The Hunger Games (libros)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

The Hunger Games
The hunger games.svg
Logo de The Hunger Games.
Título orixinalThe Hunger Games
Autor/aSuzanne Collins
OrixeEstados Unidos de América
LinguaInglés
ColecciónThe Hunger Games
Xénero(s)Distopía, aventura, ciencia ficción, drama, acción
EditorialFlag of the United States.svg Scholastic
Data de pub.14 de setembro de 2008 - 24 de agosto de 2010
FormatoImpreso (capa dura e capa branda), audiolibro, libro electrónico

The Hunger Games (en galego, Os xogos da fame) é unha triloxía de novelas xuvenís distópicas de ciencia ficción e aventuras escritas por Suzanne Collins. A serie transcorre nun universo propio e narra o que lles acontece aos mozos protagonistas Katniss Everdeen e Peeta Mellark.

A triloxía está composta polas seguintes obras: The Hunger Games (2008), Catching Fire (2009) e Mockingjay (2010). Todas elas foron adaptadas ao cine e teñen a súa versión cinematográfica, coa adaptación do último libro dividida en dúas partes. Os dous primeiros libros formaron parte da lista dos libros máis vendidos de The New York Times e o terceiro libro encabezou todas as listas de libros máis vendidos nos Estados Unidos de América no seu lanzamento.[1][2] Cando a adaptación cinematográfica do primeiro libro se estreou en 2012, a editorial vendera máis de 26 millóns de libros da triloxía.[3]

O universo de The Hunger Games é unha distopía que transcorre en Panem, un país formado polo adiñeirado Capitolio e 12 distritos con distintos graos de pobreza que abastecen o Capitolio. Cada ano, cativos dos distritos son seleccionados para participar obrigatoriamente nos xogos da fame, unha loita a morte televisada.

Todas as novelas recibiron boas críticas. En agosto de 2012, a serie quedou segunda na enquisa da NPR das 100 novelas xuvenís preferidas polos lectores, unicamente superada pola serie Harry Potter.[4] O 17 de agosto de 2012, Amazon anunciou que a triloxía The Hunger Games era a máis vendida, superando a marca que previamente tiña a heptaloxía Harry Potter.[5] Ata o ano 2014, a triloxía vendeu máis de 65 millóns de copias unicamente nos Estados Unidos de América.[6] Ademais, a triloxía The Hunger Games foi traducida a máis de 50 linguas,[7] entre as que non se atopa o galego.

Historia[editar | editar a fonte]

A triloxía The Hunger Games transcorre nun tempo futuro non especificado, na distópica e postapocalíptica nación de Panem, localizada en América do Norte.[8] Panem está formado polo Capitolio, unha cidade rica situado no que eran as montañas Rochosas,[9] e doce (orixinalmente trece) distritos máis pobres gobernados polo Capitolio e situados ao seu redor. Estes distritos, con distintos graos de pobreza, atenden as necesidades de abastecemento do Capitolio, que conta con todo tipo de luxos e é tecnoloxicamente avanzado. A narradora e protagonista da triloxía Katniss Everdeen vive no Distrito 12, o máis pobre de Panem, situado en Appalachia,[9] onde é frecuente que a xente morra de fame. Como castigo por unha rebelión en contra o Capitolio, durante a que o Distrito 13 foi supostamente destruído, un mozo e unha moza de entre doce e dezaoito anos procedente de cada un dos doce distritos restantes son seleccionados por sorteo e obrigados a participar anualmente nos xogos da fame. Os xogos son un evento televisado no que os participantes, chamados "tributos", deben loitar a morte nun estadio ao aire libre ata que só quede un sobrevivente, que será o vencedor. O tributo gañador e o seu distrito correspondente reciben entón comida, provisións e outros víveres. Os obxectivos dos xogos da fame son proporcionar lecer á xente do Capitolio e lembrar aos distritos o poder do Capitolio e a falta de remordemento, esquecemento e perdón pola rebelión fallida dos antepasados.

Argumento[editar | editar a fonte]

The Hunger Games[editar | editar a fonte]

Artigo principal: The Hunger Games.

The Hunger Games é o primeiro libro da serie e saíu á venda o 14 de setembro de 2008.

En The Hunger Games, Katniss Everdeen, unha moza de dezaseis anos do Distrito 12, ofrécese voluntaria para acudir aos xogos da fame ocupando o lugar da súa irmá menor, Primrose. Peeta Mellark, que está secretamente namorado de Katniss, resulta ser o outro seleccionado por parte do Distrito 12. Ambos reciben os consellos do único supervivente vivo dos xogos pertencente ao Distrito 12, Haymitch Abernathy, que desde entón leva unha vida solitaria e alcólica. Peeta confesa o seu amor por Katniss nunha entrevista televisiva antes dos xogos, o que provoca que o Capitolio utilice este romance mediaticamente. Esta revelación sorprende a Katniss, que ten sentimentos polo seu amigo e compañeiro de caza Gale Hawthorne. Haymitch aconsella a Katniss a xogar cos seus sentimentos por Peeta para gañar patrocinadores que lles envíen agasallos cruciais durante os xogos. Durante os xogos, Katniss establece amizade con Rue, unha cativa do Distrito 11 que lle lembra á súa irmá pequena. Cando Rue é asasinada, Katniss celebra un memorial como acto de desafío cara ao Capitolio. Logo diso, o Capitolio informa aos tributos de que mudaron as normas e agora dous tributos poden gañar os xogos se ambos pertencen ao mesmo distrito. A partir de entón, Katniss e Peeta traballan xuntos como equipo. Cando os demais tributos morren, e os dous semellan ser os vencedores, a nova regra é revogada. Katniss propón a Peeta cometer un suicidio dobre, coa esperanza de que a norma fose reinstaurada novamente. O seu plan funciona e ambos resultan vencedores. Durante e despois dos xogos, Katiniss desenvolve sentimentos xenuínos cara a Peeta e ten unha loita interna por equilibralos coa conexión que sente con Gale. Cando é claro que o Capitolio está anoxado co desafío de Katniss, Haymitch suxírelle que manteña a súa actuación e siga facendo crer a todos que está namorada, sen dicirllo a Peeta.

Catching Fire[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Catching Fire.

Catching Fire é o segundo libro da serie e saíu á venda o 1 de setembro de 2009.

En Catching Fire, seis meses despois do desafío de Katniss ao Capitolio durante os xogos, empeza unha reacción en cadea pola que os distritos comezan a rebelarse. O Presidente Snow ameaza con facer dano á familia e aos amigos de Katniss se non convence aos distritos de que o que fixo foi por amor a Peeta. Entrementres, Peeta descobre que Katniss non está realmente namorada del, mais ten coñecemento tamén das ameazas, polo que promete seguir actuando para protexer os cidadáns do Distrito 12. Katniss e Peeta viaxan polos distritos como vencedores e programan unha voda pública. Malia seguiren as ordes de Snow e manter o engano, Katniss aviva inadvertidamente a rebelión, co mimogaio que leva prendido da lapela como símbolo. Distrito a distrito, os cidadáns de Panem empezan a levantarse contra o Capitolio. Snow anuncia unha edición especial dos xogos da fame polo seu 75 aniversario, no que Katniss e Peeta se ven forzados a participar contra outros vencedores do pasado, o que obriga a cancelar a voda. Segindo as recomendacións de Haymitch, a parella forma equipo con outros tributos e entre todos conseguen destruír a area da competición e escapar dos xogos. As forzas rebeldes do Distrito 13 rescatan a Katniss, e Gale infórmaa de que o Capitolio destruíu o Distrito 12 e capturou a Peeta e mais á súa aliada do Distrito 7, Johanna Mason. Katniss decátase entón de que formara parte integral da rebelión todo o tempo e que o seu rescate fora planeado por Haymitch, Plutarch Heavensbee e Finnick Odair, entre outros. Tras dubidar ao primeiro, Katniss únese á rebelión.

Mockingjay[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mockingjay.

Mockingjay é o terceiro e último libro da serie e saíu á venda o 24 de agosto de 2010.

Mockingjay céntrase na rebelión dos distritos contra o Capitolio. Katniss, agora refuxiada no Distrito 13, regresa a casa e contempla os restos do destruído Distrito 12. Por outra parte, descobre que os residentes do Distrito 13 sobreviviron vivindo baixo terra e están liderados pola Presidenta Alma Coin. Finalmente, Katniss acepta converterse no símbolo da rebelión (o "mimogaio") para así recrutar máis rebeldes dos outros distritos. Establece algunhas condicións para que Peeta, Johanna, Annie Cresta e Enobaria, compañeiros vencedores capturados polo Capitolio, non sexan considerados traidores, e que sexa ela a que finalmente asasine a Snow como acto de vinganza, se os rebeldes gañan. Pola súa parte, Peeta sofre un lavado de cerebro e recibe instrucións de matar a Katniss. Cando se reencontran tras o rescate dos presos, el intenta esganala ata a asfixia. Unha vez recuperada, Katniss embarca nunha misión cara ao Capitolio para asasinar a Snow, xunto a Gale, Peeta, Finnick, un equipo de cámaras para facer propaganda da rebelión e outros soldados. Varios dos memrbos deste equipo morren de diversos xeitos, incluído Finnick. Finalmente, cando Katniss consegue chegar ata a mansión de Snow, un grupo de nenos do Capitolio protexe a entrada da mansión como escudo humano, mais unha nave do Capitolio deixa caer bombas que matan os nenos. Os rebeldes envían os equipos médicos, entre os que se atopa Prim. Unha segunda bomba cae e mata a Prim e as axudas médicas rebeldes. Katniss, tamén ferida polas explosións, acorda dun coma e descobre que os rebeldes gañaron, con Snow agardando pola súa execución (que Katniss poderá levar a cabo). Nun encontro previo á execución, Snow suxira que en realidade foron os rebeldes, seguindo indicacións de Coin, os que roubaron as naves do Capitolio e deixaron caer as bombas que mataron a Prim nun intento de deixar a Snow como un bárbaro. Logo diso, Coin pregunta aos vencedores sobreviventes se deben realizar uns derradeiros xogos da fame cos cativos dos oficiais de meirande rango do Capitolio como participantes (entre as que estaría a neta de Snow), para así castigar ao Capitolio polos seus crimes contra os distritos. Durante o que ía ser a execución pública de Snow, Katniss decide matar a Coin e Snow morre sufocado polo seu propio sangue entre gargalladas. Isto leva ao axuizamento de Katniss, mais é declarada inocente porque o xurado determina que non se atopa en boas condicións mentais. Katniss é enviada á casa dos vencedores no Distrito 12 (que non acabara destruída), mentres que a súa nai e Gale conseguen traballos en distritos diferentes. No epílogo, o amor de Peeta contrarresta o lavado de cerebro e Katniss e mais el viven xuntos. A parella ten dous fillos, un neno e unha nena.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Cada libro da triloxía The Hunger Games ten tres seccións de nove capítulos cada unha, o que fai un total de 27 capítulos por libro. Collins declarou que este formato está tomado das súas obras de teatro, o que lle ensinou a escribir nunha estrutura de tres actos. A súa anterior serie, The Underland Chronicles, está escrita do mesmo xeito. Segundo ela, cada grupo de nove capítulos son partes separadas da historia.[10]

Inspiración e orixe[editar | editar a fonte]

Collins relatou que a inspiración para a triloxía provén tanto de fontes clásicas e contemporáneas. A súa principal fonte clásica foi o mito grego de Teseo e o Minotauro. Nese mito, como castigo polos crimes do pasado, Minos obriga a Atenas a sacrificar a sete mozos e sete doncelas para o Minotauro, que os mata nun vasto labirinto. Collins comentou que cando era nena a idea aparvouna, xa que "era moi cruel" obrigar a Atenas a sacrificar os seus propios nenos.

Collins tamén citou como inspiración clásica os xogos dos gladiadores romanos. Na súa opinión, ten os tres elementos clave para crear un bo xogo: un goberno todopoderoso e desapiadado, persoas obrigadas a loitar a morte e que o xogo sexa un entretemento popular.[11]

Entre as fontes contemporáneas de inspiración está a fascinación de Collins polos programas de telerrealidade na televisión. Unha noite que Collins pasou por moitas canles de televisión viu a persoas competir por un premio e logo viu imaxes da guerra de Iraq. Collins describiu como estes dous conceptos se combinaron "dunha forma inquietante" na súa cabeza para crear a idea primixenia da serie.[12]

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Katniss Everdeen é a principal protagonista e narradora dos libros. Ten 16 anos ao comezo do primeiro libro e é unha rapaza calada, independente e feroz. Ten o pelo escuro e longo, pel da cor das olivas e ollos grises, unha característica dos residentes da rexión de minaría do Distrito 12. O se nome vén dunha planta acuática e vive con súa nai e súa irmá pequena. A morte de seu pai nun accidente mineiro afundiu a súa nai nunha profunda depresión, forzando a Katniss a converterse na figura materna e a utilizar as súas habilidades na caza ensinadas por seu pai para alimentar a familia.
  • Peeta Mellark é o tributo masculino do Distrito 12 para participar nas edicións 74 e 75 dos xogos da fame canda Katniss. Ten a mesma idade que Katniss e é de pel branca, pelo loiro e ollos azuis, característicos dos residentes da cidade do Distrito 12 (conformada por mencantes de clase media). Peeta é fillo do panadeiro e vive con dous irmáns, un pai quedo e unha nai estrita e disciplinaria. Entre as súas habilidades destacan o seu encanto persoal e carisma, a súa forza física e a súa arte para a repostaría e para a pintura.
  • Gale Hawthorne é o mellor amigo da infancia de Katniss e o seu compañeiro de caza, alén de ser tamén un musculoso mozo residente na rexión de minaría do Distrito 12, polo que comparte con ela o seu pelo escuro, pel da cor das olivas e ollos grises. Gale é dous anos maior que Katniss e vive con súa nai e tres irmáns menores despois da morte de seu pai na mesma explosión da mina que matou o pai de Katniss.
  • Haymitch Abernathy é un barrigudo home de mediana idade do Distrito 12 que gañou a edición 50 dos xogos da fame, 24 anos antes dos acontecementos do primeiro libro.[13] Semella pertencer á rexión de minaría, como Katniss e Gale, dado que está descrito con características físicas similares ás deles. Canto tiña 15 anos participou nos xogos e gañou grazas a unha artimaña. Dúas semanas despois dos xogos, o Presidente Snow matou a súa nai, irmá pequeno e moza como castigo por beneficiarse do fallo no campo de batalla dos xogos para saír vencedor. Isto levouno a caer no alcolismo e, como era o único vencedor vivo do Distrito 12, viuse forzado a converterse no mentor de todos os tributos do distrito nos xogos.
  • O Presidente Coriolanus Snow é o antagonista principal da serie, o gobernante autócrata do Capitolio e de todos os distritos de Panem. Malia o seu aspecto tranquilo, agocha unha mente sádica e psicopática.[14] O trazo máis característico do Presidente Snow son os seus beizos inchados, resultado dunha operación de cambio de aspecto moi popular entre a xente do Capitolio. Por outra banda, Katniss describe o seu olor corporal como un cheiro a sangue e rosas.[15]
  • Primrose ("Prim") Everdeen é a irmá pequena de Katniss. Ten 12 anos ao inicio do primeiro libro, o pelo loiro e os ollos azuis coma súa nai. Prim é bondadosa, amable e doce. É unha curandeira moi cualificada formada por súa nai; isto provoca que finalmente sexa instruida como doutora. Por outra parte, os acontecementos provocan que Prim se volva máis solemne e madura có correspondente á súa idade.

Recepción[editar | editar a fonte]

Os tres libros tiveron unha boa acollida por parte da crítica. Os encomios centráronse na calidade aditiva, especialmente do primeiro libro[16] e a acción.[17] John Green, de The New York Times, comparou The Hunger Games coa serie Uglies de Scott Westerfeld.[18] Catching Fire foi eloxiado por ser mellor que o primeiro libro.[19] Mockingjay recibiu gabanzas pola súa representación da violencia,[20] a construción do mundo e a intriga romántica.[21]

A serie recibiu críticas pola temática dun "xogo da morte" como programa de telerrealidade, presente tamén en La decima vittima, Battle Royale, Das Millionenspiel, The Running Man, The Long Walk[16] e Series 7: The Contenders.[22] As críticas tamén sinalaron a trama romántica: Rollie Welch de The Plain Dealer criticou a falta de comportamento resolutivo dos personaxes[23] e Jennifer Reese de Entertainment Weekly comentou que hai poucas diferenzas entre Peeta e Gale e que a serie carece da "enerxía erótica" presente na serie Twilight.[24] Sobre o último libro, Dan Shade de SF Site declarou que sentiu que Katniss era un personaxe máis débil que os seus compañeiros e menos resolutiva durante a súa viaxe ao Capitolio, así como que as súas accións ao final perante o Presidente Snow para cobrar a súa vinganza son inconsistentes coa súa personalizade establecida.[25]

Adaptacións cinematográficas[editar | editar a fonte]

Lionsgate Entertainment adquiriu os dereitos mundiais de distribución para a adaptación cinematográfica do primeiro libro, producida pola compañía Color Force de Nina Jacobson.[26] Collins adaptou a novela para o cine ela mesma,[26] xunto con Gary Ross.[27] O elenco incluíu a Jennifer Lawrence como Katniss, Josh Hutcherson como Peeta e Liam Hemsworth como Gale.[28][29][30] A triloxía de libros adaptouse finalmente en 4 filmes. A produción da primeira película comezou en primavera de 2011[31] e tivo a súa estrea en marzo de 2012.[32][33] Para Catching Fire, Francis Lawrence substituíu a Ross como director;[34][35][36] o filme estreouse en novembro de 2013. Lawrence tamén dirixiu as dúas partes de Mockingjay,[37] con estreas en novembro de 2014 e novembro de 2015.

Influencia en Tailandia[editar | editar a fonte]

O aceno usado na triloxía para expresar unidade na loita pola supervivencia, consistente en levantar a man cos tres dedos do medio xuntos, foi usado en 2014 por protestantes antigobernamentais en Tailandia. Polo menos, sete desas persoas foron arrestadas por facelo.[38]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cowles, Gregory (27 de decembro de 2009). "Children's Books". The New York Times. Consultado o 31 de decembro de 2009. 
  2. "Mockingjay Tops All National Bestseller Lists with Sales of More Than 450,000 Copies in its First Week of Publication" (Nota de prensa). Scholastic. 2 de setembro de 2010. Consultado o 7 de maio de 2011. 
  3. Springen, Karen (22 de marzo de 2012). "The Hunger Games Franchise: The Odds Seem Ever in Its Favor". Publishers Weekly. Consultado o 11 de abril de 2012. 
  4. "Your Favorites: 100 Best-Ever Teen Novels" (Nota de prensa). NPR. 7 de agosto de 2012. Consultado o 10 de agosto de 2012. 
  5. Bosman, Julie (17 de agosto de 2012). "Amazon Crowns ‘Hunger Games' as Its Top Seller, Surpassing Harry Potter Series". The New York Times. 
  6. "'Hunger Games: Mockingjay - Part 1' Set for World Premiere in London". TheWrap. Consultado o 3 de marzo de 2015. 
  7. Scholastic Media Room (ed.). "The Hunger Games". Consultado o 22 de outubro de 2016. 
  8. Collins, Suzanne (2008). The Hunger Games. Scholastic Press. p. 18. ISBN 0-439-02348-3. 
  9. 9,0 9,1 Collins, Suzanne (2008). The Hunger Games. Scholastic Press. p. 41. ISBN 0-439-02348-3. 
  10. Collins, Suzanne. Similarities To Underland (vídeo). (Entrevista). Scholastic Canada. Consultado o 15 de xuño de 2010. 
  11. "Video: Classical Inspiration – The Hunger Games by Suzanne Collins". Scholastic. Consultado o 4 de setembro de 2010. 
  12. "Video: Contemporary Inspiration – The Hunger Games by Suzanne Collins". Scholastic. Consultado o 4 de setembro 2010. 
  13. "Character Profile: Haymitch Abernathy". Consultado o 29 de setembro de 2010. 
  14. Znipp, Yvonne (26 de agosto de 2010). "Mockingjay — CSMonitor.com". The Christian Science Monitor. Consultado o 25 de outubro de 2010. 
  15. Marglios, Rick (1 de agosto de 2010). "The Last Battle: With 'Mockingjay' on its way, Suzanne Collins weighs in on Katniss and the Capitol". School Library Journal. Consultado o 25 de outubro de 2010. 
  16. 16,0 16,1 King, Stephen (8 de setembro de 2008). "The Hunger Games review". Entertainment Weekly. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  17. Goldsmith, Francisca. "The Hunger Games". Booklist. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  18. John Green (7 de novembro de 2008). "Scary New World". The New York Times. Consultado o 3 de xaneiro de 2011. 
  19. Zevin, Gabrielle (9 de outubro de 2009). "Constant Craving". The New York Times. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  20. "'Mockingjay' review: Spoiler alert!". Entertainment Weekly. 24 de agosto de 2010. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  21. "Mockingjay". Publishers Weekly. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  22. O'Hehir, Andrew (13 marzo de 2012). "What came before 'The Hunger Games'". Salon. Consultado o 7 de outubro de 2014. 
  23. Welch, Rollie (6 de setembro de 2009). "'Catching Fire' brings back Suzanne Collins's kindhearted killer". The Plain Dealer (Brooklyn, Ohio). Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2012. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  24. Reese, Jennifer (28 de agosto de 2009). "Catching Fire review". Entertainment Weekly. Consultado o 26 de novembro de 2010. 
  25. Shade, Dan (2010). "Mockingjay". SF Site.
  26. 26,0 26,1 Jay A. Fernandez; Borys Kit (17 de marzo de 2009). "Lionsgate picks up 'Hunger Games'". The Hollywood Reporter. Consultado o 4 de xaneiro de 2011. 
  27. Karen Springen (5 de agosto de 2010). "Marketing 'Mockingjay'". Publishers Weekly. Consultado o 4 de setembro de 2010. 
  28. "The Changing Objective of the American Film Market". Baseline Intel. 18 de novembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2010. Consultado o 2 de xaneiro de 2011. 
  29. Joshua L. Weinstein (16 de marzo de 2011). "Exclusive: Jennifer Lawrence Gets Lead Role in 'The Hunger Games'". TheWrap.com. Consultado o 17 de marzo de 2011. 
  30. Jeff Labrecque (4 de abril de 2011). "'Hunger Games' casts Peeta and Gale: Josh Hutcherson and Liam Hemsworth nab the roles". Entertainment Weekly. Consultado o 4 de abril de 2011. 
  31. Valby, Karen (6 de xaneiro de 2011). "'Hunger Games' exclusive: Why Gary Ross got the coveted job, and who suggested Megan Fox for the lead role". Entertainment Weekly. Consultado o 26 de xaneiro de 2011. 
  32. Valby, Karen (25 de xaneiro de 2011). "'The Hunger Games' gets release date". Entertainment Weekly. Consultado o 26 de xaneiro de 2011. 
  33. Hopkinson, Deborah. "Suzanne Collins Interview-Catching Fire". BookPage. Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2012. Consultado o 30 de xuño de 2010. 
  34. "‘Hunger Games’ Sequel ‘Catching Fire’ Nabs Director Francis Lawrence". Access Hollywood. 20 de abril de 2012. 
  35. Nikki Finke (10 de abril de 2012). "Gary Ross Decides NOT to Direct "Hunger Games Two: Catching Fire’: Lionsgate In ‘Shock’". Deadline. Consultado o 10 de abril de 2012. 
  36. "9 Untold Secrets of the High Stakes 'Hunger Games'". The Hollywood Reporter. 1 de febreiro de 2012. Consultado o 7 de febreiro de 2012. 
  37. Goldberg, Matt (1 de novembro 2012). "Exclusive: Francis Lawrence to Direct Remainder of THE HUNGER GAMES Franchise with Two-Part Adaptation of MOCKINGJAY". Collider.com. 
  38. Olga Zamanskaya (10 de xuño de 2014). "People arrested in Thailand for gesture from 'Hunger Games' film series". Voice of Russia. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2015. Consultado o 6 de marzo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]