Portal:Ucraína/Artigo destacado/1
Holodomor (en lingua ucraína: Голодомор) é o nome atribuído á fame de carácter xenocida, que devastou principalmente o territorio da República Socialista Soviética de Ucraína (integrada na URSS), durante os anos de 1932 a 1933. Este acontecemento, tamén coñecido por gran fame de Ucraína, representou un dos máis tráxicos capítulos da Historia de Ucraína, debido ó enorme custo en vidas humanas.
A pesar de que esta fame afectou igualmente a outras rexións soviéticas, o termo Holodomor é aplicado especificamente ós feitos ocorridos nos territorios con poboación de etnia ucraína: Ucraína e a rexión de Kuban, no Cáucaso do Norte. Como tal, o Holodomor é ás veces denominado "Xenocidio Ucraíno" ou "Holocausto Ucraíno", significando que esa traxedia sería a resultante dunha acción deliberada de exterminio, desencadeada polo réxime soviético, visando especificamente o pobo ucraíno, en canto entidade socio-étnica.
Tendo como referencia o concepto de xenocidio e a súa definición xurídica, verifícase un crecente consenso da historiografía, relativo á natureza xenocida do Holodomor. Por outra banda, hai un número cada vez maior de países que o recoñecen oficialmente como un acto de xenocidio, como España.
A palabra Holodomor resulta da expresión ucraína 'Морити голодом' (moryty gholodom), que significa "matar pola fame". O termo foi empregado por vez primeira polo escritor Oleksa Musienko, nun relatorio.
No cuarto sábado do mes de novembro, Ucraína e as comunidades ucraínas implantadas en diversos países de acollemento prestan homenaxe ás vítimas do Holodomor.