Roger II de Sicilia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Roger II de Sicilia
Rei de Sicilia
Martorana RogerII2008.jpg
Roger II coroado por Cristo
(Mosaico da Igrexa da Martorana).
A inscrición reza: Rogerios rex en letras gregas.

Reinado 1105 - 1154
Outros títulos
  • Nacemento 22 de decembro de 1095
    Mileto, Calabria
    Falecemento 26 de febreiro de 1154
    Palermo
    Sucesor Guillerme I de Sicilia
    Consorte
  • Descendencia Véxase Matrimonios e fillos
    Casa real Casa de Hauteville
    Proxenitores Roger I de Sicilia
    Adelaide del Vasto

    Escudo de Roger II de Sicilia
    Escudo da familia Hauteville

    Roger II de Hauteville, nado o 22 de decembro de 1095 en Mileto (Calabria) e finado o 26 de febreiro de 1154 en Palermo, foi conde de Sicilia (1105-1130), duque de Puglia (1127-1130) e príncipe de Taranto (1128-1132), así como rei de Sicilia desde 1130 até a súa morte.

    Fillo de Roger I, sucedeu ao seu irmán Simón sendo menor de idade. Comenzou a gobernar en 1112, e no seu dilatado reinado converteu as posesións normandas do sur de Italia nun territorio unificado elevado á categoría de Reino, cun goberno persoal e centralizado.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Roger era o segundo fillo de Roger I, conde de Sicilia, e Adelaida del Vasto. Sucedeu ao seu irmán maior Simón no condado de Sicilia en 1105, estando baixo a rexencia da súa nai até 1112. Desde ese ano até a morte do seu primo Guillerme II de Apulia en 1127, Roger tratou de aumentar o seu prestixio mediante o seu matrimonio cunha infanta castelá, filla de Afonso VI de León, e grazas á axuda do seu primo Roger Borsa, que lle cedeu a metade dos seus territorios de Mesina, Palermo e Calabria que recibira nas divisións das conquistas sicilianas moitos anos antes.

    Á morte de Guillerme, fillo de Borsa, Roger recibiu o ducado de Puglia e uniu todas as posesións normandas en Italia, a excepción do principado de Capua, que estaba en mans da familia Drengot. Parece que inmediatamente tivo a idea de cinguir unha coroa real, recordando que os gobernantes da Sicilia da Antigüidade, como Agatocles, foran reis. Os tres anos seguintes á recepción do ducado ocupounos intentando recibir unha coroa do papa.

    En 1130, Roger foi coroado rei de Sicilia polo antipapa Anacleto II, a cambio do seu apoio para ocupar a cadeira de san Pedro. Roger fíxose feudatario do papa, o que provocaría un problema político cando a dinastía Hohenstaufen tomou o poder no reino de Sicilia.

    Roger II, no Liber ad honorem Augusti de Petrus de Ebulo, 1196.
    O Reino de África (en liña descontinua vermella), que Roger II quería unir ao seu Reino de Sicilia.

    Como rei, Roger dedicouse a fortalecer o seu poder na península. Os baróns de Puglia non quixeron someterse e a década de 1130 estivo repleta de conflitos entre diversos rebeldes e o poder central da coroa.

    Bari rebelouse, liderada por Grimoaldo Alferanites. Capua levantose en armas para manter a independencia da familia Drengot. O ducado independente de Nápoles axudou os rebeldes até 1137, cando o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Lotario II e o papa Inocencio II viaxaron á zona e estableceron a Ranulfo de Alife como duque de Puglia, en oposición a Roger.

    Á volta das forzas imperiais a Alemaña, Roger, agora aliado con Serxio VII de Nápoles, atacou a Ranulfo, sendo vencido (e Serxio morto) na batalla de Rignano. Por espazo de dous anos, Roger combateu a insurrección e o exército papal na península. En 1139, Ranulfo morreu e, sen outros opoñentes, Roger foi recoñecido como único duque.

    Polo tratado de Mignano o papa Inocencio II recoñeceu a Roger como rex Siciliae ducatus Apuliae et principatus Capuae, chegando por fin a paz ao sur de Italia.

    En 1140, Roger promulgou unha serie de leis, os Assises de Ariano, co obxecto de centralizar a autoridade en mans do rei e diminuír o poder dos señores feudais. Isto sentou a norma de lexislación en Sicilia durante os séculos seguintes.

    No resto do seu reinado, a atención de Roger centrouse fóra da illa e a penísula, buscando estender os seus dominios por África e Grecia. Creou unha gran frota no Mediterráneo central (cuxo almirante máis destacado foi Xurxo de Antioquía). En 1135 conquistou as costas de Túnez e Trípoli, creando o Reino de África (un protectorado do seu Reino de Sicilia).

    Mentres Roger permanecía no palacio da súa nova capital, Palermo, os seus xenerais e almirantes dirixiron os seus exércitos e mariñas ás costas africanas e ás illas gregas. Atenas foi saqueada e a propia Constantinopla ameazada.

    Roger morreu en Palermo o 26 de febreiro en 1154, sendo sucedido polo seu cuarto fillo Guillerme.

    Matrimonios e fillos[editar | editar a fonte]

    Tumba de Roger II na Catedral de Palermo.

    Roger casou en primeiras nupcias en 1117 con Elvira, filla do finado rei de León, Afonso VI. Tiveron seis fillos.

    1. Roger (1118-1148), duque de Puglia e —posibelmente— conde de Lecce (desde 1135).
    2. Tancredo (1119-1138), príncipe de Bari (desde 1135).
    3. Afonso (1120/1-1144), príncipe de Capua e duque de Nápoles (desde 1135).
    4. Adelisa (c. 1126 - despois de 1184), condesa de Florencia. Casada en primeiras nupcias con Xoscelino, conde de Loreto, e en segundas con Roberto, conde de Loritello e de Conversano.
    5. Guillerme (1131-1166), duque de Puglia (desde 1148), e rei de Sicilia como Guillerme I (desde 1150).
    6. Henrique (1135-1145).

    Casou en segundas nupcias en 1149 con Sibila de Borgoña, filla do duque Hugo II de Borgoña. Tiveron dous fillos:

    1. Henrique (1149).
    2. Un fillo nacido morto (1150).

    Casou en terceiras nupcias en 1151 con Beatriz de Rethel, sobriña neta do rei de Xerusalén Balduíno II. Tiveron unha filla:

    1. Constanza (1154-1198). Casou co emperador Henrique VI do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Herdaría o trono siciliano tras a morte de Guillerme III en 1194.

    Tamén tivo varios fillos fóra do matrimonio:

    Na posteridade[editar | editar a fonte]

    O compositor polaco Karol Szymanowski, que fixo varias viaxes a Sicilia, dedicoulle unha ópera ao primeiro rei normando de Sicilia, titulada "Re Ruggero". Estreouse en Varsovia en 1926 e foi representaa en tres ocasións en Palermo, dúas veces no "Teatro Massimo Vittorio Emanuele" (1949 e 2005) e unha vez no "Teatro Politeama" (1992).

    Predecesor:
    Simón
    Conde de Sicilia
    1105 - 1130
    Sucesor:
    El mesmo
    (convértese en rei de Sicilia)
    Predecesor:
    Guillerme II
    Duque de Puglia
    1127 - 1130
    Sucesor:
    Roger III
    (1134)
    Predecesor:
    El mesmo
    (como conde de Sicilia)
    Coat of Arms of the House of Hauteville (according to Agostino Inveges).svg
    Rei de Sicilia

    1130 - 1154
    Sucesor:
    Guillerme I
    Predecesor:
    Bohemundo II de Antioquía
    Príncipe de Taranto
    1128 - 1132
    Sucesor:
    Tancredo

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    Outros artigos[editar | editar a fonte]

    Ligazóns extarnas[editar | editar a fonte]