Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Xapón é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo oeste polo océano Pacífico e polo leste polo mar do Xapón, ao leste está China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan "sol orixe", polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente". O país nipón é un arquipélago estratovolcánico composto por 6 852 illas. As catro máis grandes e principais illas son Honshu, Hokkaido, Kyūshū e Shikoku, que en conxunto constitúen aproximadamente o 97% da superficie terrestre nacional. O Xapón é ademais o décimo país máis poboado do mundo, con máis de 127 millóns de habitantes. Na súa capital Toquio residen máis de 9 millóns de persoas, sendo a sexta cidade con maior poboación do mundo, e a súa área metropolitana é a concentración urbana máis grande do mundo con máis de 36 millóns de habitantes.

Investigacións arqueolóxicas indican que as illas estaban habitadas xa no Paleolítico superior, aínda que non hai ningunha referencia escrita que fale do Xapón até o século I. A historia do Xapón caracterízase pola influencia doutras rexións, principalmente China e posteriormente a Europa occidental. Dende o século XII até o ano 1868 o Xapón foi gobernado por sucesivas ditaduras militares feudais (shogunatos) en nome do emperador. A finais do século XIX e comezos do XX, unha serie de vitorias na primeira guerra sino-xaponesa, na guerra ruso-xaponesa e na Primeira Guerra Mundial permitiron ampliar o territorio do Imperio durante un período de crecente militarismo. A segunda guerra sino-xaponesa de 1937 espallouse ata formar parte da Segunda Guerra Mundial no 1941, rematando no 1945 tralo bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Dende a adopción da Constitución revisada de 1947, o Xapón mantén unha monarquía constitucional unitaria, cun emperador (Tennō) e un parlamento democrático chamado Kokkai, no sistema coñecido como Dieta do Xapón.