ao nivel máis baixo de capacidade media" (McDougall, William., The Group Mind, p.187, Arno Press, 1973; Copyright, 1920 by G.P. Putnam's Sons).

McDougall casou cando tiña 29 anos ("contra os meus principios considerados", como di no seu ensaio autobiográfico, "porque eu sostiña que un home cuxo oficio elixido na vida era desenvolver ao máximo aos seus poderes intelectuais non debería casar antes dos corenta, se algunha vez o facía"). Tivo cinco fillos.

O libro de McDougall The Group Mind recibiu "críticas moi hostís" dos psicólogos pero vendeuse ben ao público. A prensa estadounidense era crítica con McDougall, xa que as súas conferencias sobre euxenesia nacional eran consideradas racistas.[7]

Investigacións psíquicas

[editar | editar a fonte]

McDougall era decididamente partidario do método científico e a profesionalización académica en investigación psíquica. Contribuíu a establecer a parapsicoloxía como disciplina universitaria nos Estados Unidos a inicios da década de 1930. A historiografía tradicional da investigación psíquica, dominada polos "gañadores" da carreira pola "ciencia da alma", revela fascinantes inconmensurabilidades epistemolóxicas e un complexo conxunto de interaccións entre as presuposicións científicas e as metafísicas á hora de construír e manter vivo o status científico da psicoloxía. Así, revisou as historias da investigación psíquica e as súas relacións coa psicoloxía cun pulo crítico.[10] En 1920, McDougall foi presidente da Sociedade par a Investigación Psíquica, e no seguinte ano foino tamén da súa equivalente estadounidense, a Sociedade Americana para a Investigación Psíquica.[11]

McDougall traballou para captar diversos asuntos e causas científicos, relixiosos, éticos, políticos e filosóficos nunha ampla “rede de actores” que finalmente pulase a institucionalización e profesionalización da parapsicoloxía. Foi tamén un dos membros do comité da revista Scientific American que investigou a médium Mina Crandon.[7] Asistiu ás sesións da médium e era escéptico sobre a súa "man ectoplásmica". Sospeitaba que era parte dun animal manipulado artificialmente para que parecese unha man. A sospeita de McDougall foi confirmada por expertos independentes que examinaron fotografías da man.[7]

McDougall era crítico co espiritualismo, xa que el coidaba que algúns dos seus partidarios, como Arthur Conan Doyle, non comprendían ben a investigación psíquica e "dedicábanse eles mesmos á propaganda".[7] En 1926, McDougall concluíu que "tomei parte nun considerable número de investigacións de presuntos fenómenos supernormais; pero ata agora non se conseguiron atopar evidencias convincentes en ningún caso, senón que máis ben se atoparon moitas evidencias de fraude e engano."[12]

Porén, McDougall continuou animando a facer investigación científica sobre os fenómenos psíquicos e en 1937 foi o fundador e coeditor (xunto con Joseph Banks Rhine) da revista revisada por pares Journal of Parapsychology, que se continúa publicando. Como foi o primeiro en formular unha teoría do comportamento instintivo humano, influíu no desenvolvemento do novo campo da psicoloxía social.

En 1911, McDougall foi o autor de Body and Mind: A History and Defence of Animism. Nesta obra rexeitaba tanto o materialismo coma o darwinismo e apoiaba unha forma de Lamarckismo na que a mente guía a evolución. McDougall defendeu unha forma de animismo na cal a materia ten un aspecto mental; as súas opinións eran moi similares ao panpsiquismo, xa que cría que había un principio animado na materia e afirmara na súa obra que había tanto evidencias psicolóxicas coma biolóxicas para sustentar esta posición.[13] McDougall defendera a teoría de que a mente e o cerebro son distintos mais interaccionan entre si, aínda que non era un dualista nin un monista, xa que pensaba que a súa teoría do animismo acabaría substituíndo tanto aos enfoques filosóficos do dualismo coma os do monismo.[14][15] Como parapsicólogo tamén afirmaba que a telepatía fora probda cientificamente.[16]

McDougall elaborou outra obra que atacaba o materialismo titulada Materialism and Emergent Evolution (1929). Esta obra foi o único enfoque psicolóxico distintivo no campo á parte do libro de Floyd Allpott titulado Social Psychology, escrito en 1924. No libro McDougall criticaba a teoría da evolución emerxente porque dicía que ignoraba as probas do lamarckismo e non tiña en conta as evidencias de que a mente guía a evolución. A última obra de McDougall sobre o tema titulouse The Riddle of Life (1938) e criticaba o organicismo, xa que para McDougall, se ben a teoría do organicismo rexeitara o materialismo, non fora máis lonxe propoñendo un papel activo dalgún principio non físico.[17]

Bibliografía seleccionada

[editar | editar a fonte]

De William McDougall:

  • Physiological Psychology (1905)
  • An Introduction to Social Psychology. Methuen & Co, p. x, 355 (Londres 1908). A segunda edición apareceu en 1909.
Este libro foi reimpreso varias veces. Por exemplo, en 1960, University Paperbacks, unha impresión de Methuen & Co e Barnes & Noble, publicado e reimpreso da 23ª edición.[18]
  • Body and Mind: A History and a Defense of Animism (1913)
  • The Group Mind: A Sketch of the Principles of Collective Psychology with Some Attempt to Apply Them to the Interpretation of National Life and Character (1920, reimpreso en 1973)
  • Is America Safe for Democracy? Six Lectures Given at the Lowell Institute of Boston, co título Title Anthropology and History, or the Influence of Constitution on the Destinies of Nations (1921)
  • Outline of Psychology (1923)
  • An Outline of Abnormal Psychology (1926)
  • Character and the Conduct of Life (1927)
  • Modern Materialism and Emergent Evolution (1929)
  • Energies of Men (1932)
  • The Riddle of Life (1938)

De Margaret Boden:

  • Purposive Explanation in Psychology (1972)
  1. Ellwood, Charles A. (1939). "Obituary: William McDougall: 1871-1938". American Journal of Sociology 44 (4): 555–555. ISSN 0002-9602. 
  2. Greenwood, M.; Smith, M. (1940). "William McDougall. 1871-1938". Obituary Notices of Fellows of the Royal Society 3 (8): 39. doi:10.1098/rsbm.1940.0005. 
  3. Richards, Graham. "McDougall, William". Oxford Dictionary of National Biography (online ed.). Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/34716.  require subscrición
  4. Shephard, Ben (2015). Headhunters: The Pioneers of Neuroscience (en inglés). Vintage Books. p. 25. ISBN 978-0-09-956573-4. 
  5. "McDougall, William (MDGL890W)". A Cambridge Alumni Database. University of Cambridge.
  6. Wooldridge, Adrian (2006). Measuring the Mind: Education and Psychology in England C.1860-c.1990. Cambridge University Press. pp. 57–58. ISBN 9780521026185. Consultado o 15 de marzo de 2015. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Berger, Arthur S. (1988). Portrait of William McDougall. In Lives and Letters in American Parapsychology: A Biographical History, 1850–1987. McFarland. pp. 118–124. ISBN 0-89950-345-4
  8. W. McDougall: An Introduction to Social Psychology. 6ª ed. John W. Luce & Co., Boston 1912, pp. 19, 45–89. (online)
  9. Usa a palabra inglesa Negroes, hoxe considerada despectiva (~negrata).
  10. Asprem, E. (2010), "A Nice Arrangement of Heterodoxies: William McDougall and the Professionalization of Psychical Research", Journal of the History of the Behavioral Sciences, 46 (2):123–143.
  11. Krantz, D L; Hall, R; Allen, D (1969). William McDougall and the problem of purpose. Journal of the History of the Behavioral Sciences 5 (xaneiro de 1969). pp. 25–38. PMID 11610086. doi:10.1002/1520-6696(196901)5:1<25::AID-JHBS2300050104>3.0.CO;2-S. 
  12. Valentine, Elizabeth R. (2011). Spooks and Spoofs: Relations Between Psychical Research and Academic Psychology in Britain in the Inter-War Period. History of the Human Sciences 25: 67–90.
  13. The New international encyclopaedia, Volume 7, Dodd, Mead and company, 1923, p. 282
  14. David Ray Griffin Parapsychology, philosophy, and spirituality: a postmodern exploration 1997, p. 139
  15. William McDougall Body and mind: a history and a defense of animism Methuen, 1911
  16. Janet Oppenheim The Other World: Spiritualism and Psychical Research in England, 1850–1914 1988, pp. 263–264
  17. Peter J. Bowler Reconciling science and religion: the debate in early-twentieth-century Britain 2001, pp. 181–184
  18. McDougall, William (1960). An Introduction to Social Psychology (23rd ed.). University Paperbacks. Imprint of Methuen & Co (Londres) and Barnes & Noble (Nova York). pp. xxi–xxii.  (Nota: O prefacio á 23ª edición comenza en p.xxi, con data deste prefacio de [outubro de 1936] en p.xxii.)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]