Roxerio de Hauteville

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Roxerio Borsa»)
Roxerio de Hauteville
chamado Roxerio Borsa
Duque de Puglia e Calabria
Moeda de Roxerio Borsa

Reinadoset. de 108522 de febreiro de 1111
NacementoCa. 1060
Melfi (?)
Falecemento22 de febreiro de 1111
Salerno
SepulturaCatedral de Salerno
PredecesorRoberto Guiscardo
SucesorGuillerme II de Puglia
ConsorteAdela de Flandres
Casa realHauteville
ProxenitoresRoberto Guiscardo
Sichelgaita de Salerno

Escudo de Roxerio de Hauteville
Escudo de Roberto Guiscardo

Roxerio de Hauteville, coñecido como Roxerio Borsa (en latín, Rogerius [cognomento] Bursa), nado contra 1060, quizais en Melfi, e finado en Salerno o 22 de febreiro de 1111, foi un cabaleiro normando que foi duque de Puglia e Calabria desde 1085 a 1111.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo e sucesor de Roberto Guiscardo, o cabaleiro normando que foi duque de Puglia e Calabria e conquistador de Sicilia. A súa nai foi Sichelgaita de Salerno, unha poderosa princesa guerreira de estirpe lombarda.[2] As intelixentes manobras de Sichelgaita que, en 1073, conseguiron convencer aos baróns apulianos para que o recoñeceran como herdeiro en lugar de Boemondo, o fillo máis vello de Roberto nacido do primeiro matrimonio deste con Alberada de Buonalbergo, garantíronlle a sucesión a Guiscardo. O historiador inglés John Julius Norwich escribe del:

...Roxerio, chamado Borsa (Bolsa) pola súa manía inveterada ao contar e volver a contar o seu diñeiro, era un rapaz de trece anos débil e vacilante que daba a impresión de que a infancia pasada con Roberto e Sichelgaita fora demasiado para el.
John Julius Norwich, The Normans in the South 1016-1130

A orixe do alcume Borsa tamén sinalouno Emily Albu.[3]

Polo tanto, en 1073, Roxerio foi proclamado herdeiro, mentres que Roberto Guiscardo foi afectado por unha enfermidade durante unha estancia en Trani. O único que se opuxo ao recoñecemento do futuro duque foi Abelardo de Hauteville, curmán de Roxerio, porque era fillo de Umfredo, irmán de Roberto. Reclamou para si o dereito á sucesión, xa que Guiscardo, designado como o seu titor á morte de Umfredo, confiscara arbitrariamente as súas posesións, apartándoo a el e ao seu irmán Ermanno da liña de herdanza.

En 1084 Roxerio participou nunha campaña militar en Grecia xunto ao seu pai que, o 17 de xullo de 1085 morreu de enfermidade durante o asedio de Cefalonia.

Unha coincidencia singular foi o feito de que Roxerio, herdeiro das posesións italianas, estivese en Grecia no momento da morte de Guiscardo, mentres que Boemondo, herdeiro de Durazzo (hoxe Durrës) e doutros feudos bizantinos, estaba en Italia, precisamente en Salerno.

Roxerio reencontrouse coa súa nai en Cefalonia e, xunto con ela, regresou á súa terra natal, onde en setembro, grazas tamén ao apoio do seu tío Roxerio I de Sicilia, foi recoñecido como duque de Puglia e Calabria. Unha chegada que non deixou de espertar reaccións: Boemondo, o medio irmán descartado da sucesión, respondeu con armas ao ascenso de Roxerio e, co apoio do príncipe Iordán I de Capua, ocupou os castelos de Oria, Otranto e Tarento, chegando a un acordo de paz en marzo de 1086. Bohemondo converteuse en co-rexente de feito xunto co seu irmán, pero xa no verán de 1087 dirixiu unha nova revolta e, co apoio da maioría dos vasalos de Roxerio, conseguiu derrotar a este último en Fragneto, recuperando tamén a posesión de Taranto. Aínda que foi descrito como un guerreiro forte e temíbel, capaz de conquistar as cidades de Benevento, Canosa, Capua e Lucera con hábiles asedios, Roxerio Borsa nunca foi capaz de igualar o poder de Bohemondo, nin de someter a este baixo o seu control. O enfrontamento entre os dous irmáns acabou só coa mediación do papa Urbano II, que recoñeceu en Bohemondo a posesión do Principado de Tarento e outros numerosos castelos, mentres que Roxerio tamén lle garantiu o feudo de Cosenza e a propiedade de feito doutros dominios. En 1089 Urbano II investiu oficialmente a Roxerio Borsa no ducado de Puglia, poñendo fin a calquera controversia.

En maio de 1098, motivado polas peticións do seu curmán Ricardo II de Capua, xunto co seu tío Roxerio de Sicilia, comezou o cerco da cidade de Capua, da que o príncipe fora exiliado sete anos antes como menor. A cambio, o duque recibiu de Ricardo un acto formal de submisión ao seu señorío. Roxerio mantivo o seu compromiso e Capua caeu despois de corenta días de asedio.

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

En 1092, Roxerio Borsa casou con Adela de Flandres, filla de Roberto o Frisón, conde de Flandres, e xove viúva do rei danés Canuto IV o Santo. Desta unión, Roxerio tivo polo menos tres fillos: Luís, que morreu de neno en 1094, Guiscardo, e o seu herdeiro Guillerme de Puglia.

Dunha concubina tivo outro fillo, Guillerme de Xesualdo.

Predecesor:
Título
novo

Duque de Puglia e Calabria

10851111
Sucesor:
Guillerme II de Puglia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Norwich 1967, p. 219.
  2. Mosher 1969, p. 113.
  3. Albu 2001, p. 110.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bbiolgrafía[editar | editar a fonte]

  • Albu, Emily (2001): The Normans in Their Histories: Propaganda, Myth and Subversion. The Boydell Press.
  • Chibnall, Marjorie (2000): Piety, Power and History in Medieval England and Normandy. Ashgate.
  • Matthew, Donald (1992): The Norman Kingdom of Sicily. Cambridge University Press.
  • Mosher, Paul Hostetler (1969): The Abbey of Cava in the Eleventh and Twelfth Centuries: Cava, the Normans and the Greeks in Southern Italy. University of California Press.
  • Norwich, John Julius (1967): The Normans in the South 1016-1130. Longmans: Londres.
  • Norwich, John Julius (1970): The Kingdom in the Sun 1130-1194. Longman: Londres.