Ramiro Paz Carbajal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramiro Paz Carbajal.

Ramiro Paz Carbajal, nado en Pontevedra o 29 de xuño de 1891 e finado no mesmo concello o 12 de novembro de 1936, foi un tipógrafo e político galego.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aos 13 anos trasladouse a Vigo, onde traballou como aprendiz de tipógrafo en Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. Logo marchou a Arxentina de onde regresou en 1917. Ingresou na Agrupación Socialista de Pontevedra e en 1918 dirixiu Acción Obrera. En 1920 foi elixido presidente da Agrupación Socialista, presidente da Federación Obreira local e concelleiro de Pontevedra e dirixiu Nueva Aurora. En setembro de 1920 marchou outra vez a Arxentina, permanecendo en Buenos Aires ata 1922. Ao regreso estableceu unha imprenta propia "La Popular" con José Benito García Santiago. Participou na reorganización da Agrupación Socialista de Pontevedra "La Internacional" en maio de 1931 e dirixiu La Hora (1931-1933).

Placa en Pontevedra en memoria dos fusilados o 12 de novembro de 1936.

Foi elixido presidente da AS de Pontevedra en 1933. Pertenceu ao Comité Revolucionario Provincial de Pontevedra durante a folga xeral revolucionaria de 1934 polo que foi detido e a súa imprenta "La Popular" asaltada e destruída. En 1936 foi membro da Comisión Xestora da Deputación Provincial, presidente do Comité Provincial da Fronte Popular, presidente da Asociación Tipográfica e presidente da Federación Provincial Socialista de Pontevedra. En abril de 1936 foi elixido compromisario do PSOE por Pontevedra para a elección do novo Presidente da República.

Coa sublevación do 18 de xullo de 1936, foi detido o 20 de xullo e recluído na Escola Normal convertida en prisión. O 22 de outubro foi trasladado á Illa de San Simón onde permaneceu ata o 31, cando foi trasladado a Pontevedra. Xulgado en consello de guerra sumarísimo o 1 de novembro, foi condenado a morte. Foi fusilado na estrada de Campañó o 12 de novembro de 1936.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]