Rotíferos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Rotífero")
Rotiferos
Rotifer.jpg

Philodina alimentándose

Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Platyzoa
Filo: Rotifera
Clases

Os Rotíferos ou Rotifera constitúen un filo de animais pseudocelomados microscópicos (entre 0,1 y 0,5 mm) acuáticos. O nome de rotífero provén do latín rota (roda) e ferre (levar), é dicir, “portadores de rodas”, en referencia ao seu aparato succionador, a coroa, que lembra unha coroa real ou unha serra dentada circular.

Foron descubertos por John Harris en 1696 (Hudson and Gosse, 1886), de quen se conservan debuxos datados en 1703, a pesar de que o achado adoita atribuírse de xeito equivocado a Leeuwenhoek.

Características[editar | editar a fonte]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Os rotíferos presentan simetría bilateral e corpo posúe unha cabeza, un tronco e unha cola ou pé. Os machos son raros e nalgunhas especies non se coñecen. Pódense diferenciar unhas especies de outras polo tipo de coroa que aparece na cabeza, pola forma do corpo e pola cuberta cuticular externa.

Cabeza[editar | editar a fonte]

O centro da cabeza non posúe cilios e leva o nome de rexión apical e está rodeada pola coroa de cilios. Na cabeza tamén ten unhas prolongacións dos órganos retrocerebrais.

Tronco[editar | editar a fonte]

O tronco é cilíndrico ou aplanado é presenta unha cuberta ou cutícula que varía dunhas especies a outras. Nalgúns casos é como unha caixa e noutros aparece segmentada en aneis o que lle permite cambiar a forma e lonxitude do corpo. No tronco poden aparecer unha ou dúas antenas dorsais e outras antenas laterais.

O pé ou cola[editar | editar a fonte]

O pé está cuberto de aneis cuticulares que remata ou nuns dedos que se moven nas especies nadadoras ou nun disco adhesivo nas especies fixas ou sésiles.

Aparato dixestivo[editar | editar a fonte]

Soen ter un tubo dixestivo moi completo, con boca, farinxe moi diferenciada con moitas pezas móbiles que fan o papel de mandíbulas. A coroa está composta de cilios que, ao moverse, crean pequenas correntes que atraen as partículas do contorno cara ela. Da coroa pasan a unha farinxe e desta ao aparato mastigador denominado mástax, onde se trituran as partículas succionadas, para despois ser dixeridas no estómago e finalmente excretados os residuos pola cloaca. A coroa tamén a utilizan para desprazarse pola auga, a modo de turbohélice. No extremo oposto á coroa se distingue un pé (xeralmente un par de pés) co cal poden aferrarse ao substrato.

Cutícula[editar | editar a fonte]

Existen rotíferos cunha cutícula relativamente grosa e ríxida que dan ao animal un aspecto capsular; outros son flexibles e de aspecto e movemento vermiforme. Aínda que a gran maioría de rotíferos son nadadores, algúns son sésiles e viven no interior de tubos ou cápsulas xelatinosas. Arredor de 25 especies son coloniais (como Sinantherina semibullata).

Reprodución[editar | editar a fonte]

Na maioría de especies os machos son escasos, de forma que a reprodución por partenoxénese é bastante común. Ademais existe un marcado dimorfismo sexual xa que os machos existentes soen ter o aparato dixestivo atrofiado, e a súa existencia limítase á produción de esperma. A vida dunha femia oscila entre as 1-2 semanas. Algunhas especies son xerobiontes, é dicir, os seus ovos fertilizados se enquistan e crean formas de resistencia capaces de sobrevivir aos períodos de seca e desecación nos que o hábitat acuático desaparece por motivos estacionais. Ó ser rehidratados emerxen rapidamente (en menos de dúas horas) como organismos con capacidade natatoria. Algunhas especies producen un derivado do azucre trehalosa co que crean unha substancia xelatinosa que axuda a resistir á falta de auga ambiental.

Órganos sensoriais[editar | editar a fonte]

En toda a superficie do corpo hai moitas terminacións nerviosas. As cerdas teñen células sensoriais no seu pé. Na rexión apical teñen fosetas ciliadas con función quimiorreceptora, e tamén aparecen pelos sensoriais nalgúns casos. Os ollos poden aparecer en varios lugares como no cerebro, na coroa ou laterais. Moitos rotíferos presentan fototactismo positivo, é dicir nadan cara a luz.

Distribución[editar | editar a fonte]

Actualmente coñécense unhas 1.500-2.000 especies de rotíferos repartidos polas augas doces de todo o mundo, e incluso hai rotíferos de auga salgada ou de hábitats semiterrestres, entre os brións e liques.

Curiosidades deste filo[editar | editar a fonte]

  • Manteñen unha constancia celular.
  • Algúns son capaces de resistir a desecación, incluso 3 ou 4 anos, e volver á vida activa en canto se lles bota auga.
  • Son empregados como alimento en piscicultura.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Rotíferos
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rotíferos

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Meglitsch P.A.: Zoología de invertebrados. Ed. Pirámide.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Filos do Reino Animal
Acanthocephala | Acoelomorpha | Annelida | Arthropoda | Brachiopoda | Bryozoa | Chaetognatha | Choanozoa | Chordata | Cnidaria | Ctenophora | Cycliophora | Echinodermata | Entoprocta | Gastrotricha | Gnathostomulida | Hemichordata | Kinorhyncha | Loricifera | Micrognathozoa | Mollusca | Monoblastozoa | Nematoda | Nematomorpha | Nemertea | Onychophora | Orthonectida | Phoronida | Placozoa | Platyhelminthes | Porifera | Priapulida | Rhombozoa | Rotifera | Sipuncula | Tardigrada | Vetulicolia† | Xenoturbellida