Raquel Meller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Raquel Meller
Raquel Meller en Carmen.png
Nacemento9 de marzo de 1888 e 10 de marzo de 1888
 Tarazona
Falecemento26 de xullo de 1962
 Barcelona
Causadoenza
SoterradaCamposanto de Montjuïc
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónactriz, cantante e cupletista
CónxuxeEnrique Gómez Carrillo e Edmond Saiac
editar datos en Wikidata ]
A Venus da poesía (1913), de Xullo Romeu de Torres. Museo de Belas Artes de Bilbao. Como modelos aparecen Raquel Meller e o seu marido, o escritor guatemalteco, Enrique Gómez Carrillo.[1]

Francisca Romana Marqués López, nada en Tarazona o 9 de marzo de 1888 e finada en Barcelona o 26 de xullo de 1962, foi unha cantante, cupletista e actriz de cinema española coñecida como Raquel Meller.[2]

Durante as décadas de 1920 e 1930 foi unha artista de éxito internacional, que apareceu en varios filmes e fixo xiras por Europa e América. Estreou famosas cancións como "La Violetera" e "El Relicario", ambas escritas por José Padilla.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Caricaturizada por Tovar (1917)
Raquel Meller nun retrato de Joaquín Sorolla (1918)

Filla de aragonés e de rioxana, naceu en Tarazona (Zaragoza) no popular Barrio del Cinto. O seu pai, Telesforo Marqués Ibañez, traballaba como ferreiro na chamada Venta de Baqueca, en tanto que a súa nai, Isabel López Sainz, estaba empregada nunha tenda de ultramarinos.[3] Pasaba tempadas cos seus avós maternos en Inestrillas e tamén cos paternos en Añón de Moncayo, onde tamén o seu avó exercera de ferreiro.

Aos catro anos, a súa familia mudouse a Barcelona. O seu pai faleceu cando ela aínda non tiña dez anos, e deixárona ao coidado dunha tía materna, a irmá María del Carmen, abadesa clarisa no convento de Figueres.[4] Cando a súa tía lle propuxo que se convertese en monxa, fuxiu do convento coa axuda dunha escaleira do xardineiro.[5] Volveu reunirse coa súa familia no Poble-sec, barrio de Barcelona. Na capital catalá traballou nun taller de confección, bordando as roupas de curas e bispos.[6]

Cantaba mentres traballaba, de cando en vez atraendo xente que permanecía na rúa, fóra da tenda. Aos trece anos, cantou nun pequeno cabaré en Valencia.[7] Posteriormente actuou en Madrid, onde recibiu a atracción do rei e da raíña de España.

Nesa época coñeceu a famosa cantante Marta Oliver, habitual na tenda de roupa.[8] Baixo a tutela de Marta Oliver, debutou no salón La Gran Peña en febreiro de 1908 baixo o nome da "La Bella Raquel". Pouco despois cambiou definitivamente o seu nome a "Raquel Meller", cun apelido de son alemán, ao parecer en lembranza dun amor de devandita nacionalidade.

O 16 de setembro de 1911 fixo o seu gran debut no Teatro Arnau de Barcelona. Foi nesa época cando cantou "La Violetera" e "El Relicario", as dúas cancións compostas por José Padilla que a fixeron famosísima.

En 1917 coñeceu o escritor e diplomático guatelmateco Enrique Gómez Carrillo (Enrique Gómez Tible, quen cambiou o seu segundo apelido cando os españois o chamaron burlonamente "Comestible"). Casaron en 1919,[5] mais o matrimonio rompeu en 1922.[9]

En 1922, Raquel celebrou os seus primeiros triunfos en París (Olympia), a Arxentina, o Uruguai e Chile. Tras dúas cancelacións previas, en 1926 finalmente chegou aos Estados Unidos cun contrato do produtor de teatro musical E. Ray Goetz, que asegurou a súa actuación esixíndolle un pago de 100 000 dólares. Meller chegou no SS Leviathan, en que intentou reservar un cuarto de luxo para os seus cinco cans pequineses.[6] Percorreu Nova York, Filadelfia, Chicago, Boston, Baltimore e Os Ánxeles. Na súa visita aos Ánxeles, Meller atraeu a atención de Charlie Chaplin, quen lle ofreceu sen éxito interpretar un papel principal no seu filme City Lights (1931). Chaplin si incorporou a melodía da canción "La Violetera" como tema principal do filme, omitindo a súa autoría.

En 1919, Meller apareceu no seu primeiro filme, Los arlequines de seda y oro. Entre os seus grandes éxitos atópanse Violetas imperiales (1923) e Carmen (1926),[10] aínda no cinema mudo. Axiña se converteu nunha figura popular en occidente, adorada pola prensa. En 1932 rodou unha segunda versión (agora sonora) de Violetas imperiales, e en 1936 comezou a rodaxe de Lola la de Triana, produción interrompida pola guerra civil española.

Na década de 1930, Meller residiu en Francia, gozando da súa celebridade. Superou en popularidade e ingresos durante varios anos estrelas como Carlos Gardel e Maurice Chevalier. A súa voz, beleza, elegancia, grandes ollos negros e o seu talento como cupletista garantíronlle a fama. A propia Sarah Bernhardt describiuna como a "mellor actriz de Europa, despois de min".[9] Antes de que aparecese en escena, os cuplés víanse como cancións de xénero ínfimo. As interpretacións de Raquel Meller deron ao cuplé un nivel social aceptable.

A guerra civil española e a segunda guerra mundial provocaron un cambio abrupto na súa carreira. En 1937 viaxou á Arxentina, onde permaneceu ata 1939. Despois da guerra volveu a Barcelona, logrando de novo a popularidade coa obra teatral de José Padilla La Violetera. En Barcelona casou por segunda vez co empresario francés Demon Sayac. Aínda que nunca se divorciaron, decidiron vivir separados.

Durante os anos seguintes, aos poucos, Raquel Meller quedou soa e medio esquecida en Barcelona. Pouco despois da estrea dos filmes El último cuplé (1957) e La violetera (1958) con Sara Montiel, onde se cantaron os éxitos do seu tempo de gloria, Meller tratou de recuperar a súa fama de estrela, mais fracasou, pois xa non era lembrada. Non tivo fillos biolóxicos, mais adoptou dous nenos.

En 1962, cando levaba algún tempo afastada do espectáculo, sufriu unha caída que agravou a súa doenza coronaria. O 26 de xullo de 1962 faleceu no Hospital da Cruz Vermella de Barcelona acompañada do seu fillo e da presidenta do hospital, Pilar de Lacambre, grande amiga da artista. Ao seu enterro, no cemiterio de Montjuïc, asistiron 100 000 persoas[11] e toda a prensa se fixo eco da perda.

Legado[editar | editar a fonte]

A vila natal de Meller, Tarazona, acolle unha exposición permanente sobre ela no Teatro de Belas Artes da casa do concello.[3]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García de la Torre, F. (2008). Julio Romero de Torres, pintor (1874-1930) (en castelán). Madrid, España: Arco/Libros. p. 264. ISBN 978-84-7635-719-4. 
  2. Zavala, Iris M. (1992). Colonialism and Culture: Hispanic Modernisms and the Social Imaginary. Bloomington Indiana University Press. p. 193. ISBN 978-0-253-36861-4. 
  3. 3,0 3,1 Orte, Fernando (23 de marzo de 2009). "De Francisca Marqués López a Raquel Meller". Aragon Digital. 
  4. "Raquel Meller, Singer, 74, Dead". The New York Times. Associated Press. 27 de xullo de 1962. 
  5. 5,0 5,1 "Sorceress Meller: Her Hands Are Like Faces". Time. 26 de abril de 1926. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2012. Consultado o 22 de xaneiro de 2021. 
  6. 6,0 6,1 "Raquel Meller Here, Won't Dispute Critics". The New York Times. 6 de abril de 1926. 
  7. "Driven Headlong By Relentless Cupid". The Pittsburgh Press. 11 de febreiro 1923. 
  8. Bianco, Alessandro Piana (1 de xaneiro de 2006). "Raquel Meller". Journal of Contemporary Street Art (00). Consultado o 22 de novembro de 2010. 
  9. 9,0 9,1 Woon, Basil (16 de xullo de 1922). "Actress With Most Beautiful Eyes Secures Divorce". Minneapolis Morning Tribune. 
  10. Powrie, Phil (1 de xaneiro de 2003). "The kiss-curl and the resisting eyes: reassessing Carmen (Feyder, 1926)". Studies in French Cinema 3 (1): 15–23. doi:10.1386/sfci.3.1.15/0. 
  11. "Raquel Meller Rites Held". The New York Times. 28 de xullo de 1962. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]