Tereixa Navaza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tereixa Navaza
Tereixa Navaza.jpg
Nacemento2 de xaneiro de 1947
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista
editar datos en Wikidata ]

Tereixa Navaza González, nada en Santiago de Compostela o 2 de xaneiro de 1947,[1] é unha xornalista galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Entrevista en Nós Televisión

Cun mes de vida trasladouse a vivir a Pontevedra, onde pasou a infancia e parte da mocidade. De aí, instalouse tamén coa familia en Eivisa, onde comezou o bacharelato, que xa rematou en 1964 en Santiago de Compostela, no IES Rosalía de Castro. Neste centro tivo de profesor a Antón Fraguas.

Estudou Francés e Dereito, sen se licenciar, e practicou o atletismo. Comezou a traballar en 1965 na Cadena SER como locutora. Aos poucos anos, traballou como xornalista e locutora que facía as reportaxes para o informativo Hora 25, así como noutras emisións da cadea, como Matinal Cadena SER e Los 40 Principales.

A partir de 1973, pasou a traballar en TVE, no seu centro de Santiago de Compostela, baixo a dirección do xornalista Luís Mariñas. Este labor foi simultáneo o seu contrato radiofónico na cadea SER. Durante eses anos converteuse no primeiro rostro da televisión en galego ao presentar o telexornal da desconexión autonómica, Panorama de Galicia. Nos seguintes meses sumáronse ao seu equipo Xoán Barro e Cecilia Pérez.

A partir de 1980, xa só traballou en exclusiva para a televisión. En 1984, cando o centro territorial de TVE en Galicia estaba dirixido por Alexandre Cribeiro, Navaza acadou especial resonancia por ser a encargada de retransmitir a chegada dos restos de Castelao a Galicia, que se desenvolveu con gran polémica polas manifestacións de protesta e as cargas policiais. Durante a retransmisión, Navaza leu pasaxes do Sempre en Galiza e mesmo un artigo de Uxío Novoneyra.[2][3] Como consecuencia daquela retransmisión, o propio Cribeiro dimitiu como director do centro territorial.[4]

A visibilidade de Navaza como faciana do nacionalismo galego foi a máis naqueles anos. Durante unha manifestación contra a reconversión naval de Ferrol, Navaza leu o manifesto de peche e deixa de presentar o telexornal ao día seguinte (1989). Chegou a ser representante do BNG no Consello de Administración da Compañía da Radio e Televisión de Galicia en 1994, posto que conservou ata 2002.[5] Ao volver ao seu posto de traballo na TVE, mantivérona "nunha mesa sen luz nin ordenador, sen deixarme traballa".[3] Xubilouse anticipadamente en 2007 en TVE no marco duns plans de reestruturación do cadro de empregados.

Tamén colaborou con medios escritos, como La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Xornal de Galicia e El Correo Gallego.

Foi ademais unha importante voceira do movemento feminista en Galicia. Participou na fundación da Asociación Galega da Muller, e da revista de pensamento feminista Andaina. Tamén encabezou distintas manifestacións polo dereito ao aborto e contra a violencia de xénero.

En setembro de 2013, foi durante unhas horas a voceira da familia da nena asasinada preto de Santiago, no chamado Caso Asunta Basterra. Renunciou ao se producir a detención da nai, Rosario Porto, de quen era amiga.[6]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 2012, foi homenaxeada nunha xornada polo Consello da Cultura Galega.[7][8]

Recibiu o Premio Os Bos e Xenerosos da AELG no 2015. E no ano seguinte, renunciou a un premio ofrecido pola Xunta de Galicia con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, "en solidariedade cos compañeros e compañeiras de TVE, pola situación que están a padecer, polo declive que está a sufrir unha televisión como TVE, que acadara cotas moi altas de credibilidade, bo facer e altas audiencias".[5][9]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Participou, xunto con Xosé Ramón Gayoso, na gravación do vídeo Galicia caníbal dos Resentidos.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. p. 392. ISBN 84-8064-113-4. 
  2. TVE-G 28/06/84.
  3. 3,0 3,1 L., A. (28 de abril de 2010). "Tareixa Navaza, una vida dedicada al periodismo". diariodepontevedra.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  4. Cribeiro, Xosé Alexandre (2004). "Introducción". Indo para máis perto - A señardade no puño (Edición de Miro Villar). Xerais. 
  5. 5,0 5,1 Pérez Pena, Marcos (16 de febreiro de 2016). "Una histórica de TVE rechaza un premio de la Xunta por la manipulación del canal público". eldiario.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  6. Mirás, Nacho (24 de setembro de 2013). "Tareixa Navaza renunció a ser portavoz tras el arresto". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  7. Redacción (22 de outubro de 2012). "Tereixa Navaza: "A falta de facultad, la radio fue mi escuela"". elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  8. "TEREIXA NAVAZA. A voz da liberdade". consellodacultura.gal. 25 de outubro de 2012. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  9. Redacción (17 de febreiro de 2016). "La periodista Tereixa Navaza renuncia a un premio de la Xunta por la manipulación de TVE". 20minutos.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  10. "Galicia Caníbal". YouTube. 
  11. Redacción (14 de agosto de 2011). "'Fai un sol de carallo', 25 años después". elpais.com (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]