Saltar ao contido

Tesouro de Gazteluberri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Gazteluberri
Conxunto do tesouro de Gazteluberri

· Data do depósito: ca. 1600.

· Período: Idade Moderna.

· País: España.

· Descubridores: Juan Berasategui e Eugenio Martín.

· Lugar de aparición: Parzonería Menor de Guipúscoa.

· Data do achado: 7 de abril de 1960.

· Composición: 52 moedas e un chocallo.

· Material: ouro, prata e ferro.

· Conservación: Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid.

O tesouro de Gazteluberri é un conxunto de moedas españolas de prata e de ouro soterrado no interior dun chocallo a finais do século XVI ou principios do XVII, achado en 1960 na provincia de Guipúscoa.

O tesouro albérgase no Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid.[1]

O achado[editar | editar a fonte]

A súa descuberta tivo lugar o 7 de abril de 1960, cando os traballadores Juan Berasategui Urquía, Eugenio Martín Zazo e un terceiro de identidade descoñecida, que plantaban piñeiros nuns terreos próximos á pena de Gazteluberri, na entidade local menor guipuscoana coñecida como Parzonería Menor de Guipúscoa, acharon un chocallo de ferro con moedas no seu interior, ao abrir un foxo, a uns dez centímetros de profundidade.[2]

Este conxunto monetario foi estudado e publicado en 1967 polo historiador e numismático Joaquín María de Navascués.[3]

O tesouro foi adquirido polo Ministerio de Educación Nacional. Logo da súa correspondente taxación oficial, que foi de 123.698 pesetas, este diñeiro dividiuse en dúas partes: unha para o municipio de Segura e outra para repartir a partes iguais entre os descubridores do tesouro. O pagamento levouse a cabo o 30 de decembro de 1960.[4]

Contido[editar | editar a fonte]

Trátase dun conxunto composto por 52 moedas, delas 43 de prata e cinco de ouro.[5] As moedas foron emitidas a nome de Xoana I e Carlos V (1537-1556) e Filipe II (1556-1598).[1][5] procedentes de cecas tan distantes como as peninsulares de Sevilla, Segovia, Toledo, Valladolid e Granada, e as imperiais americanas de México e Potosí.[6]

Moedas do tesouro [6]
Imaxe Metal Moeda Cantidade Peso medio
Ouro 1 escudo 2 3,33 gr
Ouro 2 escudos 7 6,76 gr
Prata 2 reais 1 5,96 gr
Prata 4 reais 8 13,74 gr
Prata 8 reais 34 27,35 gr

Data e motivos do soterramento[editar | editar a fonte]

Respecto á data da ocultación do tesouro, atendendo ao seu contido podería situarse cara ao derradeiro ano do período de Filipe II ou nos primeiros de Filipe III (1598-1621), cara ao ano 1600.[7]

En relación coas circunstancias do soterramento, no seu estudo de 1967, Navascués propuña a hipótese de que se tratase dos aforros dun pastor ou do resultado dunha venda de gando, dada a súa localización nunha zona rural.[8] Pola súa banda, Ibáñez Antica apunta a unha probable relación entre o ocultamento e o contrabando de prata e ouro, xa que naquela época estaba prohibida a saída do país das moedas destes metais e existía a práctica común de exportalas clandestinamente, sinaladamente en zonas vascas próximas á fronteira con Francia.[7][9][10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Tesoro de Gazteluberri". Museo Arqueológico Nacional.
  2. Ibañez Artica, M. (2020). Páxinas 275-276.
  3. Navascués y de Juan, J. M. (1967).
  4. Ibañez Artica, M. (2020). Páxinas 276-278.
  5. 5,0 5,1 Ibañez Artica, M. (2020). Páxina 275.
  6. 6,0 6,1 Ibañez Artica, M. (2020). Páxina 278.
  7. 7,0 7,1 Ibañez Artica, M. (2020). Páxina 280.
  8. Navascués y de Juan, J. M. (1967). Páxina 112.
  9. Ibáñez Artica, M. (1999). Páxina 162.
  10. Ibáñez Artica, M. (2018). Páxina 46.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]