Tulipeiro
Tulipeiros (xénero Liriodendron) | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Flor do tulipeiro de Virxinia (Liriodendron tulipifera) | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||
Os tulipeiros son árbores pertencentes ao xénero Liriodendron, da familia das magnoliáceas. Consta de só dúas especies de grandes árbores de folla caediza, unha nativa da costa leste de América do Norte, a outra da China. Tamén son chamados árbores das tulipas.
Descrición
[editar | editar a fonte]Recoñécense facilmente polas súas características follas, que posúen catro lóbulos na meirande parte dos casos e un corte cruzado con apéndice; o tamaño varía dende 8–17 cm de longo e 6–12 cm de largo en ambas as dúas especies; o pecíolo é de 4–10 cm de longo. As follas das arboriñas novas adoitan ser máis fondamente lobuladas que as das maduras (véxanse as fotos, esquerda). Polo outono as follas tórnanse amarelas ou pardo amareladas.
As flores teñen un diámetro de 4–8 cm con nove tépalos, tres curtos exteriores semellantes a sépalo, e seis interiores semellantes a pétalos, todos dunha cor amarela verdosa. Son superficialmente semellantes á flor da tulipa ou tulipán na forma, polo que se lle deu o nome de tulipeiro ou árbore das tulipas. Os estames e mais os pistilos atópanse distribuídos a xeito de espiral derredor da espiga; os estames sobresaen, e os pistilos orixinan as sámaras. O froito é dunha forma semellante a un cono de agregado de sámaras, cada unha delas posúe unha semente rugosa tetraédrica, cun bordo unido á espiga central cónica, e o outro bordo unido á asa ou á.
Especies e cultivares
[editar | editar a fonte]No Cretáceo, o xénero estaba representado por varias especies, e amplamente distribuído por América do Norte e Europa. Ficou en rochas terciarias.
- Liriodendron tulipifera; tulipeiro de Virxinia, ou árbore das tulipas é a especie máis coñecida. Procede da costa leste de América do Norte dende o sur de Ontario e Vermont acadando polo sur o centro da Florida e Luisiana. Pódese desenvolver por riba dos 50 m nas fragas das montañas dos Apalaches, normalmente sen pólas até non acadaren os 25–30 m de altura o que os fai árbores moi apreciadas na industria madeireira. Medra axiña, sen o problema común de xerar madeiras febles na consistencia, e de pouca dura. As flores teñen unha fita laranxa nos tépalos; teñen unha gran cantidade de néctar, sendo unha das maiores plantas melíferas do leste dos Estados Unidos, producindo unha variedade de mel avermellada dun forte sabor. O tulipeiro de Virxinia é a "árbore do estado" (segundo a listaxe do goberno dos Estados Unidos.) de Indiana, Kentucky e Tennessee.
Téñense introducido en numerosas partes temperadas do mundo, tan ao norte coma en Oslo ou en Noruega. No Canadá, é nativo da parte sur de Ontario seguindo unha liña de Hamilton a Sarnia, con numerosos exemplares no Rondeau Provincial Park, porén os maiores cultivos pódense atopar na Columbia Británica. Aquí atópanse cultivados en Haida Gwaii (Illas da Raíña Carlota), e no interior tan ao norte como é Vernon. A plantación máis ao leste atópase en Crestón. Adoita medrar nas cidades do suroeste, coma Burnaby, New Westminster, Port Alberni, Vancouver e Victoria. No hemisferio sur, cultívase nalgunhas partes da Arxentina, Australia, Chile, Nova Zelandia, Suráfrica, e o Uruguai.
En Galicia acostuma plantarse en xardinaxe urbana e palaciana. Dous exemplares aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia:
- Tulipeiro de Virxinia do Pazo de Santa Cruz, en Vedra (A Coruña);
- Tulipeiro de Virxinia do Pazo de Castrelos, en Vigo (Pontevedra). Áchase no xardín inglés, ten na base un diámetro considerábel, e o toro oco.
- Liriodendron chinense; tulipeiro chinés, menos coñecido, nativo do centro e sur da China, medrando nas provincias de Anhui, Guangxi, Jiangsu, Guizhou, Hubei, Hunan, Jiangxi, Shaanxi, Zhejiang, Sichuan e mais de Yunnan. É moi semellante á especie americana, variando nas follas, xeralmente cos lóbulos lixeiramente maiores e os tépalos interiores das flores máis curtos, faltando, ademais, o pigmento laranxa do Liriodendron tulipifera. O tamaño máximo que pode acadar o tulipeiro chinés non se coñece con veracidade, por mor a unha longa historia de sobreexplotación nas súas fragas nativas; en cultivo medra tanto como o americano. Non é tan duro coma a especie americana, tense introducido con éxito en Inglaterra, Irlanda, Bélxica e Países Baixos. En América do Norte desenvólvese tan ao norte como é Boston, Massachusetts na costa leste e Vancouver, ou o Canadá na costa oeste.
Os tulipeiros acadan portes considerábeis, medrando até 35 m se o solo é bo (véxanse exemplares no Parque de Castrelos en Vigo). De xeito semellante aos outros membros da familia Magnolia, teñen raíces carnosas que creban de xeito doado se se manipular bruscamente. O transplante debe facerse a comezos da primavera, antes de que as follas agomen. A meirande parte dos tulipeiros non aturan longos períodos de enchentes, porén unha variedade Estados Unidos, de chairas ribeirás, de lameiros e de brañas é relativamente tolerante aos asolagamentos. Este ecotipo recoñécese polos seus lóbulos en forma de bota, que poden ser rubio-avermellados. Partes do leste e centrais da Florida preto de Orlando son o fogar dun ecotipo de folla medio perenne que florea máis cedo (ás veces polo febreiro), que outras variedades, que normalmente florean a mediados ou finais da primavera.
A partir das dúas especies anteriores creáronse os híbridos Liriodendron 'Chapel Hill' e 'Doc Deforce's Delight'.
L. tulipifera 'Ardis' é un cultivar compacto, de folla miúda que se atopa raramente.
L. tulipifera 'Aureomarginatum' é variegada (follas de dúas cores) coas follas de bordo amarelado.
L. tulipifera 'Fastigiatum' medra cun hábito erecto ou columnar (fastigiato)
L. tulipifera 'Glen Gold' ten as follas de cor dourada.
L. tulipifera 'Mediopictum' é un cultivar variegado coas follas co centro dourado.
Usos
[editar | editar a fonte]A súa madeira mol e de gran fino, coñécese universalmente coma "poplar" (abreviación de "yellow poplar" nos Estados Unidos, mais con denominación de orixe no estranxeiro coma "American tulipwood" ou por outros nomes). (O nome non significa que sexa un lamigueiro) Utilízase amplamente cando se necesita dunha madeira barata, doada de traballar, e estábel, mais non é resistente nin bonita. É a madeira de elección para usar en órganos, por mor á súa facilidade de ter un corte e acabado preciso. Tamén se utiliza para os costeiros dos armarios. A súa madeira pódese comparar na textura, resistencia e maleabilidade á do piñeiro de Alepo.
Do mesmo xeito ca moitos xéneros "Arcto-Terciario"s, Liriodendron extinguiuse en Europa a causa da longa dura da glaciación. É ben coñecido en Europa coma fósil, ademais de fóra da súa área de distribución natural en Asia e en América do Norte, o que amosa a súa anterior distribución circumpolar.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- O Queens Giant, é un tulipeiro que é o ser vivente máis lonxevo na área metropolitana de Nova York (350-450 anos de idade, 40 m / 134 pés de altura)
- Spathodea campanulata, normalmente coñecido coma Tulipeiro africano, unha planta non relacionada co tulipeiro, nunha familia distinta (Bignoniaceae).
Referencias e ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Hunt, D. (ed). 1998. Magnolias and their allies. International Dendrology Society & Magnolia Society. (ISBN 0-9517234-8-0)
- Survivors from the Tertiary
- Moriaty, William. The Tulip Tree in Central Florida
- Chinese Tulip Tree photos[Ligazón morta]
- Liriodendron chinense
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tulipeiro |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Tulipeiro |