Paz Fernández Felgueroso
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de setembro de 1937 (87 anos) Donostia, España |
Alcaldesa | |
Datos persoais | |
Educación | Colegio de la Asunción, Gijón (en) Universidade de Oviedo |
Actividade | |
Ocupación | política, avogada |
Partido político | Federación Socialista Asturiana |
Paz Fernández Felgueroso, nada en Xixón o 28 de setembro de 1937, é unha política asturiana. É membro do PSOE e foi alcaldesa de Xixón desde 1999 até 2011.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Asistencia Social en Xixón e Dereito na Universidade de Oviedo. Entre 1965 e 1967 exerceu como profesora na Escola de Asistentes Sociais de Xixón. Máis tarde, tamén exercería como avogada, traballo que alternaría co desempeño de diferentes funcións tanto de carácter técnico como político durante máis de tres décadas.
Ocupou diversas responsabilidades durante os gobernos socialistas na década de 1980:
- Primeiro delegada e posteriormente membro do Consello de Administración na Compañía Telefónica Nacional de España.
- Secretaria de Estado de Comunicacións (Ministerio de Fomento|Ministerio de Transportes, Turismo e Comunicacións)
- Presidenta da Caja Postal de Ahorros.
- Directora Xeral de Institucións Penitenciarias.
Posteriormente, formou parte da candidatura do PSOE á Xunta Xeral do Principado nas eleccións autonómicas de maio de 1987, resultando elixida Deputada. Ademais, durante esa lexislatura (1987-1991) foi Conselleira de Industria, Comercio e Turismo do Goberno presidido por Pedro de Silva.[1] Foi tamén Presidenta do Instituto de Fomento Rexional.
Revalidou o seu escano de deputada na JGPA tras as eleccións autonómicas de 1991, aínda que renunciou ao mesmo en 1993, cando foi nomeada Secretaria de Estado de Asuntos Penitenciarios durante o último goberno de Felipe González (1993-1996).
Tras tres anos sen responsabilidades públicas, en 1999 é elixida para encabezar a candidatura do PSOE á alcaldía de Xixón nas eleccións municipais que se celebraron en xuño dese ano, tras ter sido designado, o entón alcalde Vicente Álvarez Areces, candidato á Presidencia do Principado. Conseguiu a vitoria por maioría absoluta e revalidouna nas eleccións de 2003 e 2007. Compaxinou o cargo de Alcaldesa de Xixón co de Vicepresidenta de Cajastur até abril de 2009.[2]
O 19 de xullo de 2010, anunciou que non se presentaría á reelección nas eleccións municipais que se celebraron en maio de 2011, despois de tres lexislaturas á fronte da alcaldía de Xixón.[3] Tras esta decisión, o PSOE de Xixón designou a Santiago Martínez Argüelles como candidato á Alcaldía de Xixón para as eleccións municipais de 2011.
Ademais, foi membro da Xunta de Protección de Menores de Xixón, Presidenta da Asociación Profesional de Asistentes Sociais en Asturias e a nivel estatal, así como Presidenta do Consello de Colexios Profesionais de Asistentes Sociais. Igualmente foi cofundadora e Presidenta da Asociación Feminista Democrática Asturiana, sendo firme portavoz e defensora da igualdade de xénero ao longo da súa traxectoria política.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]- O seu marido chamábase Daniel Palacio e tiveron 3 fillos.
- É irmá de María Antonia Fernández Felgueroso.
- É curmá de Paloma Felgueroso, esposa do que fora alcalde de Xixón entre 1970 e 1978, Luis Cueto-Felgueroso, e prima segunda do propio Luis Cueto-Felgueroso.
- É amiga desde a infancia de Margarita Salas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Consejos de Gobierno del Principado de Asturias desde 1982. Junta General del Principado de Asturias. [1] Arquivado 03 de outubro de 2010 en Wayback Machine.. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
- ↑ Iglesias Caunedo, del PP de Oviedo, accede a la vicepresidencia segunda de Cajastur. La Nueva España. [2]. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
- ↑ La regidora comunica al PSOE su renuncia a ser candidata a la Alcaldía por cuarta vez. La Nueva España.[3]. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
Predecesor: Julio Gavito Omaña |
Conselleira de Industria do Principado de Asturias 1987-1991 |
Sucesor: Víctor Zapico Zapico |
Predecesor: Antoni Asunción Hernández |
Secretaria de Estado de Asuntos Penitenciarios 1993-1996 |
Sucesor: Ángel Yuste Castillejo |
Predecesor: Vicente Álvarez Areces |
Alcaldesa de Xixón 1999-2011 |
Sucesor: Carmen Moriyón Entrialgo |