Subtitulada Revista do movemento feminista-Galicia, apareceu en xaneiro de 1983 da man das organizacións que formaron a Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas (CNOF). O seu obxectivo fundacional foi "Difundir e animar o debate en torno ás posicións e teorías feministas existentes, á vez que denunciar as situacións de violencia e discriminación que lles acontecen ás mulleres”.[2]
Na súa primeira fase (1983-1991)[3] os seus contidos estaban moi vinculados ás campañas e debates das organizacións que lle deron pulo. Estaba dirixida por Nanina Santos. En 1991 iniciou unha segunda época co subtitulo Revista galega de pensamento feminista dirixida por Ana Arellano. Cun formato de novo deseño, aborda temas de información e reflexión feminista máis diversos, redactada integramente en galego. A diferenza da primeira época, non está directamente vinculada con ningunha organización.
Con motivo do trinta aniversario da súa publicación, no ano 2013, fixeron un facsímile do número 0 da revista. Nunha editorial dese ano lembraron algúns dos temas tratados nas súas páxinas como a violencia contra as mulleres, a sexualidade e a identidade sexual, a prostitución, o traballo doméstico e a desigualdade do repartimento das tarefas domésticas entre outros.[4]Grazas a Andaina, "pódese seguir como evolucionou o feminismo nestes anos; os debates que se deron e as diferentes posicións que existiron, e que existen, á hora de analizar a situación das mulleres e de propor medidas para avanzar".[4]