Bebida de salep.Un mercador albanés na Üsküp otomá (a actual Macedonia do Norte), en 1907.
O salep foi unha bebida moi popular nas terras do antigo Imperio Otomán. O seu consumo chegou até Inglaterra e Alemaña antes do pulo do café e do té, e ofrecíase despois coma unha alternativa nas cafetarías. En Inglaterra chamábanlle daquela saloop, onde foi moi sonada nos séculos XVII e XVIII. Preparábase engadindo auga a ferver ao po de salep até espesar, despois adozábase e aromatizábase con flores de laranxeira ou auga de rosas. No século XVIII, ás veces susbtituíanse os tubérculos de orquídeas turcas orixinais por raíces de orquídeas británicas, coñecidas coma "dogstones".[2]
Hoxe en día o salep adoita facerse con leite morno no canto de auga. Fanse tamén doces coa fariña de salep coma o pudin de salep ou o dondurma (xeado de salep). A rexión turca de Kahramanmaraş é a maior produtora de salep (Salepi Maraş). A popularidade do salep en Turquía ten afectado negativamente as poboacións de orquídeas bravas; polo que hoxe en día é ilegar exportar o auténtico salep.[3] Polo tanto, moita da fariña de salep que atopamos está mesturada con saborizantes artificiais. O salep consómese tamén en Grecia, onde se adoita vender nas rúas coma bebida quente non meses de inverno. Tamén é moi popular en moitas partes de Oriente Medio, especialmente no levante. Os turcos tamén adoitan consumilo nos meses de frío.
Na Antiga Roma tamén se empregaban bulbos de orquídeas para facer bebidas, ás que chamaban de diferentes xeitos, principalmente cos nomes dos deuses Sátiro e Priapo, deuses relacionados co afrodisíaco.[4] Do salep, Paracelso escribiu: "Velaí a raíz do Sátiro, non é como as partes privadas do sexo masculino? Ninguén pode negar isto. Segundo as pescudas da maxia, revelouse que pode restaurar a virilidade e a paixón dun home".[5]