Sapo corredor
Sapo corredor | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Epidalea calamita Laurenti, 1768 | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
O sapo corredor[1] ou sapo corriqueiro[2] (Epidalea calamita) é unha especie monotípica do xénero Epidalea. É un anfibio anuro da familia Bufonidae, nativa de áreas areentas de Europa central e occidental. Atópase nunha ampla variedade de hábitats, sendo capaz de sobrevivir en zonas bastante secas sempre que dispoña polo menos dalgunha charca para reproducirse. De feito, é un dos anfibios máis comúns en gran parte da súa área de distribución. Os adultos miden uns 6 cm de longura. Distínguese do sapo común por unha liña amarela ou verde claro lonxitudinal na metade das costas. Corpo repoludo e moi verrugoso; glándulas parotídeas paralelas. Ten patas relativamente longas que lle dan o seu distintivo andar en contraste cos movementos de salto de moitas outras especies de sapos.
Sistemática do xénero Epidalea
[editar | editar a fonte]Nos últimos decenios, o abaratamento nos custos do emprego de técnicas moleculares e o gran desenvolvemento destas e outras técnicas provocaron unha pequena revolución no ámbito da taxonomía. Moitas especies de diversos grupos zoolóxicos foron reclasificadas noutras anteriormente nomeadas ou de nova creación. Os anfibios son un dos grupos nos que a actividade taxonómica é maior, e o xénero Epidalea é un claro exemplo.
Segundo os autores, Epidalea pode ser un xénero independente da familia Bufonidae ou un subxénero do gran grupo formado polo xénero Bufo. Darrel R. Frost postula a independencia deste xénero sobre a base das evidencias proporcionadas polas análises filoxenéticas, do mesmo xeito que Pedro Beja e os seus colaboradores, e así o facían Jeroen Speybroeck e Pierre-André Crochet en 2007[3]. Con todo, Alain Dubois e Roger Bour sosteñen que Epidalea debe permanecer como subxénero de Bufo xa que manteñen a capacidade de producir adultos híbridos viables.[4] Moitos outros autores, como Albert Masó e Manuel Pijoan ou os mesmos Speybroeck, Crochet e Wouter Beukema mantéñense nesta segunda postura máis conservadora á espera de novas investigacións. En calquera caso, todos estes autores coinciden en que se debe profundar máis nas investigacións para chegar a un acordo respecto diso.[5]
Sinonimia da especie
[editar | editar a fonte]- Bufo calamita Laurenti, 1768
- Rana foetidissima Hermann, 1783
- Rana portentosa Blumenbach, 1788
- Rana ecaudata Razoumovsky, 1789
- Bufo cruciatus Schneider, 1799
- Rana mephitica Shaw, 1802
- Bufo portentosa Leunis, 1844
- Epidalea calamita Cope, 1864
- Bufo calamita var. alpestris Koch, 1872
- Bufo viridis var. calamita Camerano, 1884
Descrición
[editar | editar a fonte]Sapo de entre 5 e 6 cm de lonxitude, con máximos nas femias de 9,5 cm e nos machos de 9 cm. Moi raramente alcanzan os 12 cm. Os tamaños das poboacións ibéricas son algo maiores ca os das centroeuropeas, fóra da poboación de Doñana onde se observa un fenómeno de ananismo.
É de aspecto robusto, coas pupilas horizontais, o iris verdoso e as glándulas parotídes moi marcadas e paralelas. Posúen unha liña vertebral amarela ou verdosa clara moi conspicua característica da especie e que se aprecia xa nos cágados recentemente metamorfoseados. As patas posteriores son curtas e robustas adaptadas á marcha e non ao salto. O dorso ten manchas verdes de contorno non ben definido sobre fondo ocre, mostrando un deseño de «camuflaxe».[6]
Os machos teñen os brazos máis robustos e as patas máis longas ca as femias, ademais, durante o celo presentan calosidades nos dedos e un saco vocal desenvolvido de tonalidades violáceas ou avermelladas.
Os cágados nacen con 0,35 cm e alcanzan os 3 cm ao final do seu desenvolvemento. Trala metamorfose a súa longura mingua até os 1,3 cm, momento no que abandonan a auga, podendo ser menores se a charca se deseca antes. Son de cor negra polo dorso e agrisados polo ventre, con manchas esbrancuxadas ao final do desenvolvemento debido á transparencia dos intestinos. O espiráculo é recto, dirixido para atrás e atópase no lado esquerdo. A distancia entre os ollos é o dobre da distancia entre as fosas nasais. A segunda serie de dentes labiais superiores posúen un diastema central ancho. O rabo é arredondado.
Ciclo de vida
[editar | editar a fonte]Vive máis de 12 anos e aliméntase de insectos e outros invertebrados. De noite móvese ao longo de terreos abertos con vexetación; percorre considerables distancias cada noite, posibilitando á especie a colonización de novos hábitats moi rapidamente.
A súa chamada de apareamento é moi forte e distintiva que se repite sen descanso, amplificada polo saco vocal baixo o queixelo, que lles permite reunirse a pesar de atoparse en poboacións pequenas. Ademais posúen un berro de solta que se emprega entre machos que se acoplaron por erro.[7]
Na Península Ibérica, a súa fenoloxía reprodutiva é moi ampla, dependendo dos períodos de choiva. Así, pode comezar no outono en Levante e terminar en xuño nas poboacións do centro peninsular en altitudes por riba dos 1000 m. No resto da súa zona de distribución reprodúcense desde finais de abril a xullo, con cópula axilar. Cada femia pode depositar varios milleiros de ovos, formando «restras» en charcas. A posta na charca necesita ter un lixeiro gradiente de profundidade, con vexetación esparsa nas beiras e na auga. Frecuentemente son charcas temporais, ás veces tan efémeras como rodeiras de vehículos, e en ocasións as larvas morren cando aquelas se secan. Este risco compénsase co dilatado período de apareamento realizado por distintos individuos, de forma que se poden atopar exemplares xuvenís en setembro con un ou catro meses de idade.
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]De hábitos terrestres ocupa case calquera hábitat, evitando as rexións eurosiberianas máis húmidas e os bosques densos con abundante sotobosque. Require charcas superficiais ou temporais para reproducirse.[8]
Distribúese por Europa Occidental, Central, Illas Británicas e Escandinavia, desde Portugal aos países bálticos. Na Península Ibérica falta na liña costeira cantábrica (Cantabria e Asturias) e nalgunhas zonas dos Pireneos, Aragón e Estremadura.[9] Encóntrase desde o nivel do mar até os 2500 m de altitude.[7]
Conservación
[editar | editar a fonte]Está catalogada na lista vermella de especies ameazadas da UICN baixo preocupación menor —LC—. As súas maiores ameazas son a perda de hábitat en xeral e a redución do hábitat de ribeira por construción de diques e presas e acidificación do medio acuático por choiva aceda e outros factores de polución.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
- ↑ Vocabulario forestal, páx. 191, Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012
- ↑ Speybroeck & Crochet (2007), Beja et ál. (2009), Frost (2015)
- ↑ Dubois & Bour (2010)
- ↑ Speybroeck et ál.(2010), Masó e Pijoan (2011)
- ↑ Arnold e Burton (1978), Velasco (2005), Masó e Pijoan (2011)
- ↑ 7,0 7,1 Masó e Pijoan (2011)
- ↑ Velasco (2005), Beja et ál. (2009), Masó e Pijoan (2011)
- ↑ Velasco (2005), Masó e Pijoan (2011)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Masó, A. e M. Pijoan (2011). Masó, A. e M. Pijoan. Anfibios y reptiles de la península ibérica, Baleares y Canarias. Omega. ISBN 978-84-282-1368-4.
- J. Speybroeck & Crochet, P.A. (2007). J. Speybroeck & Crochet, P.A. "Species list of the European herpetofauna — a tentative update". Podarcis (1/2). Consultado o 29 de abril de 2022.
- J. Speybroeck; W. Beukema & P.-A. Crochet (2010). J. Speybroeck. "A tentative species list of the European herpetofauna (Amphibia and Reptilia) — an update" (PDF). Zootaxa (2492). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de outubro de 2021. Consultado o 23 de agosto de 2016.A referencia utiliza parámetros obsoletos (axuda)
- Velasco, J.C., M. Lizana, J. Román, M. Delibes, J. Fernández & C. Sánchez (2005). Guía de los peces, anfibios, reptiles y mamíferos de Castilla y León (en castelán) (1ª ed.). Náyade. ISBN 84-933730-1-X.