Synapturichthys kleinii
Synapturichthys kleinii Linguado xaspeado | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Synapturichthys kleinii (Risso, 1827) |
Synapturichthys kleinii (Risso, 1827) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[1] a única existente no xénero Synapturichthys,[2] coñecido en galego como linguado xaspeado.[3]
Trátase dun linguado que habita nas costas do Atlántico leste (incluído o mar Mediterráneo), de Suráfrica e do océano Índico occidental
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Xénero
[editar | editar a fonte]O xénero foi creado en 1927 polo ictiólogo francés Paul Chabanaud.[2]
Especie
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita por primeira vez en 1827 polo naturalista nizardo Antoine Risso, co nome de Rhombus kleinii.[1]
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome orixinario que lle outorgou Risso, e de polo actualmente válido, a especie coñeceuse tamén ao longo do tempo polos seguintes sinónimos:[1]
- Pegusa kleini (Risso, 1827) (incorrecto)
- Pegusa kleinii (Risso, 1827)
- Solea alboguttata Fowler, 1929
- Solea capellonis Steindachner, 1868
- Solea kleini (Risso, 1827) (incorrecto)
- Solea kleinii (Risso, 1827)
- Solea melanoptera (Gilchrist, 1904)
- Synaptura melanoptera Gilchrist, 1904
- Synaptura savignyi Kaup, 1858
- Synapturichthys kleini (Risso, 1827) (incorrecto)
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Xénero
[editar | editar a fonte]O xenérico Synapturichthys está fomado pola adición a Synaptura nome doutro xénero de soleidos — véxase a súa etimoloxía en Synaptura— da adaptación latina do termo do grego antigo ἰχθύς chthýs, "peixe".
Especie
[editar | editar a fonte]O epíteto específico, kleinii, foi unha homenaxe que lle fixo Risso ao naturalista xermano-polaco Jacob Theodor Klein .[Cómpre referencia]
Características
[editar | editar a fonte]Como todos os linguados ten unha aparencia característica, asimétrica e con ambos os ollos no mesmo lado do corpo, o chamado "lado" ocular" ou "lado pigmentado" (o dereito, neste caso), mentres que o lado sen ollos é o chamado "lado cego.
O corpo, como o de todos os soleidos, ten forma de lingua (de aí os seus nomes vulagares) ou de sola de sandalia (de aí, o seu nome científico), máis alto cara a arriba, cara á cabeza, pero que se vai estritando pouco a pouco cara ao extremo caudal.
As escamas do lado ocular están provistas de espínulas, o que fai que o tarto da súa pel sexa áspero.
A liña lateral é recta e visíbel no lado ocular, con tan só unha soa pequena curvatura cerca da cabeza, á altura da aleta pectoral.
A zona superior das narinas do lado cego está expandida, formando unha roseta, como nas especies do xénero Pegusa.
As aletas dorsal e anal están unidas na súa parte posterior, por unha membrana, á aleta caudal.[4][5]
A súa columna vertebral está constituída por de 46 a 47 vértebras. A aleta dorsal presenta de 75 a 92 raios, e a anal, de 63 a 72.[6]
A coloración da súa cara pigmantada é típica: beixe ou de cor area, salferida ás veces de manchas escuras, con puntos brancos. A aletas dorsal e anal están boredas de escuro. A aleta pectoral deste lado leva unha mancha negra no centro, e o extremo é abrancazado. O lado cego é abrancazado.[4][5][7][8]
Pode alcanzar un tamaño máximo de até os 40 cm,[8] aínda que os espécimes capturados roldan os 15 cm.[9]
Hábitat, distribución e bioloxía
[editar | editar a fonte]O linguado xaspeado é un peixe mariño e de augas salobres, demersal, que habita en fondos de entre os 20 e os 460 m de profundidade,[10] en augas subtropicais, entre os 44° N e os 32° S, nas costas do Atlántico leste (incluído o mar Mediterráneo), de Suráfrica e do océano Índico occidental.[6]
Encóntrase en fondos areosos e lamacentos, principalmente en augas pouco profundas.[8]
Pesca
[editar | editar a fonte]O linguado xaspeado captúrase nas áreas de pesca 27, 34, 37 e 47 (Atlántico nordeste, Atlántico centro-leste, Mediterráneo e Atlántico sueste, respectivamente).[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Synapturichthys kleinii (Risso, 1827) no WoRMS,
- ↑ 2,0 2,1 Synapturichthys Chabanaud, 1927 no WoRMS.
- ↑ 3,0 3,1 Lahuerta Mouriño, Fernando e Vázquez Álvarez, Francisco X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 86.
- ↑ 4,0 4,1 Tortonese, Enrico (1975): Osteichthyes. Bologna: Calderini.
- ↑ 5,0 5,1 Costa, Francesco: Atlante dei pesci dei mari italiani. Milano: Mursia. ISBN 88-425-1003-3.
- ↑ 6,0 6,1 Synapturichthys kleinii (Risso, 1827) na FishBase.
- ↑ Louisy, Patrick (2006): Guida all'identificazione dei pesci marini d'Europa e del Mediterraneo, a cura di Trainito, Egidio. Milano: Il Castello. ISBN 88-8039-472-X.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Heemstra, P. C " O. Gon (1986): "Soleidae", pp. 868-874, en M. M. Smith & P. C. Heemstra, eds. Smiths' sea fishes. Berlin: Springer-Verlag.
- ↑ Bauchot, M. L. (1987): "Poissons osseux", pp. 891-1421, en W. Fischer, M. L. Bauchot & M. Schneider, eds. Fiches FAO d'identification pour les besoins de la pêche. (rev. 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de pêche 37. Vol. II. Commission des Communautés Européennes and FAO, Rome.
- ↑ Desoutter, M. (1990): "Soleidae", pp. 1037-1049, en J. C. Quéro, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). Lisboa: JNICT; Paris: SEI e UNESCO, Vol. 2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Desoutter, M. (1990): "Soleidae", pp. 1037-1049, en: J. C. Quéro, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). Lisboa: JNICT; París: SEI e UNESCO. Vol. 2.
- Relini, Giulio (2006): "Agnatha, Osteichthyes", en: Revisione della Checklist della fauna marina italiana. En FaunaItalia.
- van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.