Sapiño patilongo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pelodytes punctatus
Pelodytes punctatus
Pelodytes punctatus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Pelodytidae
Xénero: Pelodytes
Especie: P. punctatus
Nome binomial
Pelodytes punctatus
Daudin, 1802
Mapa de distribución de Pelodytes punctatus.

Mapa de distribución de Pelodytes punctatus.
Sinonimia
  • Rana punctata, Daudin, 1802.
  • Rana plicata, Daudin, 1802.
  • Rana daudini, Merrem, 1820.
  • Bombinator plicatus, Fitziger, 11826.
  • Ostetricans punctatus, Dugés, 1834.
  • Alytes punctatus, Tschudi, 1838.
  • Cystignathus punctatus, Bonaparte, 1838.
  • Pelodytes punctatus, Bonaparte, 1838.
  • Pelodytes plicatus, Duméril & Bibron, 1841.
  • Pelodytes daudini, Bonaparte, 1880.

O sapiño patilongo (Pelodytes punctatus) é unha especie de anfibio da familia Pelodytidae.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Fig. 2 Pelodytes punctatus
Fig. 3 Pelodytes punctatus, vista da parte ventral branca

É un animal de pequeno tamaño, de 35 mm de lonxitude os machos e 45 mm as femias, desde a testa á cloaca. Ten un aspecto esvelto,[1][2] como o corpo dos Ranidae (ras pardas e verdes), pero provisto de verrugas como as dos Bufonidae (sapos). Un carácter doado de observar é a súa pupila vertical. Ten un morro é groso e arredondado (visto de perfil). Non posúe glándulas parótides aparentes detrás dos ollos, senón unha estreita banda glandular que se prolonga por unha ringleira de verrugas. Estas forman o dobramento latero-dorsal, ben marcado ata a axila, que despois se difumina ou se prolonga de maneira descontinua cara atrás. Tímpanos pouco visibles.

A pel é de cor variable, e pode ser verde oliva claro ou parda, inzada de manchas verdes que debuxan ás veces un X na parte anterior. A miúdo cheira a allo,[2] cheiro que provén das súas secrecións velenosas e irritantes. A pel do ventre é branca.

O macho reprodutor está provisto de calosidades nupciais marróns escuras nos dous primeiros dedos, o brazo, o antebrao e o peito. Posúe tamén un saco vocal interno, cunha gorxa de azul a violeta. O canto emitido polo macho é igualmente característico e difícil de confundir co doutra especie, e similar ao son producido palo choque repetido de bólas de petanca.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta especie é endémica do oeste de Europa. Pode encontrarse ata os 1630 m de altura en:[1][3]

  • Francia excepto no nordeste e na parte central de Aquitania. En Francia, é un animal meridional que abunda na rexión mediterránea e no litoral atlántico (como na Charente-Maritime e a Xironda) ou nas rexións con moitas lagoas, como Brenne[4]

. Noutras zonas é máis raro. Está en declive no Norte-Paso-de-Calais e en Poitou-Charentes.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Este anfibio está presente desde o nivel domar ata os 1200 m de altura no Macizo central e a 1600 m nos Alpes e Pireneos[4] e na zonas costeiras mediterráneas ibéricas ata os 1000 ou 1300 m de altitude.

Son bastante ecléticos á hora de eixir o seu hábitat. Poden atoparse tanto en zonas boscosas coma en terras cultivadas, e mesmo en terreos secos se teñen esdconderixos ou se o terreo está bastante brando para que se poida escavar. Nas rexións litorais e nas mesetas cársticas, frecuenta as formacións moi abertas, como noiros de derrubios, praias de grava ou de area, zonas de canteiras con pucharcas temporais. É un bo gabeador, e pode atoparse na copa de peqeunos arbustos. Coloniza igualmente os medios modificados polo home: terreos labrados, viñedos, xardíns, muros vellos, canteiras...

Na penísula Ibérica, na maior pate da súa área de distribución a especie está moi asociada a substratos de tipo calcario ou salino; adoita estar ausente de zonas con solos silíceos ou ácidos, con algunhas excepcións (Montes de Toledo).

Os hábitats para a reprodución son moi variados, con preferencia polos lugares con auga temporal (mais que permanecen asolagados o tempo suficiente), solleiros, con vexetación e escasos de peixes, e máis raramente lagoas e pantanos.

Os cágados viven sobre todo no fondo de augas pobres en vexetación subacuática.

Modo de vida[editar | editar a fonte]

Un exemplar de sapiño parilongo (Hérault, Francia).

É unha especie esencialmente nocturna e terrestre, fóra do período de reprodución. De día refúxiase baixo as pedras, nos tobos pouco profundos que el mesmo escava, nas gretas entre as rochas e nos muros de pedras. Está activo toda a noite. É un excelente gabeador, que pode escalar superficies lisas e adherir o seu ventre húmido sobre a parede (como fan os hílidos). Tamén é un bo nadador. En terra desprázase choutando.

  • Alimentación

Come insectos, arañas e vermes.

  • Hibernación

Cesa a súa actividade en outubro-novembro. A hibernación prolóngase ata mediados de febreiro e marzo, pero en zonas cálidas mediterráneas pode estar activo todo o ano.[5]

Reprodución e desenvolvemento larvario[editar | editar a fonte]

Nas poboacións que viven en Francia o período de reprodución comenza desde fins da hibernación e esténdese ata finais de febreiro e primeiros de abril. A actividade pode comezar desde xaneiro no sur de Francia.[4] En Portugal ten lugar entre novembro e marzo. Na rexión mediterránea, a chegada das chuvias é un causante da reprodución. A temperatura do aire debe ser polo menos de 4 °C. As postas de ovos desenvólvense gradualmente en períodos de varias semanas ao longo do ano. Na Península Ibérica para a súa reprodución, prefire espazos abertos e ben expostos, onde utiliza unha gran variedade de medios acuáticos, charcas estacionais, beiravías, campos de cultivo inundados, remansos de regatos, lagoas naturais, marismas, illós, e mesmo beiras de encoros, tolerando un elevado índice de salinidade.

O macho reprodutor aínda estando agochado a cuberto ou cando está á beira dun punto de auga, comeza o seu canto nupcial cando a temperatura do aire chega a 4-5 °C. Continúa despois cos seus cntos na superficie da auga ou baixo a auga. Os machos a miúdo cantan en coro. Os lugares de posta de ovos son puntos de auga a miúdo temporais, pouco fondos e solleiros.

O canto baixo a auga consiste nun "co-ak...co-ak" sonoro de dúas notas que pode lembrar a un guión de paspallás. As femias responden cun "coo...coo" máis feble. O canto é por veces audible a 300 m de distancia. Fóra da auga, os machos emiten un "cri-i-i-ik", algo parecido a un calzado que renxe.[2]

Acoplamento

O macho agárrase firmemente ao dorso da femia pola axila dos membros posteriores (posición de amplexo lumbar). Os cóbados do macho sitúanse sobre o pube dela. O acoplamento dura de 2 a 5 horas. A femia engánchase coas patas a un talo de planta acuática e expulsa un cordón de ovos que enrola arredor do talo cos pés e xirando arredor do talo. O macho axúdalle tirando do cordón, e asperxe co seu seme os ovos para fecundalos. Ela desprázase despois pola auga a outros talos para depositar varios cordóns máis ou moreas de ovos. Unha posta consta de 1000 a 1600 ovos fraccionados en paquetes dalqunhas decenas ou centos deles.

Fig. 4 Cágado (larva) de sapiño patilongo

Os ovos eclosionan rapidamente, entre 3 e 19 días despois. Os cágados congréganse formando un enxame sobre a masa de cápsulas de ovos. Desenvólvense durante de 2 a 4 meses, incluso na parte máis ao norte da súa área. Cando a posta é tardía, o cágado sofre unha hibernación antes de experimentar a metamorfose en primavera. Son entón de gran tamaño (ata 9 cm). Os cágados poden devorar as postas dos sapos corredores. Os sapiños novos (imagos) miden de 1,5 a 2 cm. Crecen ata ser adultos de 3,5-4,5 cm.

A madureza sexual nesta especie chega aos 3 anos. Viven uns 15 anos.

Ameazas e protección[editar | editar a fonte]

A bioloxía e as amezas que pesan sobre esta especie non son ben coñecidas. As poboacións do noroeste de Italia parecen especialmente ameazadas. Non se pode excluír que as poboacións de Pelodytes, como na maior parte de lisanfibios, estean sendo afectadas pola fragmentación ou desaparición do hábitat e a contaminación da auga. Na península Ibérica a especie é aínda abundante, pero o desenvolvemento urbanístico experimentado nas costas mediterráneas causou a desaparición de moitas colonias, tamén en zonas rurais as prácticas de agricultura intensiva, determinaron a desaparición e contaminación grave de moitos medios acuáticos. As prolongadas sequías veñen a acentuar as anteriores ameazas, desecando os medios acuáticos naturais.

Está protexido pola Convención de Berna (anexo III) e as leis locais.

Unha das medidas de xestión das zonas de reprodución consiste en limitar a invasión das charcas por vexetación leñosa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Amphibian Species of the World Pelodytes punctatus
  2. 2,0 2,1 2,2 Nicholas Arnold et Denys Ovenden, Le guide herpéto : 228 amphibiens et reptiles d'Europe, Delachaux & Niestlé, février 2010, 287 p. (ISBN 9782603016732) (en francés)
  3. IUCN Pelodytes punctatus
  4. 4,0 4,1 4,2 Duguet R. et Melki F. (ed.), Les Amphibiens de France, Belgique et Luxembourg, éditions Biotope, ACEMAV coll., 2003, 480 p. (en francés)
  5. 5,0 5,1 P. Galán Regalado, G. Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Edicións Xerais. Vigo.1993. Páxina 162. ISBN 84-7507-722-6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]