Saltar ao contido

Portal:Ferrol/Lugar de interese/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Ferrol:

O castelo de San Filipe foi unha das fortalezas máis importantes da ría de Ferrol, construído no século XVI. Localízase na parroquia de Brión, xusto á beira da ría. Xunto a este castelo na ría tamén se atopan o Castelo da Palma e o Castelo de San Martín, hoxe en día en ruínas, que conformaban en conxunto o escudo defensivo da ría. Este sistema foi mandado proxectar polo capitán xeneral do Reino de Galicia, o marqués de Cerralbo, aos enxeñeiros Fratín, Spanochi e Muñíz.

Foi no ano 1589 comezouse a construción do castelo auspiciada por Filipe II, do que toma o seu nome, e é entre os anos 1731 e 1755 cando o enxeñeiro Francisco Montaigú se encarga de deseñar unha serie de reformas, entre as que destaca a construción dun hornabeque, e foso e o proxecto da porta principal. O seu deseño está baseado nas ensinanzas técnicas de Vauban e na adaptación ao terreo sobre o que se asenta.

En 1809 tivo lugar a ocupación francesa, pero esta solo durou un mes. Posteriormente, durante a guerra civil española, funcionou como prisión militar, e na fortaleza leváronse a cabo fusilamentos de presos políticos.


A concatedral de San Xiao é un templo de culto católico situado na cidade galega de Ferrol, e adicado ao patrón da cidade, San Xiao. Pertence á diocese de Mondoñedo-Ferrol e trátase do monumento relixioso máis importante da cidade.

Proxectado polo enxeñeiro e arquitecto de mariña Julián Sánchez Bort a partir do ano 1763, comezouse a construír en 1765 sobre os restos dunha antiga igrexa románica, sendo finalizado en 1772. En 1959, mediante unha bula de Xoán XXIII acadou a categoría de concatedral o 9 de marzo, o motivo polo cal acadou a categoría de concatedral e non de catedral foi porque na súa mesma diocese xa había outra catedral, a Catedral de Mondoñedo.

Na súa planta centrada e nos primeiros proxectos, recollíanse conceptos arquitectónicos renacentistas, aínda que o edificio considérase neoclásico. O templo presenta a peculiaridade de ter a súa planta en forma de cruz grega e non latina como é habitual.


O Teatro Jofre é unha institución cultural da cidade de Ferrol, inaugurado en 1892. É unha das máis importantes obras da arquitectura teatral da España do século XIX. O seu interior, coa súa espléndida acústica e fermosa decoración, é testemuña da actividade cultural da cidade.

Contra o século XVIII Ferrol contaba co teatro do italiano Nicolás Settaro, onde se representaban funcións dramáticas, líricas e bailes, que foi destruído por un incendio. En 1862, un grupo de ferroláns comezaron a construción do novo teatro. Os arquitectos Faustino Domínguez Domínguez e o seu fillo Faustino Domínguez Coumes-Gay, foron os autores do primeiro proxecto e do edificio final, respectivamente. A pesar de que os beneficios da empresa serían para o Hospital de Caridade, o que tiña que facilitar a construción, as obras non rematarían de non ser polo apoio do ferrolán Joaquín Jofre Maristany, afincado en Buenos Aires. A importancia da súa persoa na construción do teatro fixo que se lle dese o seu nome. Foi inaugurado trinta anos despois de comezadas as obras, o 19 de maio de 1892.

A fachada orixinal do Teatro Jofre ocupaba a actual praza de Galicia, e contrastaba na súa sinxeleza co interior. Na actual destacan as columnas decoradas con elementos teatrais. A planta ten forma de ferradura. O interior, de tres pisos decorados, e con frescos no teito que representan os xéneros teatris.


O Museo Naval de Ferrol está situado dentro da base Naval de Ferrol, no antigo Cuartel de Presidiarios coñecido como San Campio, foi proxectado en 1765, lugar onde se aloxaban os presidiarios mentres duraban os traballos de construción, reparación e limpeza dos buques.

A partir de 1970 comezaron a recompilarse e catalogarse obxectos dispersos polas múltiples dependencias que, xunto cos da recuperación dos restos do pecio da fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro no ano 1810, propiciaron a creación do Museo Naval, que foi inaugurado o 5 de marzo de 1986.

Este museo conta con magníficos modelos de barcos de grandes dimensións, cartografía, canons, armamento antisubmarinos, velas, instrumentos de navegación, traxes de mergullo, bandeiras, maquetas de barcos e outro tipo de aparellos relacionados co mar, como unha áncora medieval rescatada do fondo da dársena do porto da vila de Mugardos. Presenta tamén información de todos os navíos construídos en Ferrol de 1751 a 1984.


Portal:Ferrol/Lugar de interese/5

Portal:Ferrol/Lugar de interese/6

Portal:Ferrol/Lugar de interese/7

Portal:Ferrol/Lugar de interese/8

Portal:Ferrol/Lugar de interese/9

Portal:Ferrol/Lugar de interese/10