Raymond Kurzweil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raymond Kurzweil
Raymond Kurzweil Fantastic Voyage.jpg
Raymond Kurzweil
Nacemento 12 de febreiro de 1948
Lugar Queens
Nacionalidade Estados Unidos de América
Alma máter Massachusetts Institute of Technology
Ocupación inventor, informático teórico, empresario, escritor, escritor de ciencia ficción, científico, futurist e pesquisador de inteligência artificial
Premios Prêmio Grace Murray Hopper, Prêmio Lemelson–MIT, Medalha Nacional de Tecnologia e Inovação e National Inventors Hall of Fame
editar datos en Wikidata ]

Raymond Kurzweil, nado en Queens (Nova York) o 12 de febreiro de 1948, é un pioneiro nos eidos do recoñecemento óptico de caracteres (OCR), síntese de texto-voz, das tecnoloxías para o recoñecemento da fala e dos instrumentos electrónicos de teclados. É autor de varios libros sobre intelixencia artificial e transhumanismo, entre eles: A era das máquinas intelixentes (The Age of Intelligent Machines) e A Singularidade está próxima: cando os humanos sobrepasen a bioloxía (The Singularity Is Near: When Humans Transcend Biology.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ray (como é coñecido familiarmente) Kurzweil naceu e criouse en Queens, Nova York. Cando tiña doce anos escribiu o seu primeiro programa informático no que analizaba patróns de composicións musicais. Con este proxecto gañou o primeiro premio dunha feira internacional de Ciencia, sendo un dos 40 “talentos” que puideron visitar ó presidente Lyndon Johnson. Na súa xuventude foi un ávido lector de ciencia ficción. En 1970, ós vinte e dous anos, licenciouse no MIT en ciencias computacionais e literatura.

In 1974, Ray comezou a súa primeira grande empresa, Kurzweil Computer Products, Inc. (KCP) co propósito de perseguir os seus intereses no recoñecemento de patrons e abordar o problema non resolto de aprenderlle a un computador a identificar caracteres impresos ou tipografados con independencia da tipografía ou calidade da impresión. Os sistemas existentes só recoñecían determinadas fontes (e.g., Courier, OCR A). Ray Kurzweill e os seus colegas conseguiron que o ordenador extraese as calidades abstractas das formas das letras, definindo as súas propiedades esenciais.

Kurzweil e o seu equipo foron os creadores do primeiro recoñecedor óptico de caracteres de calquera tipo de fonte, do primeiro lector-conversor de letra impresa a voz para cegos, o primeiro escáner CCD flat-bed, o primeiro sintetizador de texto-voz completo, e combinaron estas tres tecnoloxías no que foi a primeira Máquina Lectora Kurzweil (a KRM) texto-fala para cegos. A KRM foi presentada nunha rolda de prensa o 13 de xaneiro de 1976 cuberta polos máis importantes medios de prensa e televisión americanos. En 1980 Kurzweil vendeu a súa compañía a Xerox que viu no escáner e na tecnoloxía OCR o camiño cara á electrónica.

En 1982 creou Kurzweil Music Systems que desenvolvería con Stevie Wonder como asesor musical o primeiro instrumento de síntese musical electrónica capaz de recrear o son do piano de cola e outros instrumentos orquestrais. Grazas á tecnoloxia desenvolvida, calquera rapaz pode dende aquela tocar todos os instrumentos dunha banda de rock ou dunha orquestra dende o seu cuarto. En 1990 vendería esta empresa a unha importante compañía coreana de instrumentos, a Young Chan.

Ó mesmo tempo que fundara a empresa de sistemas musicais Ray Kurzweil tamén comezara a Kurzweil Applied Intelligence en 1982 co obxecto de desenvolver o recoñecemento de voz a través do computador. Froito da investigación neste terreo introduciu o primeiro sistema de recoñecemento lingüístico comercializado cun vocabulario extenso. A empresa foi vendida en 1997 a Lernout & Hauspie (L&H).

En total, Kurzweil é o fundador de nove empresas nos campos do OCR, da síntese electrónica de música, do recoñecemento da fala, da tecnoloxía de lectura, de realidade virtual, de simulación médica, investimento fincanceiro e arte cibernética.

Tamén é o creador dunha alter ego de 25 anos, Ramona, coa que actúa virtualmente para ilustrar as posibilidades dos computadores para a interacción interpersoal. Este proxecto inspirou a trama da película S1mOne.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Como experto que é en tecnoloxías de sistemas de sinal e en intelixencia artificial, Ray Kurzweil pertence ó grupo de tecnólogos que tende a mostrarse optimistas con relación ó desenvolvemento da civilización humana. Kurzweil cre firmemente na posibilidade do melloramento humano a través dos avances científicos e técnicos. Neste sentido, subscribe posicións futuristas favorables ó estudo desprexuizado da intelixencia artificial.

Segundo a súa visión do futuro da humanidade, a fusión dos humanos e das máquinas é inescapable de maneira que nun futuro próximo poderiamos asistir, segundo as súas predicións, á supresión das barreiras entre o biolóxico e o artificial. A súa crenza sostena na expansión exponencial do coñecemento. O propio ritmo de cambio dese crecemento exponencial dirixirá, segundo a súa teoría, o noso destino colectivo independentemente da miopía que amosemos, de que nos aferremos ó pasado ou de que queiramos ou non cambiar. A nosa evolución biolóxica, segundo Kurzweil está a piques de ser suplantada pola nosa evolución tecnolóxica.

Segundo as previsións de Kurzweil estamos a asistir nos comezos do século XXI á saída dun mundo no que a bioloxía humana aínda nos é próxima e estamos entrando na era posthumana na que os coñecementos de bioquímica, neuroloxía e cibernética nos permitirán reconstruír totalmente os nosos corpos e mentes. A idea central é que as novas tecnoloxías cambiarán radicalmente o que significa ser "humano". A súa última posición con relación ás máquinas e a tecnoloxía é máis precavida cá dalgún dos seus colegas tecnofilicos, achegándose en certa maneira á tradición distópica que imaxina un futuro non só dominado por máquinas e subordinado a elas senón a propia desaparición do espírito humano.

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Ray Kurzweil recibiu numerosos premios e recoñecementos públicos. No 2002 foi postulado para o Hall da fama de Inventores Nacionais establecido pola Oficina de Patentes dos Estados Unidos. Recibiu o Premio Lemelson-MIT dotado con 500,000$, o maior premio americano dos relacionados coa innovación e a invención. Recibiu así mesmo a Medalla Nacional da Tecnoloxía de 1999, de mans do Presidente Bill Clinton nunha cerimonia celebrada na Casa Branca. É doutor “honoris causa” por 12 universidades e recibiu 7 premios nacionais e internacionais polos seus filmes. The Age of Spiritual Machines foi traducida a 9 linguas.

Obras[editar | editar a fonte]

Ningunha das súas obras foi publicada en galego.

  • A era das máquinas intelixentes. (1990)
  • A solución do 10% para unha vida saudable. (1994)
  • A era das máquinas espirituais: cando os computados superen a mente humana. (1999)
  • A viaxe fantástica. Vive abando para poder vivir para sempre. (2004)
  • A Singularidade está próxima: cando os humanos sobrepasen a bioloxía. (2005)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]