Santa María Magdalena (barco)
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2019.) |
Santa María Magdalena (barco) | |
---|---|
Instancia de | barco ![]() |
Características | |
Impulsado por | vela ![]() |
Datas e localizacións | |
Inauguración | 1773 ![]() |
Persoas e organizacións | |
Operador/a
| |
[ Wikidata ] [ C:Commons ] |
A Santa María Magdalena foi unha fragata de guerra da Armada Española naufragada xunto co bergantín Palomo en 1810 na ría de Viveiro. A Santa María Magdalena, baixo o mando do capitán Blas de Salcedo, construírase en 1773 no Arsenal de Ferrol e montaba 38 canóns. O bergantín Palomo, mandado polo tenente de fragata Diego de Quevedo, construírase en 1793 no mesmo arsenal e montaba 18 canóns. Os dous buques formaban parte da frota hispano-inglesa que, baixo o mando do capitán Joaquín Zarauz, tiña como misión defender a costa cantábrica fronte aos franceses. Completaban a frota o corsario Insurgente Roncalesa, unha balandra inglesa e vinte buques de transporte.
Historia
[editar | editar a fonte]
A Santa María Magdalena virou áncora na Coruña o 14 de outubro de 1810. Ao pasaren por Ribadeo uníronselle a goleta Liniers e os canoneiros Corzo, Estrago, Gorrión e Sorpresa e mais quince transportes. No serán do 18 fondeou na baía de Xixón para desembarcar ao día seguinte as forzas do exército que atacaría a cidade asturiana, acadando deste xeito que as forzas francesas se repregasen. Rematada a acción, dirixíronse a Santoña o día 23, xusto cando se declara un vento noroeste moi forte. Isto provocou que os buques máis grandes picasen cabos, namentres que os catro canoneiros afundiron, aínda que as súas respectivas tripulacións se salvaron.
Coa mellora do tempo e dispersada a frota, o día 29 dirixíronse ao porto de Viveiro a fragata Magdalena, o Palomo, dous transportes e a fragata inglesa Narcisus. O 2 de novembro declarouse un temporal de vento norte e esa noite pediron auxilio con bengalas e canonazos. As dificultades eran especiais para o Magdalena e o Palomo que só contaban con dúas áncoras, xa que as outras ficaran en Santoña. O temporal desfixo o casco do Magdalena e non tardou en esfondar. O Palomo foi levado á praia de Sacido polas ondas.
Do total da tripulación da fragata, só conseguiron chegar á costa oito homes, dos que sobreviviron tres, e a cifra de mortos elevouse á 480. A case totalidade dos mortos foron arrebolados polo mar ao longo desa noite á praia de Covas. Morreron 70 homes do Palomo, polo que a cifra total de mortos (550) a converte nunha das maiores traxedias marítimas coñecida nestas costas.
A maioría dos mortos foron soterrados nun cemiterio improvisado ao longo da praia de Covas e a principios do século XX aínda se conservaban as cruces.
Esta traxedia tivo unha enorme repercusión en todo o Estado. O feito de que aparecese o corpo do capitán Blas Salcedo abrazado ao do seu fillo fixo que a Armada prohibise o embarque de pais con fillos ou de irmáns no mesmo barco.
A traxedia na cultura popular
[editar | editar a fonte]
O naufraxio fixo que corresen lendas sobre o feito e que aparecesen coplas e romances:
Dime, bergantín Palomo,
¿dónde fue tu perdición?
En la ría de Viveiro
al toque de la oración.
Di fragata Magdalena,
¿qué mal viento te dió el mar?
Todos los vientos son buenos
si Dios no da tempestad.