Thomas Wyon, o Novo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros membros desta familia de medallistas ingleses, véxase a páxina de homónimos Wyon
Para o pai de Thomas Wyon, chamado igual, véxase a páxina Thomas Wyon, o Vello
Infotaula de personaThomas Wyon, o Novo
Biografía
Nacemento12 de xullo de 1792 Editar o valor em Wikidata
Birmingham Editar o valor em Wikidata
Morte23 de setembro de 1817 Editar o valor em Wikidata (25 anos)
Hastings (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiThomas Wyon, o Vello Editar o valor em Wikidata
IrmánsBenjamin Wyon (pt) Traducir e Edward William Wyon (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Thomas Wyon, o Novo, nado en Birmingham o 12 de xullo de 1792 e finado en Hastings, East Sussex, o 22 ou o 23 de setembro de 1817, foi un medallista e gravador de moeda inglés, que ocupou o posto de gravador xefe da Royal Mint entre 1815 e 1817.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Thomas Wyon naceu en Birmingham, nunha familia de sona no mundo da medalla e o gravado. O seu tío, Peter Wyon (1767-1822), o seu irmán máis novo, Benjamin Wyon (1802-1858), os seus sobriños, Leonard Charles Wyon (1826-1891), Joseph Shepherd Wyon (1836-1873) e Alfred Benjamin Wyon (1837-1884), e o seu curmán, William Wyon (1795-1851) foron tamén medallistas salientables, algúns deles vinculados igualmente á Royal Mint.[1]

Xa en Londres, foi aprendiz desde os 14 anos do seu pai, coñecido como Thomas Wyon, o Vello (1767-1830), que exerceu o cargo de gravador dos selos reais,[2] e del aprendeu a arte do gravado en aceiro.[1][3] Tamén recibiu formación do gravador de xemas Nathaniel Marchant (1739-1816), que traballaba daquela na Casa da Moeda de Londres, de quen aprendeu o gusto polo antigo. Posteriormente cursou estudos de escultura nas escolas da Royal Academy de Londres, onde obtivo os seus primeiros recoñecementos polas súas creacións. En 1809 creou a súa primeira medalla e en 1810 gañou a medalla de ouro da Society of Arts ao gravado de medallas, cun exemplar cuxos cuños —que representaban unha cabeza de Isis— foron adquiridos pola propia entidade para producir con el as súas medallas de premio. A partir desa época, Wyon realizou numerosas medallas, sinaladamente para escolas, clubs, sociedades e outras institucións.[2][3][4]

Token de medio penique (1794) da vila de Braintree and Bocking, en Essex.[5]

O 20 de novembro de 1811, Wyon ingresou na Royal Mint como gravador en réxime de proba,[1] e alí participou na produción de moedas bancarias e de curso local e algunhas emitidas polo Banco de Inglaterra e polo Banco de Irlanda (tokens),[6] así como moedas oficiais para os territorios e as colonias británicas, e para a casa de Hannover, aínda que non abandonou a súa faceta como produtor de medallas. Case catro anos despois, o 13 de outubro de 1815, foi nomeado gravador xefe da Royal Mint,[1] cando tiña só 23 anos. O ano seguinte foi o responsable do gravado das novas moedas de prata do sistema británico —media coroa, un xilin e 6 peniques—, a nome de Xurxo III (1760-1820), de cuxos reversos foi ademais o seu deseñador.[7] En 1817 fixo tamén as súas propostas para a nova moeda dunha coroa, aínda que finalmente se limitou a ser o gravador dos deseños realizados por Benedetto Pistrucci.[3][8][9]

Reverso do xilin de 1819 a nome de Xurxo II, deseñado e gravado por Wyon.[10]

En 1817, Wyon comezou a amosar os primeiros signos de tise, doenza que o levou á morte a finais de setembro de 1817.[11] Faleceu na granxa Priory, preto de Hastings, en East Sussex, e o seu corpo foi soterrado no cemiterio da igrexa de Cristo, en Southwark, no Gran Londres.[12][3]

Obra[editar | editar a fonte]

Estas son algunhas das súas medallas máis salientables: Pearce (1809), Isis (1810), Wellington (1810), Wooldridge (1812), Royal Naval College (1812), Portsmouth (1812), Manchester Pitt Club (1813), Upper Canada Preserved (1813), indios norteamericanos (1814), Tsar de Rusia (1814), visita da gran duquesaa de Oldenburg á Royal Mint (1814), Tratado de París (1814), Liverpool Pitt Club (1814), Waterloo (1815), apertura da Ponte de Waterloo (1817).[3][13]

Ademais, Wyon gravou en 1813 selos para a Sociedade de Anticuarios de Newcastle e para a Chester Canal Company, e arredor de 1815 para a Cámara de Comercio de Limerick.[3]

Medallas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Lewis Pingo
Gravador xefe da Casa da Moeda de Londres (Royal Mint)
1815 - 1817
Sucesor:
Benedetto Pistrucci