Amplexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Amplexo no sapo común europeo (Bufo bufo).

O amplexo, do latín amplexus, abrazo, aperta, denomínase en bioloxía a un tipo de comportamento reprodutor que se dá fundamentalmente nos anfibios anuros, e que consiste en que o macho sobe ao dorso da femia, dándolle unha aperta, e mantense agarrado a ela ata que esta pon os ovos, momento en que o macho os fertiliza.

Femias e machos reúnense na auga, grazas ás sonoras chamadas dos machos, e axústanse nun modo característico. O macho, xeralmente máis pequeno que a femia, abrázase a ela suxeitándoa inmediatamente por baixo das súas extremidades anteriores ou por encima das posteriores. Os anfibios producen ovos sen cubertas, salvo unha cápsula mucosa, que son vertidos na auga sen fecundar. Os espermatozoides son liberados ao medio á vez, producíndose inmediatamente a fecundación.

O amplexo culmina necesariamente na auga, mesmo naquelas especies, coma o sapo común europeo (Bufo bufo), cuxa vida adulta transcorre no medio terrestre.

Segundo as especies, o amplexo pode durar desde uns poucos minutos até varios días.