Candidatura Unitaria de Trabajadores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Candidatura Unitaria de Trabajadores
Logocut2.svg
Dirixentes e organización
LíderJuan Manuel Sánchez Gordillo
Rocío van de Heide
Óscar Reina Gómez
Historia
Fundación1979 1
Posicións políticas
IdeoloxíaNacionalismo andaluz
Socialismo
Sindicalismo
Comunismo
Soberanismo
Posición políticaEsquerda
Representación
Parlamento de Andalucía
1 / 109
(Dentro de Podemos)
Congreso dos Deputados
0 / 350
Outros datos
SedeC/ Miguel Cid, 45 (Sevilla)
PublicaciónCutopía
Páxina webhttp://lacut.org
1 A partir de membros do Sindicato de Obreros del Campo (SOC).
2 Estatutos vixentes desde xaneiro de 2014.[1]

Candidatura Unitaria de Trabajadores (CUT), anteriormente coñecida co nome de Colectivo de Unidad de los Trabajadores—Bloque Andaluz de Izquierdas (CUT-BAI), é un partido político nacionalista andaluz de esquerda creado en 1979.[2] Foi un dos partidos fundadores de Izquierda Unida (IU) en 1986, organización da que formou parte até 2015.[3] Tras a disolución do Partido Andalucista (PA) en setembro de 2015, a CUT converteuse no principal partido político que se declara nacionalista andaluz.

Aínda que pola súa vinculación co sindicalismo rural andaluz a súa presenza está maioritariamente no campo, tamén ten presenza en núcleos urbanos como Granada, Almería ou Marbella (Málaga).

Actualmente salvo en municipais - que depende do acordado municipio a municipio - concorre a todas as demais eleccións dentro de Adelante Andalucía ou Unidas Podemos ou candidaturas equivalentes.

Historia[editar | editar a fonte]

A CUT foi creada por militantes do Sindicato de Obreros del Campo (SOC) en 1979, por iniciativa de Diamantino García, co nome inicial de Candidatura Unida de los Trabajadores para presentarse ás eleccións municipais dese mesmo ano; obtendo 5562 votos e 33 concelleiros no conxunto de Andalucía.[4] Desde entón foi considerada como o «brazo político» deste sindicato, converténdose na opción hexemónica da comarca da Sierra Sur de Sevilla.[5]

En 1986 a CUT integrouse na coalición Izquierda Unida (IU) xunto co PCE e outros partidos de esquerda.[5] No seu III Congreso, celebrado en Sevilla en 1992, cambiou o seu nome polo de Colectivos de Unidad de los Trabajadores. En 1999 unifícase co grupo Andalucía Libre de Javier Pulido, nese momento concelleiro de IU en Granada, adoptando o nome de Colectivo de Unidad de los Trabajadores—Bloque Andaluz de Izquierdas (CUT-BAI). En 2004 propúxolle a outras forzas de esquerdas de Andalucía a formación dun Bloque Andaluz de Izquierdas (BAI).

Nas eleccións municipais de 2007 presentouse baixo as siglas de IU, obtendo un centenar de edís e nove alcaldías. En Huétor-Tájar e Málaga houbo candidaturas coas siglas BAI nas que participaron outras organizacións ademais da CUT como o Partido Comunista del Pueblo Andaluz (PCPA); e en Paradas, un sector de CUT-BAI obtivo unha concellaría cunha lista independente de IU.

En 2008 Juan Manuel Sánchez Gordillo, portavoz nacional da CUT-BAI e alcalde de Marinaleda, foi elixido cabeza de lista de IU ao Parlamento de Andalucía, onde xa fora parlamentario desde 1994 até o ano 2008, logrando o escano pola provincia de Sevilla nas eleccións autonómicas dese ano; posto que revalidou até a súa renuncia en 2014.[6]

O 17 de maio de 2010 a CUT abandonou a Federación Andaluza de Municipios e Provincias (FAMP), por considerala «ineficaz» na defensa das reivindicacións dos concellos andaluces, co fin de crear unha federación máis «libre e independente».[7][8]

No IV Congreso da CUT-BAI, celebrado en xaneiro de 2014 en Sevilla, tomouse a decisión de cambiarlle o nome ao partido, que pasou a chamarse provisionalmente como Candidatura de Unidad de los Trabajadores, para finalmente adoptar o nome de Candidatura Unitaria de Trabajadores (CUT).[9][10][3][2]

O 12 de febreiro de 2015 a CUT decidiu abandonar definitivamente IU debido ao seu desacordo coa «política de pactos» entre esta formación e o PSOE.[3] Aínda que decidiu non integrarse en ningunha outra formación, a CUT pediu o voto para Podemos nas eleccións autonómicas do 22 de marzo, en cuxas candidaturas participaron dúas militantes súas, María García e Libertad Benítez, as cales finalmente resultaron elixidas.[2][11]

Nas eleccións xerais de España de 2016 a CUT presentouse nas circunscricións de Andalucía dentro da coalición Unidos Podemos, participando con independentes nas súas listas. O sindicalista Diego Cañamero, exalcalde de El Coronil pola CUT, foi cabeza de lista de Unidos Podemos por Xaén, resultando elixido deputado.[12] Nas eleccións ao Parlamento de Andalucía de 2018 a CUT presentouse dentro da coalición Adelante Andalucía, participando con independentes nas súas listas. Nas eleccións de 2019, Diego Cañamero non foi reelixido como deputado.

Organización[editar | editar a fonte]

A CUT organízase territorialmente mediante asembleas locais que desenvolven a súa actividade política no marco municipal. As asembleas locais envían representantes á Asemblea Nacional da CUT, máximo órgano de decisión entre congresos. O partido está dirixido por unha Mesa Permanente proposta polo portavoz nacional e ratificada pola Asemblea Nacional.

A Permanente está composta polas seguintes persoas:[13]

  • Juan Manuel Sánchez Gordillo: portavoz nacional, elixido polo Congreso.[10]
  • Manuel Rodríguez: responsable da Área Interna
  • Javier García: responsable da Área Ideolóxica
  • María del Carmen García: responsable da Área Internacional
  • José Antonio Mesa: responsable da Área Política

En abril de 2015 Rocío van de Heide, militante da CUT e do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT), foi elixida membro do Consello Cidadán de Podemos en Andalucía, mediante o proceso de primarias abertas que celebrou dita organización.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «Estatutos aprobados en el IV Congreso», 19 de xaneiro de 2014.
  2. 2,0 2,1 2,2 «La CUT pedirá el voto para Podemos el 22M». Europa Press. 16 de febreiro de 2015.
  3. 3,0 3,1 3,2 «La CUT de Sánchez Gordillo decide dejar IULV-CA y no integrase en otro partido», El Confidencial, 12 de febreiro de 2015.
  4. "Archivo de resultados electorales del Ministerio del Interior de España". Consultado o 18 de marzo de 2015. 
  5. 5,0 5,1 Aitor M. Carmelo. «El papel de Cañamero en la encrucijada andaluza». Diagonal. 22 de xaneiro de 2015.
  6. Lourdes Lucio (26 de novembro de 2014). "Gordillo renuncia como diputado un minuto antes de que lo expulsen". El País. 
  7. «Los alcaldes de la CUT-BAI abandonan la FAMP». Canal Sur. 4 de maio de 2010.
  8. «Pizarro espera que IULV-CA no tenga en cuenta la "ocurrencia" de Sánchez Gordillo y sus alcaldes permanezcan en la FAMP». Europa Press. 5 de maio de 2010.
  9. César Pérez Navarro. «CUT decide permanecer en IULV-CA a la vez que reelige a Sánchez Gordillo como portavoz nacional en su IV congreso». Tercera Información. 21 de xaneiro de 2014: «CUT-BAI, partido integrado en IULV-CA desde la fundación de la coalición, pasa a llamarse Candidatura de Unidad de los Trabajadores (CUT) por "estar ya registrado el anterior nombre"».
  10. 10,0 10,1 «Sánchez Gordillo, reelegido como portavoz de la nueva dirección política de CUT-BAI», Europa Press, 19 de xaneiro de 2014.
  11. «Los 109 diputados electos del nuevo Parlamento andaluz de la décima legislatura Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine.». La Información. 24 de marzo de 2015.
  12. «Unidos Podemos confirma a Diego Cañamero como cabeza de lista por Jaén». Diario Jaén. 24 de maio de 2016.
  13. «Organigrama de la Permanente Nacional da CUT Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.».
  14. "Teresa Rodríguez, secretaria general de Podemos en Andalucía". Europa Press. 11 de abril de 2015.