Saltar ao contido

Plantas bulbosas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tulipáns (Tulipa), unha das moitas especies de plantas bulbosas.
Lilium regale.
Grupo de crocos (Crocus) en floración.

As plantas bulbosas son plantas herbáceas e perennes que presentan órganos subterráneos de reserva de nutrientes, tales como bulbos, cormos, rizomas, tubérculos e raíces tuberosas. Estas especies adoitan perder a súa parte aérea durante as épocas desfavorables de crecemento (o inverno ou o verán, dependendo da especie) e permanecen en repouso grazas ás reservas almacenadas nos seus bulbos. Cando as condicións estacionales volven ser favorables, ditas reservas sustentan o novo ciclo de crecemento. Ademais, os bulbos tamén permiten a multiplicación vexetativa ou asexual nestas especies.[1][2] O concepto de "plantas bulbosas" fai referencia, basicamente, a aquelas especies que se empregan como ornamentais en parques e xardíns ou ben, como flores de corte[2], fóra deste ámbito non se emprega para referirse a plantas cuxas estruturas de propagación vexetativa non sexan bulbos.

Adaptacións ao medio

[editar | editar a fonte]

As plantas resolveron de xeitos moi diversos o problema da supervivencia durante épocas adversas, como son os invernos moi fríos e os veráns excesivamente cálidos e secos. Así, as especies anuais completan o seu ciclo durante as estacións favorables e transcorren como sementes as épocas desfavorables para o crecemento. As plantas bulbosas, en cambio, desenvolveron órganos subterráneos de reserva que lles permiten sobrevivir durante as estacións desfavorables en estado de repouso e reiniciar o crecemento cando as condicións ambientais volven ser favorables.[1]

As adaptacións e as estratexias das plantas bulbosas poden satisfacer esixencias ecolóxicas moi diversas. Numerosos tulipáns (Tulipa) de orixe asiática, por exemplo, están adaptados a un clima continental extremo, con veráns secos e tórridos, invernos xeados e primaveras con breves chuvieiros, período no cal desenvolven o seu ciclo completo. Existen, por outra banda, moitas especies de soutobosque, como algúns crocos (Crocus), a escila (Scilla) e o dente de can (Erythronium) que, grazas ás súas reservas alimenticias, medran axiña e cumpren o seu ciclo a comezos da primavera, antes de que as follas das árbores se desenvolvan e lles quiten a luz do sol.[1]

Scilla non-scripta medrando nun soutobosque

Moitas plantas bulbosas habitan comunidades adaptadas aos lumes recorrentes durante a estación seca (exemplo, varias especies de Iridaceae). Neses períodos, as plantas bulbosas áchanse en repouso e dese xeito sobreviven á calor do lume. Os incendios limpan de vexetación a superficie, eliminando a competencia e, ademais, achegan nutrientes ao chan a través das cinzas. Cando as primeiras choivas caen, os bulbos, cormos e rizomas comezan a brotar axiña, iniciando un novo período de crecemento e desenvolvemento sostido polas reservas acumuladas nos seus tecidos durante a estación previa. Varias especies do xénero Cyrtanthus, por exemplo, son recoñecidas pola súa rápida capacidade de florecer logo de incendios naturais de pasteiros, por iso é polo que varias destas especies sexan coñecidas como "Lirios de lume". De feito, certas especies tales como Cyrtanthus contractus, Cyrtanthus ventricosus e Cyrtanthus odorus, só florecen logo de que se producen os incendios naturais.[3]

Distribución na natureza

[editar | editar a fonte]

O maior número de especies de plantas bulbosas atópanse en rexións do mundo cun clima mediterráneo, isto é, onde os invernos son fríos e húmidos e os veráns son secos e cálidos, cunha primavera curta. As reservas acumuladas nestas plantas permítenlles medrar axiña na primavera, antes de que as herbas anuais teñan tempo de facelo. Cinco áreas no mundo teñen este tipo de clima: a rexión do Mediterráneo, estendéndose cara ao leste ata Asia Central; California; a rexión central de Chile, o extremo sur de Suráfrica e o oeste e sur de Australia.

Nos climas tropicais, onde existe alternancia de estacións secas e húmidas, as plantas bulbosas son tamén moi comúns. Finalmente, algunhas especies bulbosas tamén proceden de rexións con choivas estivais e invernos secos. Unha rexión con este tipo de clima e que é particularmente rica en especies bulbosas é a das montañas Drakensberg no nordés da provincia do Cabo Occidental en Suráfrica.[4]

Historia da súa utilización

[editar | editar a fonte]

O uso das plantas bulbosas é probablemente tan vello como a civilización humana. Dende as orixes da historia, as raíces ou talos carnosos e subterráneos de moitas especies foron empregados como alimento. Así, a pataca (Solanum tuberosum), a oca (Oxalis tuberosa) e a batata (Ipomoea batatas) foron cultivadas en Suramérica por centos de anos como fonte de alimento. Os exipcios cultivaban cebolas (Allium) e os gregos producían e exportaban grandes cantidades de sasafrán (Crocus sativus) a outros pobos. Co transcurso do tempo, a xente tamén comezou a percibir a moitas especies bulbosas como obxectos de simbolismo relixioso e non soamente como fonte de alimento. Os lirios (Lilium), por exemplo, foron empregados como símbolo de pureza durante centos de anos.

Lirios nun fresco da idade de bronce que representa unha paisaxe primaveral. Escavacións de Akrotriri, Santorini (Grecia).

Existen pinturas en palacios de Grecia de máis de 3.000 anos de antigüidade que testemuñan ese uso. Esta asociación entre a pureza e certos lirios pasou máis tarde á cristiandade, onde á Virxe María era representada con flores de lirio (Lilium candidum, "Madonna Lily" en inglés) nos seus brazos. O símbolo da flor de lis estivo orixinalmente baseado na flor dunha especie de Iris (Iris pseudacorus) e aparecía en pinturas relixiosas exipcias e indias moito antes que fose adoptado como emblema dos reis de Francia dende o Século V. As plantas bulbosas entón, serviron como alimento, símbolos relixiosos e do poder real desde hai miles de anos. Así mesmo, foron admiradas e utilizadas pola beleza das súas flores dende tempos inmemoriais e por moitas civilizacións. A lista de países que utilizaron ás plantas bulbosas como ornamento antes da era cristiá é bastante longa, e inclúe a Grecia, Exipto, China, Corea e a India. Aínda máis longa é a lista de xéneros que eran cultivados en tales países como plantas ornamentais: Lycoris, Lilium, Crocus, Cyclamen, Narcissus, Scilla, Gladiolus, Muscari, Ranunculus, Allium, Iris e Hyacinthus.[1][2]

Emprego en xardinería

[editar | editar a fonte]

As plantas bulbosas son as máis versátiles de tódalas especies para o xardín. Florecen en sitios moi diferentes e embelecen tódalas estacións do ano. Ademais da beleza das súas flores, moitas especies de plantas bulbosas posúen un atractivo follaxe, o que as fai aínda máis valiosas no deseño de parques e xardíns. A maioría delas, doutra banda, son relativamente rústicas e non demandan grandes coidados, multiplícanse ano tras ano formando colonias que, como máximo, hai que ralear ou aclarar para asegurar boas floracións. Existen en tódalas cores imaxinables e moitas posúen exquisitos recendos. Con respecto ao tamaño, pódense atopar especies de poucos centímetros de altura como Crocus minimus ata exemplares de 3,6 m como Cardiocrinum giganteum.[1][5]

Macizos e borduras

[editar | editar a fonte]

Os macizos e as borduras son os lugares do xardín onde tradicionalmente se plantan as especies bulbosas. A elección das especies a plantar dependerá de varios factores, tales como o tipo de chan, a posición (sitio con sol ou con sombra), a cor ou efecto que se desexa lograr no xardín e a época do ano na cal se desexa que as plantas florezan.

Bordura de tulipáns e iris).

A continuación amósanse exemplos da época de floración dalgunhas especies bulbosas:

Naturalización

[editar | editar a fonte]

Nos parques extensos é posible plantar algunhas especies para que se multipliquen espontaneamente e medran entre o céspede ou debaixo das árbores. Esta práctica, a naturalización dunha especie, esixe que se cumpran os requirimentos ecolóxicos da especie en cuestión e esta moi espallada nos países anglosaxóns. A vantaxe máis evidente desta práctica de cultivo é que os coidados necesarios son mínimos unha vez lograda a naturalización. As plantas axeitadas para naturalizar son aquelas suficientemente pequenas, pero capaces de competir co céspede circundante; rústicas, como para soportar ano tras ano as inclemencias do clima e prolíficas como para difundirse rapidamente.

Crocos naturalizados nos xardíns de Victoria Park, Londres

Algúns dos xéneros de plantas bulbosas axeitados para naturalizar en xardíns son: Allium, Anemone, Arum, Colchicum, Crocus, Cyclamen, Endymion, Fritillaria, Galanthus, Ipheion, Leucojum, Lilium, Muscari, Narcissus, Ornithogalum, Scilla, Sternbergia e Tulipa.

O xardín de rocalla é un espazo bastante reducido onde se poden crear condicións moi diferentes e cultivar un gran número de especies. A única limitante é o tamaño das plantas, que debe ser pequeno. Algúns dos xéneros de plantas bulbosas máis axeitados para o xardín de rocalla son :[1] Allium, Anemone, Anthericum, Bulbocodium, Chionodoxa, Cyclamen, Eranthis, Erythronium, Galanthus, Ipheion, Muscari, Ornithogalum, Oxalis, Romulea, Rhodohypoxis e Scilla.

Adquisición

[editar | editar a fonte]

As plantas bulbosas poden ser perennifolias, tales como Clivia, Agapanthus e moitas especies e variedades de Iris e Hemerocallis. Porén, a vasta maioría das plantas bulbosas son caducifolias xa que atravesan períodos do ano nos cales perden toda a parte aérea e os órganos de reserva áchanse en repouso baixo terra. Esta característica aproveitouse na comercialización deste tipo de plantas, xa que ao iniciarse o período de repouso, os bulbos poden arrincarse do terreo e acondicionarse para a súa venda, podendo permanecer secos, sen substrato algún, durante semanas ou meses.[1][2]

Multiplicación

[editar | editar a fonte]

As plantas bulbosas poden multiplicarse sexualmente, a través de sementes, ou ben vexetativamente. A multiplicación por sementes utilízase, en xeral, para incrementar rapidamente o número de exemplares dunha especie e cando se realiza melloramento xenético. Moitas das especies de plantas bulbosas son autoincompatibles, polo que se deben realizar polinizacións entre clons ou plantas diferentes para obter sementes. A maioría das sementes das plantas bulbosas xerminan ben cando se sementan axiña que como maduran. Algunhas especies necesitan un período de frío para xerminar. O maior problema da multiplicación por sementes é que as plantas obtidas por este medio serán moi variables para unha gran cantidade de caracteres, tales como a cor das flores, a altura e o período a floración, polo que normalmente utilízase a multiplicación asexual ou vexetativa para propagar este tipo de plantas. Dese modo, as características dun determinado cultivar permanecen inalterables.[6]

As plantas bulbosas poden multiplicarse vexetativamente de varios modos e existen, de acordo ao tipo de órgano de reserva, algúns métodos máis ou menos xerais os cales descríbense a continuación.[6][7][8][9]

Artigo principal: Bulbo.
  • Gromos:

A maior parte do bulbo está formado por escamas, as cales morfoloxicamente son as bases envolventes das follas. As escamas exteriores do bulbo, polo xeral, son carnosas e conteñen nutrientes de reserva. No centro do bulbo atópase xa sexa un meristema vexetativo ou un talo floral sen expandir. Nas axilas das escamas desenvólvense meristemas que producen bulbos en miniatura, chamados gromos. Nalgunhas especies de lirios (Lilium) estes bulbillos fórmanse non só nas axilas das escamas senón tamén nas axilas das follas normais, xa sexa na porción aérea ou na parte subterránea do talo.

Gromos ao carón do orixinal en Allium

Os gromos empréganse para espallar moitas clases de bulbos. Este método é o suficientemente rápido como para realizar a produción comercial de tulipáns, narcisos, iris bulbosos e muscari, pero, en xeral, é demasiado lento para outras especies.

  • Estacas de talo

É un método axeitado para a propagación de lirios (Lilium). Consiste, sinxelamente, en curtar o talo das plantas en anacos que levan dous ou tres follas, os cales plántanse en terra. Tales estacas, no canto de formar raíces e brotes, como acontece noutras plantas, forman gromos nas axilas das follas, os cales máis tarde producen raíces e brotes pequenos estando aínda adheridos á estaca. As estacas de talo fanse ao pouco tempo de finalizada a floración.

  • Estacas foliares:

Tómanse follas completas nunha época en que estean perfectamente desenvolvidas e divídense en dúas ou tres partes. Cada sección colócase nun medio de enraizamento, colocando o extremo basal varios centímetros por baixo da superfice. En 2 a 4 semanas fórmanse bulbiños na base de cada anaco de folla. Este método aplícase con éxito en Haemanthus, Hyacinthus, Muscari e Lachenalia.

  • Estacas de bulbo:

Consiste en curtar un bulbo maduro en seccións verticais, cada unha das cales debe levar unha porción do prato basal. Cada sección subdivídese logo mediante outro corte vertical realizado cada 3 ou 4 escamas. Cada estaca de bulbo, entón, está formada por unha sección do prato basal e porcións de 3 ou 4 escamas. Estas estacas plantar verticalmente nun medio de enraizamento, como turba e area, soterrándoas en toda a súa lonxitude. Nunhas cantas semanas fórmanse gromos novos entre as escamas, os cales logo emiten raíces. Varias especies poden multiplicarse por este método, entre elas Chasmanthe, Haemanthus, Hippeastrum, Hymenocallis, Lycoris, Narcissus, Nerine, Pancratium, Scilla e Sprekelia.

Campos de produción de plantas bulbosas en plena floración, Holanda
Artigo principal: Cormo (órgano de reserva).

A propagación de plantas con cormos faise principalmente por medio do incremento natural de novos cormios que medran á beira do cormo orixinal. Requírese un crecemento dun a dous anos para que estes cormillos alcancen un tamaño adecuado para florecer. Especies tales como Gladíolo, Fresia e Sparaxis multiplícanse deste xeito.

  • División do cormo:

Os cormos grandes poden dividirse en seccións de forma tal que cada unha delas reteña polo menos unha xema. Os anacos así obtidos débense espolvorear cun funxicida para evitar que podrezan por acción de patóxenos e plántanse. De cada sección xurdirá un gromo que inmediatamente emitirá raíces e dará unha nova planta.

Tubérculos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Tubérculo.
  • División:

Os tubérculos poden propagarse cortándoos en seccións e plantando cada unha delas, coa única condición que cada sección conserve unha xema. Este é o medio comunmente utilizado para a multiplicación comercial da pataca.

Raíces tuberosas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Raíz tuberosa.
  • División:

O método usual de propagación das raíces tuberosas é dividir a coroa de tal modo que cada sección leve como mínimo unha xema do talo. Esta división débese realizar pouco antes da plantación.

  • Estacas foliares:

A propagación vexetativa en plantas con raíces tuberosas, como a dalia ou as begonias tuberosas, é máis efectiva utilizando estacas foliosas. As estacas forman raíces nas súas bases e moi pronto rexeneran unha nova planta.

Artigo principal: Rizoma.
  • División

Efectúase ao comezo do período de crecemento (exemplo, ao comezo da primavera). Realízase cortando o rizoma en seccións, asegurando que cada unha delas ten polo menos unha xema lateral. Varias especies, tales como os Iris rizomatosos e o lirio do val (Convallaria)propáganse deste xeito.

Produción e mercado mundial

[editar | editar a fonte]
Campo de produción de tulipáns en Holanda

As plantas bulbosas prodúcense a escala industrial con dous obxectivos principais, a produción de flor cortada e a de bulbos secos. Estes últimos destínanse, á súa vez, a satisfacer a demanda de bulbos para parques, xardíns e uso particular e, doutra banda, para prover os bulbos necesarios para a produción de flor curtada. O comercio internacional de flor curtada ten un valor global aproximado de 11.000 millóns de Euros, o cal prové unha magnitude da importancia económica desta actividade.

Dende comezos do século XVI Holanda é o país líder na produción e comercialización de plantas bulbosas, tanto para o mercado de bulbos secos como para o de flor de curte. De feito, con aproximadamente 30.000 hectáreas adicadas a esta actividade a produción de bulbos nos Países Baixos representa o 65% da produción mundial e, ademais, este país ten unha participación do 95% no mercado internacional de bulbos adicados á produción de flor curtada. Estados Unidos é o segundo produtor internacional, seguido por Francia, Xapón, Italia, Reino Unido, Israel, Brasil e España.[10][11]

Sociedades Internacionais adicadas ás plantas bulbosas

[editar | editar a fonte]
  • International Bulb Society. Establecida en 1933, esta sociedade é unha organización internacional, educativa e científica, sen fins de lucro adicada á diseminación da información sobre o cultivo, a conservación e a botánica de tódalas plantas bulbosas. No seu sitio web posúe un excelente galería de fotos de gran cantidade de plantas bulbosas.
  • The Pacific Bulb Society. Organizada en 2002, esta sociedad ten como obxectivo diseminar información e compartir experiencias sobre o cultivo de plantas bulbosas ornamentais. No seu sitio web mantén un recurso educativo excepcional, "Pacific Bulb Society Wiki" con imaxes e información de numerosas especies de plantas bulbosas.
  • Australian Bulb Association. Organizada en 2001, posúe unha excelente colección de fotografías de plantas bulbosas no seu sitio web.
Gromos novos de Narciso.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Rosella Rossi. 1990. Guía de Bulbos. Grijalbo. Barcelona.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Hessayon, D.G. The Bulb Expert. Transworld Publishers Ltd. Londres, 1999
  3. "Cyrtanthus, por G. Duncan, Jardín Botánico Nacional de Kirstenbosch, Suráfrica.". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 14 de xullo de 2008. 
  4. Phillips, R. & Rix, M. 1989. Bulbs. Pan Books Ltd.]
  5. Taylor, P. 1996. Gardening with Bulbs. Pavillion Books Ltd., Londres.
  6. 6,0 6,1 Skelmersdale, L. 1978. Propagation of bulbous and bulbous-like plants. Proc. Inter. Plant Prop. Soc. 28:209-215
  7. Hartmann, H. & Kester, D. 1987. Propagación de plantas, principios y prácticas. Compañía Editorial Continental S.A., México. ISBN 968-26-0789-2
  8. Multiplicacion, reprodución de plantas bulbosas, bulbos
  9. Keener, E. 2004. Propagating bulbous plants. http://ucce.ucdavis.edu/files/filelibrary/616/13733.doc Arquivado 21 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
  10. "flower bulbs at Aboutflowerbulbs.com". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2009. Consultado o 14 de xullo de 2008. 
  11. Claps, L. 2001. Perfil del mercado internacional de bulbos para flor. INTA, UEM Santa Cruz

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Hessayon, D.G. The Bulb Expert. Transworld Publishers Ltd. Londres, 1999.
  • Rosella Rossi. 1990. Guía de Bulbos. Grijalbo. Barcelona
  • Phillips, R. & Rix, M. 1989. Bulbs. Pan Books Ltd.
  • Taylor, P. 1996. Gardening with Bulbs. Pavillion Books Ltd., Londres.
  • Hartmann, H. & Kester, D. 1987. Propagación de plantas, principios y prácticas. Compañía Editorial Continental S.A., México. ISBN 968-26-0789-2

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]