Thoros I, príncipe de Armenia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaThoros I, príncipe de Armenia
Biografía
Nacementoc. 1070 Editar o valor em Wikidata
Morte17 de febreiro de 1129 ↔ 16 de febreiro de 1130 Editar o valor em Wikidata (58/59 anos)
Lugar de sepulturaDrazark monastery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Gobernantes do Reino armenio de Cilicia
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Armenio de Cilicia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca , político , gobernante Editar o valor em Wikidata
Familia
FamiliaDinastía rubénida Editar o valor em Wikidata
FillosConstantino II, príncipe de Armenia, Oshin (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiConstantino I, señor de Armenia Editar o valor em Wikidata
IrmánsBeatriz de Armenia e Leão I da Arménia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Thoros I[1] (armenio: Թորոս Ա), tamén Toros I[2][3] ou Teodoro I, nado en data descoñecida e finado o 17 de febreiro de 1129 (ou o 16 de febreiro de 1130),[4] foi o terceiro señor da Cilicia armenia entre 1099 e 1129.[3] Como os príncipes anteriores, pretendeu incrementa-los seus territorios a costa dos bizantinos ocupando case toda a Cilicia e dominando aos xefes das montañas arredor de Partzerpert.

A súa alianza cos líderes da Primeira cruzada, facilitou que gobernase as súas posesións feudais cunha autoridade incontestábel.[5] Thoros, expulsou ás guarnicións bizantinas das fortificacións de Anazarbus e Sis, facendo desta última a súa capital.[6][7] Estivo presionado polos nómades turcos que o acosaban dende o norte mais conseguiu rexeitalos. Vingou a morte do rei Gagik II matando aos seus asasinos e este acto de vinganza foi usado, a miúdo, polos cronistas do século XII como proba directa da conexión entre a dinastía rubénida coa liñaxe bagratuni ou bagrátida. Durante o seu tempo concedeu favores e deu agasallos e diñeiro a moitos mosteiros para a súa decoración e adorno, en particular os de Drazark (Trassarg) e Mashgevar.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cando sucedeu a seu pai, Constantino I, adoptou o título de Príncipe das montañas (Princeps de montibus) para manifesta-la súa independencia e control das montañas de Cilicia. A seguir, o emperador Aleixo I Comneno concedeulle o título de curopalates.[4]

Alianza cos cruzados[editar | editar a fonte]

Thoros era o fillo maior de Constantino I, señor da Cilicia armenia.[8] É probable que a súa nai fose a bisneta de Bardas Fokas o vello. Thoros sucedeu ao seu pai e gobernou desde as fortalezas de Vahka (hoxe, Feke en Turquía) e Pardzepert (hoxe, Andırın en Turquía). Aliouse cos cruzados da Primeira cruzada, aos que facilitou alimentos, en 1107, e animado por Tancredo de Galilea, Thoros seguiu o curso do río Pyramus (hoxe, río Ceyhan en Turquía), e se apoderou das fortalezas de Anazarbus ou Anazarba (un lugar que era considerado inexpugnable) e Sis (antiga cidade)[3] e expulsou as gornicións bizantinas que as defendían.

A alianza cos cruzados, reforzada cos matrimonios da súa irmá e da súa filla con Joscelin e Balduíno, permitiu que gobernase tódolos territorios conquistados con total autoriadade.[5] Toros reconstruíu amplamente as fortificacións de ambas fortalezas con altos muros e enormes torres circulares. No patio sur do castelo de Anazarbus conmemorou as súas vitorias construíndo unha basílica de tres naves con bóveda de canón, que consagrou a San Zoravark e onde se gardaron os tesouros ancestrais do rei Gagik II. Unha inscrición votiva, perfectamente executada, rexistra o seu triunfo na igrexa (datada cara ao 1111) e, o máis importante, traza a súa xenealoxía rubénida.

Contra os turcos[editar | editar a fonte]

En 1108, Daphar, un líder dos turcos, invadiu a provincia de Hasamansur e arrasou as terras arredor de Melitene (hoxe, Malatia en Turquía). Thoros puido rexeitalos e empurralos cara ás terras de Basilio o ladrón (Vasil Kogh), un nobre armenio que gobernaba as posesións nas proximidades de Marash (hoxe, Kahramanmaraş en Turquía) e Kesoun.[2] Xunto con Basilio e os seus aliados atacaron a Daphar e lograron unha vitoria rotunda preto do castelo de Harthan onde liberaron un gran número de armenios prisioneiros de campañas anteriores. Satisfeitos pola enorme vitoira, compartiron con Thoros os botíns arrebatados aos turcos.[9]

De novo, en 1111, o sultán selxúcida Malik Shah de Konya (Iconia) entrou nos territorios armenios, e no primeiro enfrontamento dous comandantes de Thoros foron derrotados e morreron na batalla.[9] Porén, o seu irmán León lanzou un salvaxe ataque contra os turcos e conseguiu que se retirasen, salvando así o reino armenio de Cilicia de caer nas mans dos turcos.

Mentres, en 1112, morreu por causas naturais Vasil Kogh, e os seus territoriios foron herdados polo seu fillo Degh Vasil quen, aos poucos, casou cunha sobriña de Thoros, filla de León,[9] co que se reforzou a alianza entre eles.

Contra os asasinos de Gagik II[editar | editar a fonte]

Thoros, que perseguira sen descanso os asasinos do rei Gagik II, tendeulles unha emboscada no seu castelo, Cyzistra (Kizistra) en 1112.[2] Nun momento determinado, a súa infantaría sorprendeu a gornición e ocupou o castelo, saqueouno e despois vingouse matando a tódolos seus habitantes.[2] Os tres irmáns que asasinaran a Gagik II, foron tomados cativos e obrigados a devolve-la espada real de Gagik e a vestimenta real no momento do asasinato. Un dos irmáns tirouse por unha torre, o segundo foi morto a golpes por Thoros, quen xustificou a súa brutal acción exclamando que tales monstros non merecían perecer coa rápida morte dun puñal. E o terceiro, foi levado a Vahka como cativo.[9]

O feito da vinganza foi xustificado polos cronistas do século XII (Vahram, Mateo de Edesa e Kirakos de Gandzak,), como unha proba da relación entre a dinastía bagratuni ou bagrátida e a rubénida.[9]

Outras campañas[editar | editar a fonte]

En 1114, Vasil Dgha (herdeiro de Vasil Kogh) invitou a Il-Bursuqi (o gobernador de Mosul) para que librase aos armenios dos francos (os cruzados).[1] Os francos avanzaron para castigar a Vasil Dgha, pero non puideron tomar a capital da súa fortaleza en Raban. Con todo, os francos, consideraron prudente buscar unha alianza con Thoros. Este invitou a Vasil Dgha a visitalo para concluír unha alianza matrimonial, mais cando apareceu, encarcerouno e vendeuno ao conde Balduíno II de Xerusalén[10] en 1116. Tras anexionarse así Raban, Balduino II decidiu elimina-los restantes principados armenios no val do Éufrates. Daquela, Thoros, atopouse como o único nobre armenio independente que quedaba.

En 1118, Toros enviou un continxente de tropas ao mando do seu irmán León para axudar ao príncipe Roger de Salerno na captura de Azaz (hoxe A'zāz en Siria).[2]

Morte[editar | editar a fonte]

Foi un príncipe piadoso que foi erguendo igrexas e mosteiros segundo incrementeba os seus territorios.[3] Thoros morreu en 1129[7] e foi enterrado no mosteiro de Drazark,[2] un dos que creara.

Matrimonio e fillos[editar | editar a fonte]

Non se coñece o nome da muller de Thoros. Seus fillos foron

  • Oshin, candidato á sucesión até a súa morte anterior á do seu pai.[4]
  • Constantino II de Armenia, despois da morte prematura so seu irmán, sucedeu efectivamente a seu pai en 1129 como Constantino, señor das montañas. Segundo Samuel de Ani, morreu envelenado aos poucos.[4][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Runciman (2002), p. 125
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Ghazarian (2000), p. 24
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kurkjian, Vahan M. (3 de setembro de 2012 [1958]). "A History of Armenia". penelope.uchicago.edu (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Chapter 2. LORDS of the MOUNTAINS, KINGS of (CILICIAN) ARMENIA (FAMILY of RUPEN) A. ORIGINS, LORDS of the MOUNTAINS, until 1199". fmg.ac (en inglés). 23 de setembro de 2020. Consultado o 27 de setembro de 2023. 
  5. 5,0 5,1 Ghazarian (2000), p. 113
  6. Edwards (1987)
  7. 7,0 7,1 Runciman (2002).p. 171
  8. Ghazarian (2000), p. 49
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Ghazarian (2000), p. 114
  10. Runciman (2002), p. 125
  11. Ghazarian (2000), p. 115

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Edwards, Robert W.: The Fortifications of Armenian Cilicia: Dumbarton Oaks Studies XXIII; Dumbarton Oaks, Trustees for Harvard University, 1987, Washington, D.C.; ISBN 0-88402-163-7
  • Edwards, Robert W.: “Ecclesiastical Architecture in the Fortifications of Armenian Cilicia: First Report,” Dumbarton Oaks Papers vol. 36; Dumbarton Oaks, Trustees for Harvard University, 1982, Washington, D.C.; ISBN 0-88402-114-9
  • Edwards, Robert W.: “Ecclesiastical Architecture in the Fortifications of Armenian Cilicia: Second Report,” Dumbarton Oaks Papers vol. 37; Dumbarton Oaks, Trustees for Harvard University, 1983, Washington, D.C.; ISBN 0-88402-121-1
  • Ghazarian, Jacob G. (2000). The Armenian Kingdom in Cilicia during the Crusades: The Integration of Cilician Armenians with the Latins (1080–1093) (en inglés). Richmond (Surrey): Curzon Press. ISBN 0700714189. 
  • Runciman, Steven (2002). Historia de las Cruzadas (Volume II: El Reino de Jerusalén y el Oriente Franco: 1100-1187) (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2997-9. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Constantino I de Armenia

Thoros I
Príncipe das montañas

Señor armenio de Cilicia
1102 - 1129

Sucesor:
Constantino II de Armenia