Portal:Ourense/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ourense é unha cidade galega, capital da provincia de Ourense e da súa comarca homónima. É a terceira cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo e A Coruña. Segundo o IGE, en 2014 a poboación foi de 106.905 habitantes (107.597 en 2012).

Situada preto da Vía Nova que unía Bracara Augusta (hoxe Braga en Portugal) con Asturica Augusta (hoxe Astorga) a cidade mantivo importancia tras a época romana pola súa ponte e situación central na antiga Gallaecia. Foi corte real dos suevos crese que durante o reinado de Carriarico/Teodomiro que foi o que fundou a primeira igrexa dedicada a San Martiño de Tours.

Está atravesada polos ríos Miño, Barbaña e Lonia. É coñecida como "A cidade das Burgas" debido á sona das súas famosas fontes de augas termais (a auga sae a 60-68 °C). Tamén se lle coñece como Auria.

Destacan como monumentos a Catedral de Ourense (s.XII) co seu Pórtico do Paraíso e o Santo Cristo, a ponte Romana, o claustro de San Francisco, a igrexa da Trindade e a de San Domingo, e o conxunto do seu casco antigo, en proceso de recuperación.

Cidade termal por excelencia, ademais das Burgas o visitante pode gozar das augas termais do balneario da Chavasqueira (de inspiración xaponesa), O Tinteiro, Muíño da Veiga e Outariz. Están moi próximos á capital os centros balnearios da Arnoia, Baños de Molgas, Laias e O Carballiño.